Nestes dous anos 53 persoas solicitaron acollerse á Lei de Eutanasia en Galicia, un dereito que foi recoñecido e concedido en 17 casos, o 32% do total
A Lei Orgánica de Regulación da Eutanasia, aprobada no Congreso en decembro de 2020, comezou a aplicarse o 25 de xuño de 2021. Dous anos de aplicación nos que un total de 17 persoas en Galicia se acolleron ao dereito que confire de morrer dignamente, 8 delas o pasado ano 2022, segundo os datos feitos públicos hai uns días por Nieves Molins, presidenta da Comisión de Eutanasia de Galicia. En total, nestes dous anos 53 persoas solicitaron acollerse á Lei de Eutanasia en Galicia, un dereito que foi recoñecido e concedido no 32% dos casos.
En 2022 recibiron a axuda para morrer 8 persoas en Galicia, o que supón o 0,022% do total de mortes nese ano (a media do Estado Español para o mesmo período é de 0,064%), o que sitúa Galicia como a segunda comunidade autónoma cunha menos aplicación relativa da eutanasia, só por diante de Murcia, e moi lonxe por exemplo de Navarra (0,206%), Cataluña (0,128%), Euskadi (0,101%) ou Asturias (0,064%). Algo semellante ocorre co rexistro de testamentos vitais (Instrucións Previas) no que Galicia é o cuarto territorio con menor uso desta ferramenta.
Galicia é a segunda comunidade autónoma cunha menos aplicación relativa da eutanasia, só por diante de Murcia. Así mesmo é a cuarta cunha menor realización de testamentos vitais
A asociación Dereito a Morrer Dignamente (DMD) vén de facer balance dos dous primeiros anos de aplicación da norma en Galicia. A entidade destaca que "nestes dous anos a sociedade e os e as profesionais sanitarias recibiron con interese e normalidade a nova situación creada polo novo dereito. A nosa experiencia procedente do seguimento de determinadas solicitudes e de decenas de charlas e coloquios públicos así o confirman".
"Nestes dous anos a sociedade e os e as profesionais sanitarias recibiron con interese e normalidade a nova situación creada polo novo dereito", destaca DMD
Con todo, DMD critica as eivas na aplicación da norma, responsabilidade principalmente no Goberno galego. A asociación destaca que a pesar do "interese" e a "normalidade" con que a norma foi acollida por profesionais e cidadanía, "en máis dunha ocasión producíronse situacións e defectos de funcionamento con consecuencias moi negativas para as persoas (atrasos en asignación de médico/a responsable, en dotacións do equipo básico, en facilitación do aprazamento da prestación, e no cumprimento dos prazos previstos)".
DMD critica as eivas na aplicación da norma, responsabilidade principalmente no Goberno galego
En calquera caso, a entidade celebra os avances conseguidos, comentando que "non ocorreu nada daquilo que determinados sectores extremistas anunciaban respecto a unha resistencia activa e maioritaria á nova Lei". "Moi ao contrario, a Lei foi asentando na práctica, tal como era esperable coñecéndose o apoio social e profesional enormemente maioritario que precedía á regulación", sinala. O pasado ano a Xunta aprobou o regulamento da Comisión de Garantía e Avaliación da Eutanasia de Galicia.
Dereito a Morrer Dignamente insta finalmente ao Goberno galego a "resolver" as cuestións da súa competencia que "seguen sen resolverse", como formación, promoción dos testamentos vitais o a asignación de médico responsable
Dereito a Morrer Dignamente insta finalmente ao Goberno galego a "resolver" as cuestións da súa competencia que "seguen sen resolverse". "No día da elaboración desta declaración aínda non se fixeron públicos os informes obrigatorios de carácter anual, nin se impulsou a actividade informadora do novo dereito, nin se desenvolveu a formación adecuada, nin se artellaron accións para promover a realización e rexistro das Instrucións Previas", salienta a entidade.
DMD conclúe que "non cabe na conduta das Administración Públicas a pasividade diante dos dereitos recoñecidos ás persoas. Ao contrario, deben difundilos, protexelos, facilitar o seu exercicio e desenvolvelos". "En todo iso imos con atraso", remata.