A asociación Dereito a Morrer Dignamente reclama ao Goberno galego que informe á cidadanía sobre o dereito a unha morte asistida medicamente e que inclúa esta opción no testamento vital que asinan os doentes no Sergas cando teñen as súas capacidades plenas
"A lei de eutanasia desenvolve un dereito individual relacionado coa liberdade das persoas e co respecto á súa dignidade", afirma o presidente da asociación galega Dereito a Morrer Dignamente, Miguel Anxo García Álvarez. Este colectivo promove desde hai tres anos a celebración do Día da morte digna o 12 de xaneiro, data na que morreu Ramón Sampedro, "símbolo do dereito a decidir sobre a propia vida e da loita pola despenalización da eutanasia".
A Xunta aprobou a comezos do verán a creación da comisión que avaliará as solicitudes de eutanasia no Sergas. Fíxoo fóra do prazo legal establecido e, para Miguel Anxo García Álvarez, "remoloneando" e con intención de "entorpecer". "Empregaron unha fórmula de oposición pasiva á lei de eutanasia, en contraposición cos claros rexeitamentos de Gobernos como os de Andalucía ou Madrid, comunidades gobernadas tamén polo Partido Popular", advirte o psicólogo clínico.
"Se non se forma aos profesionais creáse unha dificultade real, obxectiva, para que as persoas que o soliciten vexan satisfeito este dereito", sinala o presidente de Dereito a Morrer Dignamente
"Interpretamos que se estivo remoloneando [por parte da Xunta] e empregando argumentos ao servizo de dimensións políticas que non tiñan que ver coa importancia que isto ten para as persoas e para os sufrimentos concretos que están detrás da regulación deste dereito", defende o presidente de Dereito a Morrer Dignamente, que non ve vontade por facer accesible a eutanasia dentro do Sergas.
A asociación denuncia a falta de formación aos profesionais do Sergas a respecto deste dereito. "Faise unha webinar na que se informa de todo isto e aí queda, para a consulta posterior en vídeo", explica Miguel Anxo García Álvarez, que considera esta acción "insuficiente". "Se non se forma aos profesionais creáse unha dificultade real, obxectiva, para que as persoas que o soliciten vexan satisfeito este dereito. Desta maneira, o dereito á morte digna está a ser menoscabado", asevera.
A formación dentro do Sergas non parou coa pandemia, polo que dende a asociación ven unha clara "falta de vontade" por parte de Sanidade ao non incluír máis formación ordinaria de capacitación relacionada co desenvolvemento dun novo dereito fundamental recoñecido no Estado. "Trátase dun elemento novidoso que, nun momento dado, crea inseguridades que dificultan que os profesionais sanitarios poidan levalo a cabo con normalidade. Estamos ante un dereito que está ao nivel do resto de dereitos individuais, debemos tratalo co valor e a importancia que ten", argumenta o psicólogo clínico.
A eutanasia, fóra das opcións do testamento vital
Dereito a Morrer Dignamente critica especialmente que a opción da eutanasia non estea dispoñible no documento de instrucións previas que reciben os pacientes no Sergas, o coñecido como testamento vital, tal e como se recolle na lei. Isto forma parte das accións que ten que levar a cabo cada comunidade autónoma, xa que as competencias en Sanidade están transferidas.
"Na lei de regulación da eutanasia prevese que as persoas –anticipadamente, cando están en condicións de plena capacidade– deixen previsto que, se cumpriran os requisitos previstos na lei e perderan a capacidade para nese momento solicitar a eutanasia, xa o teñan expresado. O feito de que unha das opcións que as persoas podemos tomar cando rexistramos o noso testamento vital non apareza é un acto de obstrución importante", lamenta o psicólogo clínico, quen explica que o caso prototípico é o das persoas con demencia, coas que é fundamental coñecer a súa vontade antes de que perdan as súas capacidades cognitivas.
"Debera expresarse claramente esta opción no impreso que se lle ofrece ás persoas", reitera Miguel Anxo García Álvarez, quen incide en que a situación actual "furta a xente" de saber, cando está en condicións de plena capacidade, que pode optar pola eutanasia se chega a estar nunha das situacións "indesexables" que contempla a lei.
O pasado 3 de novembro, a asociación remitiu un escrito ao conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, no que lle solicitan a modificación dese impreso de instrucións previas do Sergas para engadir a opción da morte asistida medicamente. Así mesmo, instan a Comesaña a "informar mellor" á cidadanía da importancia de rexistrar esas instrucións previas "para garantir que a atención sanitaria sexa acorde cos desexos que as persoas temos con respecto a atención que queremos".
"Aquí hai un problema de vontade política e de respecto aos dereitos fundamentais. Recordemos que o PP e Vox teñen presentado un recurso de inconstitucionalidade sobre esta lei. Por moito que exista este recurso a lei está publicada no BOE e os gobernantes non se deben ao seu partido político, débense á poboación sobre a que gobernan",
A lei aprobada en decembro de 2020 polo Congreso, 22 anos despois do falecemento de Ramón Sampedro, define a eutanasia como "a actuación que produce a morte dunha persoa de forma directa e intencionada mediante unha relación causa-efecto única e inmediata, a petición informada, expresa e reiterada no tempo pola devandita persoa, e que leva a cabo nun contexto de sufrimento debido a unha enfermidade ou padecemento incurable que a persoa experimenta como inaceptable e que non puido ser mitigado por outros medios".
Así, o texto lexislativo conecta a eutanasia "cun dereito fundamental da persoa constitucionalmente protexido como é a vida", que se debe compatibilizar tamén "con outros dereitos e bens, igualmente protexidos constitucionalmente, como son a integridade física e moral da persoa, a dignidade humana, o valor superior da liberdade, a liberdade ideolóxica e de conciencia ou o dereito á intimidade".
O domingo 16, ás 13.00 horas, a asociación convoca un acto en homenaxe a Ramón Sampedro na praia das Furnas
Este domingo, 16 de xaneiro, Dereito a Morrer Dignamente convoca un acto conmemorativo e reivindicativo na praia das Furnas, en Xuño (Porto do Son), ás 13.00 horas. "Será unha homenaxe a Ramón Sampedro polo que significou a súa aportación, porque os seus razoamentos fixeron o avanzce cara a o dereito á morte asistida medicamente; e a outras persoas que tiveron que pelexar para poder morrer, cando as súas condicións de vida as vivían como insufribles", explica Miguel Anxo García Álvarez.
Ademais do recoñecemento ao esforzo de todas as persoas que contribuíron a que hoxe falemos da eutanasia como un dereito fundamental recoñecido legalmente, o encontro na praia das Furnas será tamén un espazo para reivindicar que as Administracións públicas "cumpran coa súa obriga de facilitar o acceso" a este dereito.