A Xunta critica o cumprimento da sentenza do Supremo que obriga a pagarlle máis a Audasa

Sentenza emitida hai un ano polo Tribunal Supremo que anula a redución da compensación a Audasa polas peaxes de Rande e A Barcala acordada en 2017 por Fomento CC-BY-SA Praza Pública

O Goberno galego carga contra o central despois de que a concesionaria lle reclamase executar a resolución xudicial que anulou a decisión unilateral de Rajoy de reducir á metade a compensación polas peaxes de Rande e A Barcala

Hai agora un ano o Tribunal Supremo anulou a decisión tomada unilateralmente en 2017 polo Goberno de Mariano Rajoy de reducir á metade a compensación a Audasa que viña pagando a medias coa Xunta por liberar de peaxe os treitos de Rande e A Barcala da AP-9. Un ano despois, Audasa vén de solicitar formalmente ás dúas administracións que cumpran a sentenza e paguen o que lle deben, o que esta fin de semana provocou que o Goberno galego emitise un comunicado cargando contra o Goberno central, ao que acusa de “apoiar” que Audasa “manteña” o seu suposto “enriquecemento inxusto”, cuestión desbotada polo Supremo na súa sentenza, que a Xunta omite.

Cabinas de peaxe da AP-9 © Audasa

En 2006 a Xunta gobernada por PSdeG e BNG e o Goberno central do PSOE decidiron asumir a medias o pagamento das peaxes de Rande e a Barcala para que eses dous treitos resultasen gratis para os usuarios. Co tempo esa cifra chegou a ascender a arredor de 12 millóns de euros ao ano, 6 pagados pola Xunta e outros 6 polo Goberno central.

En xullo de 2017 o Ministerio de Fomento, daquela encabezado polo popular Íñigo de la Serna, reduciu á metade de xeito unilateral esa compensación argumentando que a supresión da peaxe directa provocara un efecto chamada, un aumento do tráfico neses treitos moi superior ao experimentado no resto da AP-9, e que iso, aplicado ao pagamento por cada vehículo, lle estaba a supoñer á concesionaria un “enriquecemento inxusto” a cargo das arcas públicas que asumiran esas peaxes liberadas. Unha decisión de pasar a pagar a metade que o Goberno central tomou amparándose nun ditame do Consejo de Estado, presidido daquela polo popular José Manuel Romay Beccaría.

Fomento argumentara en 2017 que o sistema de cálculo da compensación estaba a supoñer un "enriquecemento inxusto" para Audasa, pero o Supremo rexeitouno

Aquela decisión de Fomento de variar a fórmula de cálculo da compensación permitiu non só reducir á metade a compensación senón tamén que o ministerio decidise pasar a asumir en solitario o custe, eximindo del á Xunta, cuestión que foi presentada como un logro polo presidente Feijóo.

Pero hai un ano o Supremo anulou a decisión de Fomento, o que implica que hai que volver a pagarlle a Audasa as contías previstas anteriormente así como o que non se lle pagou desde 2017. Esa sentenza chegou xa co PSOE novamente no Goberno central, e o Goberno galego vén defendendo que como o anterior Executivo de Rajoy decidira asumir en solitario o pagamento da factura, agora debe seguir facéndoo o actual e non volver á situación anterior que repartía os custos coa Xunta. Pola contra, o Goberno central considera que a sentenza do Supremo que anula a decisión de 2017 supón volver á situación anterior e que a Xunta teña que asumir a metade do pagamento, e así llo reclamou xa. 

Real Decreto co que en 2017 Fomento reduciu a compensación a Audasa argumentando que se estaba a enriquecer inxustamente, cuestión desbotada hai un ano polo Supremo CC-BY-SA Praza Pública

A Xunta lembra o ditame do Consejo de Estado presidido por Romay Beccaría que apelaba ao suposto “enriquecemento inxusto” de Audasa, pero oculta que o Supremo non o viu así

Agora, a chegada da carta de Audasa reclamando á Xunta a súa metade do pagamento leva ao Goberno galego a acusar ao ministerio de actuar unido a Audasa “en contra dos intereses dos galegos”. No seu comunicado, o Goberno galego lembra o ditame do Consejo de Estado que apelaba ao suposto “enriquecemento inxusto” da concesionaria, pero oculta que o Supremo non o viu así. Unha ocultación coa que a Xunta acusa ao Goberno central de “apoiar que ese enriquecemento se manteña”.

A nova polémica entre Xunta e Goberno central chega despois de que o ano 2021 comezase cunha nova suba das peaxes da AP-9 á espera de que o Executivo de Pedro Sánchez cumpra coa súa promesa de rebaixar as peaxes na autoestrada, para o que conta xa cunha partida nos orzamentos do Estado. Porén, o Goberno central argumenta que a tramitación da norma que lle permitirá aplicar eses descontos impídelle ofrecer unha data para a súa entrada en vigor. 

Esas explicacións non convencen ao BNG, que apoiou hai agora un ano a investidura de Pedro Sánchez a cambio, entre outras cuestións, de rebaixas na AP-9. Uns descontos cuxo atraso leva agora aos nacionalistas a ameazar con mobilizacións se non se aplican de xeito inmediato

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.