Caballero pide a Feijóo que a Xunta poña cartos para rebaixar a AP-9 pero non concreta cando o fará o Goberno central en cumprimento da promesa socialista
“O BNG máis radical e o BNG máis lamentable da historia de Galicia é o que vostede encabeza”. Así respondeu este mércores o presidente Feijóo no Parlamento ás preguntas que lle formulou a portavoz nacionalista, Ana Pontón, sobre a xestión da pandemia da COVID por parte da Xunta e á proposta de medidas ao respecto que lle trasladou por escrito. Foi nun debate no que o presidente presentouse como defensor da Constitución fronte á ameaza que ao seu ver supón o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, que este martes secundou un manifesto crítico coas celebracións oficiais do 40 aniversario do golpe de Estado do 23-F.

“É bochornoso ver a un presidente da Xunta en medio dunha pandemia vir a facer oposición da oposición”, lamenta Pontón
Pontón chegou a deixar sobre o escano de Feijóo as propostas do BNG para os fondos europeos de reactivación que cheguen a Galicia, o que o presidente interpretou como que a nacionalista “necesita facerse unha foto comigo”, algo ao que se amosou disposto malia criticar a súa radicalidade. Feijóo, que non contestou nada sobre as propostas de xestión da Xunta dos fondos europeos pero se amosou disposto a ler as do BNG, centrouse en defender a Constitución, da que dixo aos nacionalistas que non poden cualificar como “réxime”. [O dicionario da RAG define réxime como "forma de goberno pola que un país se rexe" e pon como exemplos as expresións "Un réxime democrático. Un réxime monárquico"]
“É bochornoso ver a un presidente da Xunta en medio dunha pandemia vir a facer oposición da oposición”, díxolle Pontón. “Pregunto por Galicia e fala do 23-F, pregunto polos fondos de recuperación e fala do 23-F, pregunto pola campaña de vacinación e fala do 23-F”, exemplificou.
"Comprométase a ser parte da solución", pídelle Caballero a Feijóo sobre a rebaixa de peaxes na AP-9 prometida polo PSOE
Antes do debate co BNG Feijóo foi preguntado polo portavoz do PSdeG, Gonzalo Caballero, sobre a actuación da Xunta para rebaixar peaxes e lograr a transferencia da AP-9 a Galicia, promesas dos propios socialistas aínda pendentes de concretarse. En medio de acusacións mutuas sobre se foron gobernos centrais de PP ou PSOE os que máis beneficiaron a Audasa, Caballero insistiu en que o actual executivo de Pedro Sánchez está a traballar nunha rebaixa xeral de peaxes que xa ten consignación nos orzamentos do estado para este 2021 pero á que non puxo data porque argumenta que require de complexas negociacións con Audasa para que sexa efectiva ata o final da concesión, en 2048, e non só durante este ano. Caballero chegou a reclamar que a Xunta contribúa a esa rebaixa de peaxes prometida polos socialistas pero aínda non concretada: “Comprométase a ser parte da solución”, díxolle a Feijóo.
A resposta do presidente foi afear que o Ministerio de Transportes queira que sexa a Xunta a que asuma o cumprimento da sentenza do Tribunal Supremo que anulou a decisión do PP de rebaixar á metade o que Xunta e Goberno central pagaban a Audasa polas peaxes liberadas de Rande e A Barcala. Esa compensación reducida á metade en 2017 foi asumida en solitario polo Goberno central, que liberou á Xunta da súa outra metade, pero a anulación por parte do Supremo desa medida hai un ano levou ao ministerio e a Audasa a reclamar que a Xunta volva achegar a súa cota.