O Goberno de Rajoy reduciu ilegalmente a compensación a Audasa por liberar de peaxe Rande e A Barcala

Sentenza do Tribunal Supremo que anula a redución da compensación a Audasa polas peaxes de Rande e A Barcala acordada en 2017 por Fomento CC-BY-SA Praza Pública

O Tribunal Supremo obriga a pagar á concesionaria os arredor de 6 millóns ao ano que deixou de percibir desde que en xullo de 2017 Fomento modificou unilateralmente a fórmula de cálculo desas peaxes na sombra

Un día despois de divulgarse a condena dun xulgado de Pontevedra a Audasa a devolver aos usuarios as peaxes cobradas durante os atascos, este martes o Poder Xudicial fixo pública outra sentenza, do Tribunal Supremo, que anula a decisión tomada en xullo de 2017 polo Goberno de Rajoy de reducir á metade, de arredor de 12 a 6 millóns de euros, a compensación que paga cada ano á concesionaria por liberar de peaxe os treitos de Rande e A Barcala. O alto tribunal condena ao Estado a indemnizar a Audasa polos cartos que deixou de recibir neste tempo.

En xullo de 2017 o Ministerio de Fomento, daquela encabezado por Íñigo de la Serna, reduciu á metade de xeito unilateral a compensación que a medias coa Xunta viña pagando a Audasa pola supresión das peaxes nos treitos Vigo-O Morrazo e A Coruña-A Barcala acordada en 2006. Un dos argumentos que esgrimía o ministerio era que esa supresión provocara un efecto chamada, un aumento do tráfico entre Vigo e O Morrazo moi superior ao experimentado no resto da AP-9, e que iso, aplicado ao pagamento por cada vehículo que circula por eses treitos, lle estaba a supoñer á concesionaria un “enriquecemento inxusto” a cargo das arcas públicas que asumiran esas peaxes liberadas.

Real Decreto aprobado por Fomento en 2017 e agora invalidado polo Supremo no que o ministerio reducía a compensación a Audasa acusándoa de "enriquecemento inxusto" CC-BY-SA Praza Pública

Fomento argumentara en 2017 que o sistema de cálculo da compensación estaba a supoñer un "enriquecemento inxusto" para Audasa

O Supremo recoñece á Administración a posibilidade de modificar unilateralmente as condicións dunha concesión, pero só se non altera as “condicións esenciais” desta. O alto tribunal reprocha neste caso a Fomento que “se faga depender a retribución compensatoria de elementos estraños ao sistema inicialmente determinado”, que era o do pagamento dunha tarifa por cada vehículo que circulase polos treitos en cuestión, con independencia do aumento ou non do tráfico noutros treitos da autoestrada.

Durante as negociacións previas á redución da compensación decidida en 2017 Audasa propuxo "que se restablecera a peaxe"

Aquela decisión de Fomento de variar a fórmula de cálculo da compensación permitiu non só reducir á metade a compensación senón tamén que o ministerio decidise pasar a asumir en solitario ese custe, eximindo del á Xunta, cuestión que foi presentada como un logro polo presidente Feijóo. Agora a sentenza do Supremo anula aquela decisión de Fomento e obriga á Administración Xeral do Estado a compensar a Audasa polo que deixou de cobrar “sen prexuízo do dereito que poida asistirlle fronte á Administración da Comunidade Autónoma de Galicia como consecuencia dos efectos que poidan derivarse dos compromisos acordados no ano 2006”, cando as dúas administracións decidiron pagar a medias esa supresión das peaxes. Un pagamento a medias para o que a Xunta consignou durante anos 200 millóns menos do necesario para asumir a súa parte do compromiso ata o remate da concesión en 2048.

A decisión de reducir a compensación a Audasa tomada en 2017 por Fomento contou co aval do Consejo de Estado, presidido por José Manuel Romay Beccaría. No seu informe, esa institución reflectiu que durante as negociacións previas entre Fomento e Audasa a concesionaria propuxo, ante as queixas do ministerio, “que se restablecera a peaxe”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.