A maioría de procesos de eutanasia iniciados en Galicia non acaban en axuda para morrer

Gráfico de evolución dos procesos de eutanasia en Galicia sobre unha imaxe de instalacións da UCI do hospital de Ourense+ CC-BY-SA Foto: Xunta | Montaxe: Praza.gal

Un total de 42 persoas recibiron a prestación legal de axuda para morrer no noso país dende a entrada en vigor da lei e outros 56 procesos concluíron coa morte previa da persoa solicitante, denegación ou renuncia

Os colectivos na defensa do dereito á morte digna foron grandes impulsores políticos e sociais da Lei de Eutanasia que en 2020 saía adiante no Congreso dos Deputados por ampla maioría absoluta. Ao longo de 2021a norma comezou a aplicarse e, dende aquela, estas mesmas organizacións veñen advertindo de diversas eivas -dende a burocracia á formación do persoal sanitario, pasando pola dilación das solicitudes, que no caso galego Dereito a Morrer Dignamente (DMD) Galicia atribúe fundamentalmente á Xunta.

Con este pano de fondo o Ministerio de Sanidade vén de actualizar os datos de aplicación deste dereito coa nova edición do Informe Anual sobre a Prestación de Axuda para Morrer, correspondente a 2024. No relativo ao noso país o documento amosa que 42 persoas recibiron a eutanasia en Galicia dende que a lei está en vigor e ata a fin do pasado ano. Pero tamén que a maior parte de procesos iniciados ao abeiro da lei conclúen sen unha prestación de axuda para morrer: así sucedeu en case o 60% dos casos.

Sempre segundo os datos do Ministerio, de 2021 a 2024 remataron 98 procedementos iniciados en Galicia conforme á Lei de Eutanasia. Un total de 42 finalizaron cunha prestación de axuda para morrer ás persoas que así o pediran, mentres que 56 concluíron con revogacións -renuncias á petición-, denegacións polas comisións médicas e éticas que valoran as solicitudes ou coa morte da persoa solicitante antes de poder acceder efectivamente á eutanasia.

En 2024 finalizaron 34 procedementos da Lei de Eutanasia en Galicia: 16 persoas recibiron a prestación de axuda para morrer; 9 faleceron mentres agardaban

Aínda que cunha proporción un chisco menor, este fenómeno reproduciuse no último ano analizado en detalle, o 2024. Nese ano finalizaron en Galicia 34 procedementos da Lei de Eutanasia -o cómputo total inclúe solicitudes que foran formulada en anos previos- e a conclusión de 16 foi a axuda a morrer. Media ducia destes procesos non finalizaron coa morte asistida da persoa enferma que o pedira porque renunciou (revogación) e tres solicitudes foron denegadas.

No total estatal a proporción é semellante á galega e o propio Ministerio evidencia que "menos da metade dos procesos que finalizaron en 2024 remataron na realización dunha prestación de axuda para morrer, concretamente un 45,86%. Un terzo "foron un falecemento previo á prestación" e un 15%, denegacións, mentres que "a proporción de desistimentos foi menor", algo menos dun 6%.

Especialmente significativo é, no total de casos tamén en Galicia, as mortes rexistradas de persoas que pediran a eutanasia, pero que faleceron por outras causas antes de poder acceder ao dereito. Durante 2024 foron nove, case o 30% do total. 

A media de tramitación da eutanasia en Galicia é a maior do Estado, con máis de 157 días en 2024, pero o dato mediano é inferior ao estatal

Neste punto as organizacións como DMD poñen o foco nos prazos de tramitación. Segundo o devandito informe, no ano 2024 a media de días transcorridos en Galicia entre a primeira solicitude e a prestación efectiva de dereito a morrer foi de 157,87 días, a máis elevada do Estado. O segundo valor máis alto é o de Andalucía, con 113.

O Ministerio ofrece tamén, non obstante, o dato mediano dos tempos de tramitación das solicitudes de eutanasia e pon o foco nel "por ser unha medida capaz de describir a posición central do conxunto de datos sobre prazos" e estar "menos distorsionada" por casos puntuais que se dilaten máis que o resto. Ese valor mediano estivo en Galicia en 59 días durante 2024, mentres que a media estatal se situou en 62.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.