Caballero ofrece a Feijóo doce grandes acordos para "reconstruír" o país: "Non son cheques en branco"

Gonzalo Caballero e Alberto Núñez Feijóo na súa reunión do 26 de marzo de 2021 CC-BY-SA David Cabezón - Xunta de Galicia

"Cogobernanza". Foi a palabra máis repetida do secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, logo da xuntanza mantida este venres co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, no que dixo ter atopado "receptividade" ás súas propostas e "vontade construtiva" logo dunha reunión na que trataron os "doce grandes eixos" sobre os que o líder dos socialistas baseou as súas propostas de pacto para encarar "os grandes retos do país" e a reconstrución. 

Caballero pide a Feijóo que, "ademais de ter unha maioría absoluta, busque a cogobernanza" con axentes sociais, tecido asociativo ou concellos

Caballero, segundo dixo, solicitou a Feijóo que, "ademais de ter unha maioría absoluta, busque a cogobernanza cos galegos, cos axentes sociais, cos sindicatos e empresarios, co tecido asociativo ou co mundo municipal". Todo, engadiu, na busca "dun gran pacto de país para resistir á crise" e tras presentar esa proposta de acordo en torno a doce eixos que, lembrou "non vai de cheques en branco", senón de "copromiso con Galicia"

Caballero e Feijóo reunidos en San Caetano CC-BY-SA David Cabezón - Xunta de Galicia

O líder do PSdeG lembrou que o seu partido é "un elo" entre o Goberno de España e a Xunta, pero tamén o é "con tantas deputacións e gobernos municipais onde gobernan os socialistas" que, dixo, queren "construír desde o executivo e desde a oposición a sacar Galicia adiante"

"Temos que converter un día atípico como o de hoxe na normalidade democrática"

Caballero asegurou que atopou un Feijóo "receptivo" para establecer "un diálogo fluído" co que, "malia as diferenzas", se poida "poñer o mellor de cada un para defender os intereses dos galegos". "É o momento da cogobernanza", insistiu, en referencia á necesidade da colaboración entre oposición, Xunta e o resto de administracións para afrontar a crise derivada da pandemia. "Temos que converter un día atípico como o de hoxe na normalidade democrática", engadiu. 

Ademais, Caballero trasladoulle a Feijóo, en materia de autogoberno, que o PSdeG está "disposto a apoiar" a transferencia de 30 competencias que están en mans do Estado e que "poden ser xestionadas desde a administración autonómica". 

Caballero reclamou a Feijóo o fortalecemento do autogoberno e di estar "disposto a apoiar" a transferencia de 30 competencias en mans do Estado

Do conxunto de propostas feitas por Caballero, baseado nese documento de doce eixos básicos, o líder dos socialistas asegura que Feijóo "aceptou algunha" e ambos coincidiron na importancia de fortalecer o sistema de vacinación, na mellora da atención á sáude mental, na reforma da atención aos maiores ou na busca dun grande acordo sobre os proxectos europeos. "Seguiremos traballando para que rectifique no que creo que debemos seguir mellorando", dixo. 

Entre as proposicións de Cabalero a Feijóo, o líder dos socialistas galegos pediulle o "fortalecemento da sanidade pública e o reforzo do plan de vacinación" co obxectivo de "evitar unha cuarta onda". Así, reclamou "máis persoal do sistema sanitario para vacinar", así como que se cubra o traballo que os profesionais dedicados a este labor deixan de facer na Atención Primaria. Ao mesmo tempo, reclamou un "plan extraordinario de persoal" e de estabilización do emprego no Sergas e expresou as súas dúbidas sobre os atrasos e eivas que a atención telefónica está a provocar. 

Gonzalo Caballero e Alberto Núñez Feijóo, este venres CC-BY-SA David Cabezón - Xunta de Galicia

En canto á atención á saúde mental, e tal e como impulsara xa mediante unha moción o PSdeG, Caballero anunciou unha "liña de acordo" co presidente da Xunta para que de aquí a fin de ano se incorporen 120 profesionais máis nese ámbito ao Sergas

Respecto das axudas directas para os sectores máis afectados pola pandemia, apostou por "complementar" as do Estado con fondos da Xunta se for necesario e apostou por un "programa de reapertura de negocios e comercios que tiveron que pechar" pola COVID. 

Ademais, Caballero pediu a Feijóo que se "priorice o emprego" á hora de buscar un novo modelo económico de saída da crie, así como "un gran pacto e acordo" para a industria e novas liñas de actividade. 

Caballero criticou a "opacidade total" da Xunta coa oposición no que ten que ver cos proxectos aos fondos europeos

No que ten que ver cos proxectos aos fondos europeos, Caballero pideu un grande "acordo de país" para priorizar as alternativas máis interesantes co maior "apoio social", aínda que criticou a "opacidade total". "Non se nos trasladaron estes proxectos ata agora e descoñecémolos ata este momento", criticou o líder do PSdeG. 

Alén disto, Caballero reclamou tamén unha maior aposta por políticas de igualdade, blindar os servizos públicos esenciais, plans de futuro para a mocidade ou un novo modelo de residencias que, segundo dixo, Feijóo comprometeuse a presentar axiña. Ademais, solicitou a ampliación do fondo local para uns concellos que din sentirse "esquecidos" polo Goberno galego por asumiren "gastos extraordinarios que non son competencia súa". 

Por último, Caballero asegurou terlle presentado ao presidente da Xunta un "plan estratéxico cara ao ano 2030" para, "a través do diálogo político social e municipal" poñer "o mellro para reconstruír e reactivar Galicia", unha estratexia que, asegurou, Feijóo xa contempla. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.