“Aquí comecei a ter conciencia de ser galego”, dixo este venres Feijóo fronte á súa casa natal dos Peares, onde asegurou que “o motor identitario e emocional para a maioría dos galegos está nas aldeas”. Alí el, obviando a súa licenciatura en Dereito, aprendeuno “todo”, fronte a outros, en referencia velada aos seus contrincantes, que o fixeron “nas universidades”. Así o dixo no acto que o candidato do PP considera “máis importante” da súa campaña para a súa terceira investidura como presidente da Xunta, na súa “aldea”, onde aínda se están rematando agora as obras da ponte que en 2010 prometera aos seus conveciños que faría en dous anos.
A visita de Feijóo aos Peares estaba prevista para o pasado venres, primeiro día de campaña, pero o accidente de tren do Porriño impediuna. Malia iso, o PP non quixo prescindir dela, e a nova ponte sobre o Miño vén reforzar o simbolismo que o PP e o propio candidato lle dan aos Peares como orixe do presidente Feijóo nesta campaña súa tan personalista. Nese lugar onde se xuntan os ríos Miño, Sil e Bubal, que á súa vez establecen as fronteiras administrativas pero non sociais dos concellos de Carballedo e Pantón na provincia de Lugo e da Peroxa e Nogueira de Ramuín na de Ourense, é onde Feijóo naceu en 1961 e viviu ata que o enviaron estudar fóra. Aquel “neno de aldea”, como se presenta, chegou en 2009 a presidente da Xunta e, un mes despois da súa vitoria electoral, celebrouna nos Peares.
O candidato do PP vincula varias das súas políticas co que aprendeu na súa vila natal, onde a Xunta aínda está a rematar agora o novo viaduto que prometera ter listo para 2012
Aquel día de festa Feijóo estivo acompañado polo hoxe condenado por prevaricación e daquela presidente da Deputación de Ourense e do PP provincial, José Luis Baltar Pumar (alcalde entre 1976 e 1995 de Nogueira, o concello ao que pertence a parte dos Peares na que naceu), e polo seu fillo e herdeiro en ambos cargos, José Manuel Baltar Blanco, agora tamén imputado por prevaricación e suborno. Co segundo como acompañante presentouse Feijóo este venres na súa casa natal, que xa non está nas mans da súa familia, e fixo o discurso máis persoal dos que se lle lembran, no “punto do mapa máis importante do mundo”, onde enumerou parte dese “todo” que di que aprendeu alí, emocionándose en varias ocasións e vinculando a súa traxectoria vital coa profesional.
Na vila dos catro concellos e tres ríos, Feijóo di que coñeceu desde as dificultades da orografía e das divisións administrativas galegas que o levarían a traballar por unha “Galicia única”, ata o desemprego que sufriu o seu pai, falecido o pasado xullo. Tamén aprendeu que, malia que o motor económico de Galicia está no ámbito urbano, “o motor social, identitario e emocional para a maioría dos galegos está nas aldeas”. “Quen o esqueza, non coñece Galicia”, engadiu, en referencia ao suposto interese que atribúe aos seus contrincantes en captar o voto urbano polo seu maior volume.
Feijóo dixo que no ultramarinos da súa avoa aprendeu "o importante que é levar ben os cartos” e cumprir o déficit para que “non nos sinalaran por ter débedas”
E seguiu. “Aquí aprendín o importante que é levar ben os cartos” e cumprir o déficit para que “non nos sinalaran por ter débedas”, dixo sobre un dos eixos das súas políticas na Xunta desde 2009, a austeridade, lembrando ao tempo que a súa avoa, “a señora Eladia”, rexentaba un ultramarinos, próximo a outro, “o do alpargateiro”, cuxo can non aturaba a Feijóo por ser “da competencia”. “Aquí aprendín a falar galego, sen profesora, coa avoa, a tía Rosalía e a tía Celia, lista como un allo, é certo que non aprendín galego normativizado, aprendín o que se mama”, engadiu sobre outra das cuestións, a da lingua, que lle botan en cara outros partidos. E mesmo sobre as infraestruturas, área da que foi conselleiro, dixo que nos Peares aprendeu algo: como non facer unha ponte con tanto impacto ambiental como a da N-120 que sobrevoa a súa casa.
En 2010 Feijóo prometeu unha nova ponte nos Peares para 2012 que custaría 1,7 millóns. O viaduto aínda se está a rematar agora, catro anos máis tarde, cun custo elevado a preto de 2,8 millóns.
Unha nova ponte para Os Peares, con menos impacto, foi o que prometeu Feijóo o 14 de maio de 2010, un ano e un mes despois de tomar posesión como presidente da Xunta. O viaduto, xunto á que fora a súa casa, remataríase en 2012 tras un investimento de 1,7 millóns de euros. Este venres, catro anos despois do prometido e cun custo elevado a preto de 2,8 millóns, os traballadores estaban aínda realizando as probas de carga da nova ponte, que os veciños xa cruzan saltando o valado de obras malia que aínda non estea rematada de todo. Fano porque evitan así ter que pasar polos municipios lucenses de Carballedo e Pantón nun rodeo de máis de cinco quilómetros para os vehículos ou dun quilómetro para os peóns, obrigados a empregar unha estreita pasarela da liña ferroviaria que tamén atravesa a vila. Este venres Feijóo non se referiu á ponte no seu discurso ante os seus veciños. Non fai falla. Todos, nos Peares, saben que a ponte fíxoa “o neto da Eladia, o fillo da Sira e o Saturnino”.