A culpa é de quen conduce: así tenta Audasa eximirse das súas propias neglixencias na AP-9

Recurso de Audasa dubidando de que un condutor accidentado pagara a peaxe e rexeitamento da Audiencia da Coruña CC-BY-SA Praza Pública

O 1 de xaneiro Audasa aumentará pola inflación un 2% as peaxes na autoestrada AP-9, que ao longo de 2018 subirán preto doutro 2% en aplicación da compensación polas obras de ampliación da ponte de Rande e a circunvalación de Santiago e pola gratuidade das viaxes de volta entre Vigo e Pontevedra. Con esas peaxes, en 2016 Audasa obtivo uns beneficios despois de impostos de 45 millóns de euros, pero cando é a ela á que lle toca pagar, nos casos de accidentes producidos polo mal estado da vía, a concesionaria recorre a todo tipo de argumentos para tentar reducir a súa responsabilidade. Culpar a xeadas imprevistas, á impericia dos condutores sinistrados ou pedirlles que demostren que pagaran a peaxe son algunhas das estratexias da empresa que a Xustiza vén rexeitando. Así o reflicten varias das sentenzas que só no último ano acabaron con condenas a Audasa.

A Xustiza vén rexeitando pretensións da concesionaria de aforrarse indemnizacións con argumentos como que as xeadas son imprevistas, que os condutores non usaban luces largas ou que non demostraron que pagaran a peaxe

O pasado 20 de outubro a Audiencia Provincial da Coruña ratificou a responsabilidade de Audasa nun accidente ocorrido na madrugada do 14 de febreiro de 2014 cando unha árbore caeu sobre a calzada á altura de Ordes. Un vehículo colidiu contra a árbore e posteriormente outro chocou contra o primeiro.

Audasa tentou rebaixar a súa responsabilidade argumentando que os condutores dos vehículos non empregaban as luces largas e circulaban demasiado rápido, pero a Audiencia rexeitou ese argumento dicindo que “non pode considerarse unha neglixencia o non facer uso nun momento dado do alumeado de larga distancia, de moi difícil emprego na autoestrada AP-9, dado o risco constante de deslumbramento a outros usuarios”, e engade que “hai un feito desencadeante de todo o evento danoso: a caída da árbore sobre o carril dereito; trátase dunha vía de alta capacidade, de obrigada velocidade mínima, onde non pode esixirse aos condutores que adecúen a súa velocidade á posibilidade de deter os seus automóbiles no espazo visible coas luces de cruce”. Para a Audiencia, “un vehículo circulando pola autoestrada a 60 quilómetros por hora, como propón a apelante [Audasa], converteríase nun gravísimo risco para os demais usuarios”.

Sentenza que rexeita a pretensión de Audasa de culpar a un condutor sinistrado por non usar luces largas CC-BY-SA Praza Pública

Ante o argumento de Audasa de que condutores sinistrados deberían circular máis despacio a Audiencia da Coruña retrucou que “un vehículo circulando pola autoestrada a 60 quilómetros por hora, como propón a apelante, converteríase nun gravísimo risco para os demais usuarios”

Noutra sentenza do pasado abril sobre o mesmo accidente na que analiza a situación doutros dos lesionados nese sinistro a Audiencia incide en que “a árbore estaba arraigada no noiro contiguo á autoestrada, dentro do seu recinto, e polo tanto en zona directamente comprometida polas obrigas de mantemento que incumben á concesionaria para preservar a seguridade dos usuarios”. O tribunal di que a “anormalidade” que supón a presenza dunha árbore na calzada dunha autoestrada “non está na previsión dun condutor, non xa dun normalmente atento, senón incluso do extraordinariamente precavido”. E conclúe que os sinistros “debéronse a unha defectuosa e neglixente observancia das normas de coidado que a lei impón á concesionaria”.

“Neglixencia” de Audasa tamén atopou a mesma Audiencia da Coruña nunha sentenza emitida o pasado 30 de marzo sobre un sinistro múltiple ocorrido o 3 de decembro de 2010 nas proximidades da peaxe de Guísamo, no comezo do ramal da autoestrada cara Ferrol, pola existencia na calzada dunha placa de xeo. Nesa causa a concesionaria tentou argumentar que non podía prever a presenza de xeo e mesmo que os condutores non tiñan dereito a reclamar porque non acreditaran o pagamento da peaxe.

O tribunal rexeitou a pretensión de Audasa de que un condutor sinistrado demostrase que pagara a peaxe replicándolle que ela mesma non o denunciara por impago

Audasa argumentou que “é de todos coñecido o feito de que múltiples usuarios de toda España se negan a aboar as peaxes por entender que tales servizos deben ser gratuítos, así pois non se pode presumir que se perfeccionou o contrato se non se acredita o pagamento da peaxe” por parte do condutor sinistrado. Porén, a Audiencia retrucoulle dicindo que “o feito de que o vehículo circulaba pola autoestrada acredita” por si só a relación contractual entre o usuario e Audasa, engadindo que esta non presentara “denuncia ou reclamación algunha contra algún dos condutores dos vehículos afectados por impago da peaxe”.

Audasa tamén tentara argumentar nesa causa que fixera todo o posible para evitar a placa de xeo e que fora imprevista. Porén, non foi quen de acreditar que tipo de actuación acometera na zona do sinistro nas horas previas a este. O que a Xustiza considerou “acreditado testemuñalmente” foi que “na calzada non había restos de sal nin da aplicación de calquera outra substancia fundente” malia que nas horas previas estivera activa unha alerta meteorolóxica. A Audiencia desestimou todos os argumentos de Audasa e ratificou a sentenza condenatoria, na que se di que “a responsabilidade na causación do sinistro que nos ocupa corresponde única e exclusivamente á actuación neglixente da concesionaria”.

Sentenza da Audiencia da Coruña rexeitando o argumento de Audasa de que unha xeada fora imprevisible CC-BY-SA Praza Pública

“A responsabilidade que deriva da titularidade dunha concesión, se esta se considera como un beneficio, en canto faculta a un particular explotar no seu beneficio un servizo público, leva aparellado outras cargas, como sería o deber de prestar cun coidado extremado o servizo”

Hai agora un ano a Audiencia da Coruña tamén fixo responsable a Audasa doutro accidente ocorrido o 25 de marzo de 2015 en Narón, cando un vehículo colidiu cun fito de sinalización viaria que ocupaba o carril dereito da calzada polo que circulaba tras ser desprazado do seu lugar orixinario. A concesionaria tentou argumentar que fora o condutor o neglixente: “A tese da parte demandada é que dito fito atopábase correctamente situado na calzada, cumprindo a súa función sinalizadora cando o turismo colidiu neglixentemente co mesmo”, di a sentenza. Porén, a Audiencia sinala que os axentes da Garda Civil “deixan constancia do lugar onde se atopaban os restos do fito, é dicir sobre a calzada destinada ao tráfico viario” e que outra testemuña dos feitos “descarta que fora un despiste do condutor o que provocase a colisión”.

Nestes e noutros casos, xunto cos argumentos para tentar facer responsables dos sinistros aos condutores, Audasa tamén se cura en saúde e tenta rebaixar a súa propia responsabilidade para o caso de que acabe sendo considerada culpable das súas propias neglixencias. Así, non só son recorrentes os seus intentos de rebaixar o grao das lesións dos accidentados para así ter que lles pagar menos, senón que tamén vén argumentando que o mantemento da autoestrada o ten subcontratado con outra empresa e que os accidentados deben recorrer contra esta. Os tribunais veñen rexeitando esa pretensión lembrando que os condutores pagan a súa peaxe a Audasa, e debe ser ela quen responda de xeito directo e quen coide ao máximo do estado da vía. A Audiencia da Coruña lembra, nunha das súas sentenzas, “a responsabilidade que deriva da titularidade dunha concesión, xa que se esta se considera como un beneficio, en canto faculta a un particular explotar no seu beneficio un servizo público, leva aparellado outras cargas, como sería o deber de prestar cun coidado extremado o servizo”.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.