Este venres, 25 de xuño de 2021, entra en vigor o groso da lei de eutanasia aprobada definitivamente o pasado marzo no Congreso por unha ampla maioría absoluta. Un dos artigos do texto legal, non obstante, está vixente dende o día seguinte á súa publicación no BOE, isto é, dende o 26 de marzo. É o que estipula que as comunidades autónomas deben crear cadansúa Comisión de Garantía e Avaliación, o órgano que debe abordar cada solicitude de eutanasia unha vez pasados os dous primeiros filtros médicos que establece a norma.
O groso da lei de eutanasia entra en vigor este 25 de xuño, pero o artigo que estipula a creación dunha Comisión de Garantía e Avaliación para aplicala en cada comunidade autónoma leva tres meses vixente
A Xunta tramita a creación desta comisión dende o pasado abril, pero aínda non culminou o trámite. Así o evidenciou este xoves o propio presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, tras a reunión semanal do Consello do Goberno galego. Fíxoo escasas horas despois de transcender que o seu partido, o PP, se dispón a recorrer a lei ante o Tribunal Constitucional, como xa fixera con outras normas como a reforma do código civil para permitir o matrimonio entre persoas do mesmo sexo.
O Consello da Xunta tivo sobre a mesa un informe que constata a demora na creación deste órgano, composto por persoal médico (7 membros), de enfermaría (dous) e xuristas (tres) e que en ningún caso estará funcionando xa este 25 de xuño. Tamén que si ten xa redactados outros documentos precisos para a aplicación da nova norma no Sergas "por obriga legal", matizou Feijóo. Eses documentos son o Protocolo sobre o procedemento para a realización da prestación de axuda para morrer e a Guía técnica asistencial da prestación de axuda médica para morrer.
Feijóo, que non oculta os seus receos cara ao novo dereito, atribúe o atraso a que o proxecto de decreto foi "remitido ao Consello Consultivo" para a súa valoración -este órgano emite ditames non vinculantes sobre as normas da Xunta- mentres que "hai comunidades que non" o remitiron aos seus órganos equivalentes. "Entendemos que, de acordo coa lei orgánica, isto vai entrar en vigor non lle diría en meses, senón en semanas", agregou a preguntas da prensa, constatando o incumprimento do prazo fixado.
Feijóo di "entender" que a Comisión estará "en vigor para que se poida responder ás primeiras solicitudes" de eutanasia que reciba o Sergas e confronta a nova lei coa que regula en Galicia dende 2015 os coidados paliativos, a sedación e outros procedementos para persoas enfermas terminais
Así e todo, o presidente da Xunta matiza que, a partir deste 25 de xuño, se hai solicitudes de eutanasia no Sergas "os procedementos poden empezar de forma inmediata" o seu trámite. "Entendemos", afirma, que a norma que falta "entrará en vigor para que se poida responder ás primeiras solicitudes". A lei "estará vixente en Galicia no momento en que o prazo se abra de acordo coa lexislación estatal" porque "todas as leis que se aplican nun Estado se teñen que cumprir" e esa é "a diferenza entre un Goberno leal e institucional e un Goberno insubmiso".
En calquera caso, e como xa viñeran facendo responsables do PP de Galicia, Feijóo confronta a eutanasia con que "Galicia", en referencia á Xunta, "segue apostando pola asistencia aos enfermos terminais" de acordo coa Lei de dereitos e garantías da dignidade das persoas enfermas terminais. Esa norma foi aprobada por unanimidade do Parlamento en 2015 a partir dunha iniciativa do PSdeG e define e reforza a sedación paliativa e a sedación na agonía, elementos xa habituais na práctica clínica das unidades de coidados paliativos
"Consideramos -di Feijóo- que é máis respectuosa co conxunto de sensibilidades da distinta poboación galega e española". A deputada socialista que impulsara orixinalmente aquela norma, Carmen Acuña, médica de profesión, resaltara tras a súa aprobación que consideraba "importante poñer enriba da mesa o debate sobre a morte" e amosábase convencida de que o da eutanasia era "un debate que, antes ou despois, teremos que dar".