Audasa é condenada a devolver as peaxes cobradas cando hai atascos

A ponte de Rande durante as súas obras de ampliación © Audasa

O xulgado, nunha sentenza que pode ser recorrida, avala a demanda da Fiscalía polas obras de Rande, establece en que 81 momentos os usuarios se viron afectados e condena á AP-9 a non cobrar no futuro con feitos similares

Audasa terá que devolver as peaxes que cobrou durante as obras de Rande en 81 momentos concretos nos o tráfico se viu afectado entre o 4 de febreiro de 2015 e o 30 de maio de 2018. Así o vén de establecer o Xulgado do Mercantil número 1 de Pontevedra, que acolle parcialmente a demanda contra a concesionaria da AP-9 interposta pola Fiscalía, á que se adheriron as asociacións Adicae e En Colectivo, así como particulares. 

A sentenza tamén obriga á concesionaria a cesar no futuro nesa “práctica abusiva” cando se produzan na vía incidencias que a DGT cualifique coas cores negra (estrada cortada), vermella (circulación difícil, moi lenta con paradas frecuentes e prolongadas) ou amarela (circulación irregular, lenta con paradas esporádicas) “sempre que a ditos usuarios non se lles facilitase información sobre o estado da vía” que lles permita elixir outro itinerario distinto á peaxe.

Iso é o que a sentenza, que non é firme e que pode ser recorrida, considera que pasou nos 81 momentos que recolle e que dan dereito aos usuarios que se viron atrapados na vía a ser compensados por Audasa. Estes son eses momentos:

Calquera usuario, non só os que se adheriron á demanda, poderá solicitar a devolución acreditando que circulou nesas datas por eses treitos afectados da AP-9

Agora calquera usuario particular, non só os que se adheriron á demanda, poderá solicitar ser recoñecido como beneficiario da condena. Para iso deberán acreditar que circularon nesas datas por eses treitos afectados da AP-9 e as cantidades concretas aboadas por peaxes.

O xuíz considera “indiferente” que as incidencias fosen motivadas directamente polas obras ou por outras circunstancias, tales como accidentes, vehículos avariados, incendios ou desprendementos de terras. “O relevante non é a causa, senón o feito de cobrar un prezo a un consumidor que non recibiu a prestación do servizo e ao que non se lle proporcionou a información necesaria para que puidese tomar a súa decisión”, subliña. O titular do Xulgado do Mercantil número 1 de Pontevedra recalca que “non consta de ningún xeito que houbese algunha causa de forza maior que impedise a Audasa informar os condutores coa suficiencia e antelación oportunas”.

A sentenza lembra que está prohibido conducir e consultar o móbil mentres que a propia AP-9 conta con paneis informativos nos que non se informaba aos usuarios sobre o seu estado

O xulgado tamén desmonta o argumento de Audasa de que os usuarios sabían que en Rande había obras. A sentenza di que unha cousa é saber que as obras poden demorar un ou dous minutos as viaxes e outra que en varias ocasións o tráfico quedase cortado por completo. Ademais, fronte ao argumento de que os usuarios podían informarse do estado do tráfico na web da DGT, a sentenza lembra que está prohibido conducir e consultar o móbil á vez, mentres que a propia AP-9 conta con paneis informativos nos que non se informaba aos usuarios sobre o seu estado.

“O relevante non é a causa, senón o feito de cobrar un prezo a un consumidor que non recibiu a prestación do servizo", di o xuíz

Pola contra, o xulgado decretou que “non resulta procedente” a demanda da Fiscalía de establecer os criterios que debe seguir Audasa para garantir o cesamento das prácticas abusivas nin a esixencia de que a entidade presente ao Xulgado un criterio de eliminación do prezo da peaxe en determinados casos. “Non lle corresponde a este xulgado regular as condicións da prestación do servizo de autoestrada por parte dunha entidade concesionaria dunha obra pública”, recalca o xuíz.

O maxistrado tamén descartou considerar os feitos como un dano ou prexuízo que mereza unha compensación superior á restitución do prezo aboado en concepto de peaxe “o feito de tardar 10 minutos máis do habitual en cubrir os treitos afectados polas 81 incidencias mencionadas”. Non resultou acreditado, segundo a sentenza, que as incidencias causasen demoras superiores a 17 minutos.

13 dos 81 incidentes producíronse despois da inauguración oficial por parte de Rajoy

Durante a causa xudicial, a fiscalía afeou que o daquela presidente, Mariano Rajoy, inaugurase a ampliación de Rande o 30 de decembro de 2017 malia que "continuaron realizándose traballos na calzada". Agora a sentenza contabiliza ata 13 ocasións posteriores a aquela data en que o tráfico resultou afectado. Na causa, a Avogacía do Estado púxose do lado de Audasa sinalando que o contrato concesional non obrigaba á empresa a deixar de cobrar as peaxes, postura que evidenciou o medo a que unha sentenza contraria como a agora emitida faga que a concesionaria reclame posteriormente ao Ministerio de Transportes.

Feijóo, Pastor, Rajoy e De la Serna, no acto de inauguración da ampliación de Rande o 30 de decembro de 2017 CC-BY-SA Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.