Despois do afundimento electoral do PP de Vigo nas eleccións municipais do pasado maio o presidente da Xunta e líder do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, laiouse publicamente de que os investimentos do Goberno galego na cidade non trouxesen consigo "rendibilidade electoral" para o seu partido. Os populares emprenderon daquela un novo intento de reconstrución do PP vigués, que comezou co nomeamento da ex-alcaldesa Corina Porro como responsable da xestora local do partido tras a dimisión de Elena Muñoz e, ao mesmo tempo, a súa colocación como delegada da Xunta na cidade.
Cadrando co inicio da instalación do alumeado de Nadal por parte do Concello vigués, Porro e a conselleira de Infraestruturas anunciaron que pediron a Audasa un novo alumeado na ponte sobre a ría
Nestes apenas dous meses Porro amosou a súa vontade de volver ser protagonista na vida política viguesa, xa sexa anunciando diversas obras da Xunta ou rivalizando mediaticamente co alcalde, Abel Caballero, a través de xestos que ben poden ser equiparados a algúns cos que o rexedor socialista gañou elevadas cotas de popularidade. Así, por exemplo, Porro presentábase ante a prensa o pasado agosto vestindo unha camisola do Celta para confrontar con Caballero a conta das reformas no estadio de Balaídos. E este 10 de setembro, cadrando co temperán inicio da colocación do alumeado de Nadal por parte do Concello, prometeu xunto á Conselleira de Infraestruturas un novo alumeado ornamental para a ponte de Rande.
Dende hai días o goberno vigués viña anunciando que esta semana comezaría a colocación das luces do Nadal, que Caballero presenta dende hai anos como un dos emblemas do seu goberno. Así, o rexedor acudiu a un dos puntos da cidade onde xa se están a instalar as primeiras das dez millóns de luces led que, di, serán colocadas polas rúas viguesas.
Ha ser, asegurou, "o máis importante alumeado de Nadal que houbo nunca en cidade algunha". "O resplandor poderá verse desde Madrid, Sevilla, Valencia e Nova York", agregou o mandatario, quen pronunciou tamén palabras en inglés para asegurar que convida o rexedor da cidade norteamericana a visitar as luces, que serán inauguradas o 23 de novembro e traerán consigo a instalación dunha noria, entre outros elementos.
O alcalde asegura que "o resplandor" do alumeado de Nadal "poderá verse desde Madrid, Sevilla, Valencia e Nova York" e a Xunta proclama que o alumeado de Rande farao equiparable á Golden Gate
Case ao mesmo tempo, na delegación da Xunta, Porro e a conselleira Ethel Vázquez daban detalles do que, en rigor, é unha petición da Xunta a Audasa, concesionaria da AP-9: que "dote a ponte de Rande dunha iluminación ornamental que reforce a súa monumentalidade como símbolo da ría de Vigo", dixeron na delegación viguesa do Goberno galego por tras dun rótulo coa lenda "a Xunta con Vigo", que substituíu o anterior lema "a que + inviste en Vigo". Se o fai, manifestaron en declaracións que recolle Faro de Vigo, será equiparable á Golden Gate de San Francisco ou a Tower Bridge de Londres.
Segundo Vázquez, a intención é que "sexa un símbolo de referencia internacional" grazas á instalación dun alumeado que "non debe repercutir nas peaxes", segundo a conselleira. Por iso, explican, "o Goberno galego solicitoulle hai meses á empresa que este fito da enxeñaría brille con luz propia e alumee Vigo e toda a súa ría". "Nos últimos días -di a Xunta nun comunicado- demandou coñecer o documento técnico no que se traballa". E a promesa foi formulada xusto este 11 de setembro, cadrando co inicio da colocación das luces do Nadal por parte do Concello.