O presidente atribúe a caída dos populares fronte a Caballero a que non foron quen de “comunicar” o feito polo seu goberno
A comezos de 2013, tras máis dun ano de recortes por parte do Goberno de Mariano Rajoy e pouco despois de publicarse os papeis de Bárcenas, Feijóo reprochaba publicamente ao daquela líder do seu partido que lle faltaba “relato” e pedía un maior esforzo para facerse entender pola cidadanía. Este luns, preguntado en Vigo polo afundimento do PP nesa cidade nas eleccións municipais, co 13% dos votos fronte ao 67% de Abel Caballero, Feijóo volveu atribuír a problemas de comunicación a situación do seu partido, cuxa agrupación viguesa leva anos sumida nunha crise interna.
Feijóo admitiu que os resultados do PP en Vigo foron “moi malos” pero atribuíunos á “ladaíña” de Caballero en contra da Xunta malia que, dixo, é a administración que “máis inviste” na cidade. “Lamentablemente non fomos capaces de comunicalo e non tivo rendibilidade electoral”, dixo Feijóo, vinculando así abertamente as decisións do seu Goberno na cidade coas expectativas de voto do PP vigués. Entre os exemplos de investimentos da Xunta na cidade que puxo Feijóo citou de xeito expreso o novo hospital Álvaro Cunqueiro, construído cunha colaboración público-privada a pagar nos próximos anos que serviu como arma política a Caballero para criticar que o Goberno galego estaba a privatizar a sanidade viguesa.
Feijóo di que o PP vai traballar para que “a xente en Vigo se dea conta da realidade das cousas”
Malia os malos resultados electorais, Feijóo asegurou que o seu Goberno seguirá a considerar a Vigo unha cidade prioritaria e que o PP vai traballar para que “a xente en Vigo se dea conta da realidade das cousas”. Para iso, lembrou que tras as eleccións o partido nomeou unha xestora, encabezada pola ex-alcaldesa Corina Porro, para “reconstruír” e “ensanchar” o partido en Vigo.
Porén, parte dos problemas existentes no PP de Vigo son produto da división das súas bases, que quedou en evidencia no congreso local de 2016 no que a candidata designada por Feijóo xa para as municipais de 2015, a súa ex-conselleira de Facenda Elena Muñoz, gañou por 420 votos fronte a 320 logrados polo seu opoñente e tamén ex-conselleiro Javier Guerra, que posteriormente coquetearía con Ciudadanos.