Audasa dálle a volta á condena por cobrar durante 81 atascos: “O 99,7% do tempo a AP-9 estivo perfecta”

Imaxe da ponte de Rande distribuída por Audasa © M Riopa

“O xuíz rexeita as pretensións do fiscal”, asegura a empresa, malia que a sentenza estima varias delas, como que deixe de cobrar no futuro con atascos similares

“Estímase parcialmente a demanda interposta polo Ministerio Fiscal”, di textualmente a condena a Audasa a devolver as peaxes que cobrou durante 81 atascos rexistrados na contorna da ponte de Rande entre 2015 e 2018 que vén de emitir un xulgado de Pontevedra. Porén, a visión que este martes ofrece a propia concesionaria é completamente dispar: “O xuíz rexeita as pretensións do fiscal polas obras de ampliación da ponte de Rande”, asegura a empresa, dándolle a volta á sentenza. 

A sentenza non di que a AP-9 estivese "en perfectas condicións", como asegura Audasa, senón que as demoras dun par de minutos que producían as obras de xeito constante non teñen relevancia xurídica

A sentenza restrinxe aos 81 momentos concretos acreditados con probas a obriga de que Audasa devolva as peaxes, fronte á consideración do fiscal de que as obras de ampliación de Rande provocaran incidencias constantes no tráfico. A iso agárrase a empresa para asegurar agora que “o 99,7% do tempo que duraron os traballos, a AP-9 estivo en perfectas condicións”, algo que en ningún momento di a sentenza, que o que fai é considerar que as demoras producidas de xeito constante polos traballos, dun ou dous minutos, non teñen relevancia xurídica.

Audasa “decidirá nos próximos días se interpón recurso de apelación”

O feito de que a sentenza rexeitase algunhas das reclamacións da fiscalía, como que a concesionaria tivese que devolver as peaxes cobradas durante todo o período ou mesmo indemnizase a maiores aos usuarios, é amplificado por Audasa ata o punto de asegurar que “o xuíz rexeita as pretensións do fiscal”, cando o que fai é aceptar varias delas, incluída a de que a empresa deixe de cobrar no futuro cando haxa calquera tipo de atasco. 

No seu comunicado de valoración da sentenza, Audasa sinala que a empresa “decidirá nos próximos días se interpón recurso de apelación”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.