O pasado domingo Abel Caballero revalidou o seu triunfo en Vigo cunha esmagadora maioría absoluta: o 67,64% dos votos, multiplicando por 5 os apoios recibidos pola popular Elena Muñoz. O PSdeG-PSOE creceu 28.000 sufraxios e, por suposto, impúxose en todos os barrios. De feito, a formación superou o 49% dos votos en 242 das 244 seccións censuais da cidade.
O PSdeG superou o 49% dos votos en 242 das 244 seccións censuais da cidade
É mais, obtivo máis do 70% dos sufraxios en 92 deles, sobre todo en barrios e parroquias como Lavadores, Coia, Candeán e Beade. Porén, tampouco baixa do 50% no centro da cidade e só nalgunhas zonas próximas ao Areal, e ás rúas Policarpo Sanz ou García Barbón (os feudos máis importantes do PP), Caballero ficou no 40%. Iso si, en primeiro lugar e con ampla marxe con respecto aos populares.
O PP, en cambio, obtivo o seu peor resultado histórico na cidade de Vigo, con só o 13,69% dos votos e só 4 concelleiros, un mínimo que os populares non acadaban dende os 3 edís de Coalición Democrática en 1979. Tan só nalgunhas rúas do centro e na zona de Oia o PP supera o 25% dos apoios e hai amplas áreas da cidade nas que os populares mesmo baixan do 10%.
A Marea de Vigo perdeu cinco puntos e seis mil votos, mantendo certa forza nos barrios de Coia, Teis e Navia, (superando o 10%) pero baixando tamén nestas prazas.
O BNG, pola contra, gañou algo máis dun punto e uns 1.600 votos, recuperando a súa presenza na corporación municipal. Os nacionalistas obtiveron os seus mellores resultados en Zamáns e na Cidade Vella.