Pontón ve receptivo a Feijóo en propostas puntuais do BNG pero lamenta que rexeite “un gran acordo de país” fronte á crise

Ana Pontón e Alberto Núñez Feijóo na súa reunión deste venres CC-BY-SA David Cabezón - Xunta de Galicia

Aumento de competencias ou ampliación da loita contra a violencia machista son elementos que a nacionalista salienta como ben acollidos polo presidente, ao que reclama transparencia sobre os proxectos para os fondos europeos

A reunión mantida este venres polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, saldouse tras máis de dúas horas coa nacionalista amosando a súa satisfacción pola receptividade que considera que amosou o seu interlocutor por varias das súas propostas pero lamentando que rexeite “un gran acordo de país” de carácter global para a recuperación de Galicia tras a crise da COVID-19. Xa antes de chegar ao encontro deste venres o presidente respondera con acusacións de radicalismo ás propostas do BNG para a reactivación económica.

Pontón e Feijóo reunidos en San Caetano CC-BY-SA David Cabezón - Xunta de Galicia

Segundo Pontón, o presidente está de acordo coa reclamación do BNG de que Galicia aumente as súas competencias tras doce anos “sen unha soa nova transferencia” desde o Goberno de España. Tras a volta do PSOE ao Executivo central, a Xunta reactivou a petición de competencias que paralizara durante os anteriores gobernos populares. Igualmente, a nacionalista salientou como unha das medidas que máis receptividade tivo por parte de Feijóo a de ampliar as medidas de apoio ás vítimas de violencia machista e facelas extensivas tamén a denominada violencia vicaria, a que os maltratadores exercen sobre fillos e fillas para danar ás mulleres.

Pontón reclamou que as 7 residencias que a Xunta vai construír con fondos de Amancio Ortega teñan xestión pública como proba de que a aposta por mudar o modelo do sector non é retórica

Pontón tamén dixo que o presidente comprometeuse a estudar a petición de que as sete novas residencias de maiores que a Xunta prometeu en 2017 nas cidades galegas e que agora vai construír con fondos doados pola Fundación Amancio Ortega funcionen baixo xestión directa pública e non a través de concesións ou contratos puntuais de servizos externos. Sería, dixo a nacionalista, unha demostración de que a aposta do Goberno galego por mellorar a situación do sector en Galicia despois das eivas detectadas durante a pandemia non é retórica.

Ana Pontón e Alberto Núñez Feijóo, este venres CC-BY-SA David Cabezón - Xunta de Galicia

Pola contra, entre os elementos de discrepancia a nacionalista mencionou a visión distante amosada sobre a situación da sanidade galega e lamentou que Feijóo non amosase interese en chegar a acordos noutras áreas, especialmente no que denominou como “gran acordo de país” para a recuperación da crise. Nese eido, a nacionalista reclamou que a Xunta faga públicos os detalles dos proxectos que asegura que está a preparar para presentar aos diversos fondos europeos de recuperación económica, así como as empresas que están detrás de cada un, despois de que este xoves o presidente volvese publicitar os desexos do seu Goberno ao respecto pero novamente ocultando as iniciativas concretas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.