Enésimo cuestionamento de Feijóo á eutanasia: "Fronte a un PP desatado, o PSOE garántea"

Feijóo, entrevistado no podcast 'El sentido de la birra' © ESDLB

"Esa modificación pode ser unha derrogación total ou parcial? Por suposto", di o ex-presidente sobre os seus plans para a lei de eutanasia se logra gobernar tras o 29N

Non é,  nin de lonxe, a primeira ocasión na que Alberto Núñez Feijóo cuestiona o dereito á eutanasia. Pero, posiblemente, a súa resposta ao respecto no podcast El sentido de la birra é a vez na que o ex-presidente máis abertamente se pronuncia sobre unha posible derrogación da lei que o ampara no caso de que, tras as eleccións xerais do 29 de novembro, unha maioría absoluta das dereitas no Congreso lle permita ser investido como presidente do Goberno de España. Ante ese cuestionamento, o PSdeG retruca presentando a posibilidade de continuidade de Pedro Sánchez como "garantía" do mantemento da lei.

Durante esa entrevista Feijóo reiterou que "non" concorda coa lei de eutanasia e a súa vontade de modificala, como noutras ocasións. Pero abondou: "Esa modificación pode ser unha derrogación total ou parcial? Por suposto", afirmou a respecto do texto aprobado por ampla maioría do Congreso en 2020, vinte e dous anos despois da morte do sonense Ramón Sampedro ao inxerir voluntariamente unha dose letal de cianuro tras trinta anos de tetraplexia nos que clamou sen éxito pola legalización do dereito á morte digna en supostos coma este.

Reunión do Consello da Xunta do 8 de xullo de 2021, presidida por Feijóo, que aprobou a creación da comisión que avaliará as solicitudes da eutanasia sen anuncialo posteriormente CC-BY-SA David Cabezón / Xunta

Con esta reflexión -que non figura no programa electoral do PP- e mentres a demoscopia apunta a que a proximidade das dereitas ao poder é aínda máis estreita que en anteriores comicios Feijóo vai alén do prometido no seu programa de 2023. Si recunca, como daquela, en mesturar o dereito á eutanasia cos coidados paliativos -cuxa mellora o programa do PP si inclúe- e, asemade, en cuestionar as garantías da lei vixente que el mesmo se viu obrigado a aprobar como presidente da Xunta.

O candidato do PP volve cuestionar as garantías da lei de eutanasia que el mesmo asinou como presidente e, como na campaña de 2023, mestura outra volta este dereito cos coidados paliativos

Foi, concretamente, o 8 de xullo de 2021 cando o Consello da Xunta presidido por Feijóo aprobou por decreto a creación da Comisión de Garantía e Avaliación obrigada pola lei de eutanasia. O Goberno galego fíxoo fóra de prazo e sen facelo público na referencia dos asuntos tratados na reunión nin nas declaracións posteriores do daquela presidente. 

Completaba así o trámite para nomear as doce persoas (sete representantes do persoal médico do Sergas, dous do persoal de enfermaría e tres "xuristas con coñecementos de dereito sanitario ou bioética") que valora, ante cada solicitude de eutanasia, se "concorren os requisitos e condicións establecidos" na lei para "solicitar e recibir a prestación de axuda para morrer". Xunto cos ditames desa comisión, a propia lei fixa outros requisitos para acceder á eutanasia, como que as persoas que padezan as doenzas "graves e incurables" incluídas na norma pidan acceder ao dereito dúas veces separadas entre si por non menos de quince días e tras recibir información ampla sobre as alternativas existentes incluída a de acceder a coidados paliativos".

Besteiro: "O PSOE garante que cada persoa poida decidir"

Besteiro, este xoves nun reparto de propaganda electoral con membros das candidaturas do PSdeG pola Coruña para o 29N en Salgueiriños (Santiago) CC-BY-NC-SA PSdeG

Igual que antes das eleccións xerais de 2023, Feijóo volve obviar esas garantías que el mesmo asinou. E, xunto coa mestura dos paliativos, declara que a súa oposición á eutanasia tamén se basea en que "temos que asesorar ben unha persoa que aparentemente toma a decisión de poñer fin á súa vida".

"Pasa de prometer mellorar a lei a admitir a intención que derrogala, son o mesmo que Vox", advirte o líder do PSdeG

Estas consideracións do ex-presidente e candidato popular son interpretadas polo PSdeG como a mostra de que acertan ao sinalar "un PP e un Feijóo absolutamente desatados". Fronte a eles, "o Partido Socialista garante que cada persoa poida decidir sobre a súa vida", afirma José Ramón Gómez Besteiro.

Durante un reparto electoral en Santiago, o secretario xeral do PSdeG advirte de que Feijóo mesmo está disposto a "ir máis alá do seu programa electoral" e demostrar que no PP "fan o mesmo, pensan o mesmo que Vox e polo tanto, son o mesmo". "Pasou de prometer mellorar a Lei de Eutanasia a admitir a intención de derrogala", advirte Besteiro, quen reivindica a "liberdade de decisión" que ampara unha lei que, como outros avances en materias como a interrupción voluntaria do embarazo ou o matrimonio igualitario, "non obrigan a ninguén". Pero opoñerse a elas, sinala, si "limita" a vontade das persoas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.