O ano no que Audasa tentou limpar a súa imaxe remata cunha suba das peaxes do 2,69%

Sala de control de tráfico da AP-9 © Audasa

Exposicións, publicidade, a contratación dun gabinete de prensa e un acordo co Colexio de Xornalistas tras anos sen atender aos medios son algunhas das medidas da empresa para mellorar a comunicación coa contorna social

O 1 de xaneiro, como cada comezo de ano, soben as peaxes de todas as autoestradas, menos dun 1% de media a nivel estatal que será un 2,69% no caso da AP-9 pola suma á suba ordinaria da inflación doutras dúas compensacións á concesionaria, Audasa: pola ampliación da ponte de Rande (1% anual ata 2038) e por un desfase rexistrado no cálculo da gratuidade das viaxes de volta entre Vigo e Pontevedra implantada en 2013 (0,8% que en 2020 se aplicará por terceiro e último ano). Unha suba de peaxes que está a ser empregada como arma política por todos os partidos con ampla repercusión mediática e que vén botar por terra parte da campaña de mellora da imaxe lanzada por Audasa durante o ano que vén de rematar. 

Anuncios publicitarios, atención aos medios de comunicación, exposicións e mesmo un acordo co Colexio de Xornalistas son algúns dos cambios rexistrados nos últimos meses no xeito en que Audasa se relaciona coa súa contorna. Por unha banda, a concesionaria da AP-9 levaba anos sen querer atender aos medios de comunicación por ningunha vía malia patrocinar durante un tempo para Galicia, xunto coa súa matriz Itínere, un foro de almorzos informativos con políticos e empresarios. Mesmo neses eventos os directivos da empresa presentes neles se negaban a responder as preguntas directas que se lles formulaban por parte dos presentes. 

Foro informativo que patrocinaba Audasa con políticos e empresarios no que os directivos da empresa se negaban a responder a preguntas dos medios de comunicación CC-BY-SA Xunta de Galicia

Itínere asegura nos seus informes á Comisión Nacional do Mercado de Valores que ten aprobado un Código de Ética desde 2008 no que aposta pola "transparencia", algo que durante anos evitou cumprir 

Unha situación que se producía malia que Itínere vén asegurando nos seus informes anuais entregados á Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV) que ten un Código de Ética e Conduta aprobado desde 2008 no que di apostar pola “transparencia: difundir información adecuada e fiel da nosa xestión. Unha información veraz e contrastable. Unha comunicación clara tanto interna como externamente”.

A situación cambiou cando hai uns meses a empresa contratou un gabinete de comunicación externo que se encarga de canalizar as súas relacións cos medios de comunicación e emitir de xeito periódico notas de prensa con datos positivos para a entidade, como que é as súas peaxes están por baixo da media estatal. Ao tempo, comezaron a publicarse anuncios publicitarios nalgúns medios de comunicación, como os que promoven o uso do sistema de telepeaxe co lema “que nada interrompa o pracer de conducir”. 

De xeito paralelo, Audasa vén desenvolvendo diversas actividades de proxección social. Por unha banda, ao tempo que a ampliación da ponte de Rande era premiada por unha asociación internacional de pontes, a concesionaria despregaba os seus recursos para poñer ese feito en valor. Varios xornalistas galegos desprazáronse a Nova York para asistir á entrega do galardón, información que varios medios acompañaron de pezas complementarias con datos positivos sobre a concesionaria. Ao tempo, a empresa organizou exposicións sobre as obras de ampliación tanto na cidade estadounidense como en Vigo e promoveu un concurso de fotografía

Anuncio publicado por Audasa promocionando o uso da telepeaxe co lema "que nada interrompa o pracer de conducir" Dominio Público Audasa

Audasa dispón agora dun espazo na web do Colexio de Xornalistas para responder as preguntas que calquera quera formularlle sen verse, di, "afectada por liñas editoriais nin políticas"

Audasa mesmo conta desde o pasado verán cun espazo na páxina web do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia baixo o título ‘Autoestrada da información’. Nel a concesionaria e o colexio de xornalistas ofrecen a posibilidade de preguntar á concesionaria calquera cuestión “sobre a actividade e funcionamento” da AP-9. Nas respostas publicadas nese espazo xustifícanse, entre outras cuestións, os aumentos das peaxes, a constante redución de persoal por parte da empresa ou por que se cobra igualmente ao usuario aínda que a vía estea en obras e se vexa reducida a súa utilidade.

As condicións de uso dese espazo informativo sinalan que “é de uso aberto para calquera persoa, profesional do xornalismo ou non” e vetan “preguntas que conteñan inxurias, insultos, difamacións ou que se refiran a persoas concretas, ou a asuntos fora do ámbito da Autoestrada do Atlántico”. Praza.gal formulou nese espazo a seguinte pregunta: “Que contrapartida dá Audasa ao Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia a cambio deste espazo ‘Autoestrada da información’ ou de calquera outra actividade realizada conxuntamente?” A resposta obtida é a seguinte: “A contrapartida de Autopistas del Atlántico S.A. co Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) é económica, sometida a un convenio asinado a mediados de ano, co compromiso de crear un espazo no que a Autopista do Atlántico resposte con prontitude e transparencia ás preguntas que se formulen sobre a súa actividade, publicar as preguntas e respostas e manter a identidade ou anonimato solicitado polo interrogador. A Autoestrada da Información unicamente persegue informar e respostar, co obxectivo de aplicar a máxima transparencia nunha web independente, non afectada por liñas editoriais nin políticas, e poder informar de xeito áxil e directo sobre calquera pregunta ou suxerencia”.

A Xunta vén amosando a súa indignación polas novas subas da peaxe, avaladas polo anterior Goberno central do PP, pero ao tempo está disposta a achegar cartos a Audasa para que poña luces ornamentais na ponte de Rande

Desde o Colexio de Xornalistas arguméntase que ese espazo patrocinado non afecta á independencia do colexio e permítelle obter recursos para as súas actividades do mesmo xeito que o fai con outros programas como o de Xornalismo na escola (patrocinado por La Caixa) ou a Bolsa Nacho Mirás para novos titulados (patrocinada por Abanca).

A esta nova estratexia de maior presenza de Audasa na sociedade pode contribuír proximamente de xeito indirecto a Xunta, que nas últimas semanas vén amosando a súa indignación por unhas subas de peaxe avaladas polo anterior Goberno central do PP. Malia esas críticas, o Goberno galego está disposto a achegar máis cartos públicos a Audasa para que ilumine Rande con luces ornamentais.

Tarifas da AP-9 para 2020 © Audasa

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.