O pasado 18 de marzo, unha ampla maioría absoluta aprobou definitivamente a lei de eutanasia no Congreso dos Deputados. Cos únicos votos en contra do PP, as súas confluencias navarra e asturiana e mais Vox) culminárase un trámite que encetara a súa resolución en decembro.
A lei de eutanasia entra en vigor o vindeiro 25 de xuño, tras os tres meses de prazo para que as comunidades autónomas adaptasen os seus sistemas de saúde
O conxunto da lei, que fixa os requisitos para acceder "á prestación de axuda para morrer" por parte do sistema sanitario, entra en vigor o vindeiro 25 de xuño, tres meses despois da súa publicación no Boletín Oficial do Estado (BOE), o pasado 25 de marzo. Ese era o período que tiñan as comunidades autónomas, no caso galego a Xunta, para adaptar os seus sistemas de saúde á nova normativa e, polo tanto, formar a comisión do Sergas que aplicará a lei. A falta de dez días para que remate o prazo, aínda non está creada.
Xunta e o Servizo Galego de Saúde teñen, xa que logo, ata o día 25 para comezar a aplicar o único artigo da norma que entrou xa en vigor coa publicación da lei no BOE o 25 de marzo: o precepto que regula a Comisión de Garantía e Avaliación, a peza clave para facer efectivo o dereito á eutanasia.
A Xunta ten redactado o proxecto, pero aínda non formou a Comisión de Garantía e Avaliación que aplicará a lei de eutanasia
Desde o pasado mes de abril, a Xunta ten redactado o Proxecto de Decreto para a creación da Comisión de Garantía e Avaliación da eutanasia na Comunidade Autónoma de Galicia que modifica o Decreto 177/2000, de 22 de xuño que regula a creación e autorización dos comités de Ética Asistencial.
A este novo órgano chegarán as solicitudes de eutanasia tramitadas polo persoal médico e a persoa que a presida terá que designar, nun máximo de dous días, "un profesional médico e un xurista" da propia comisión para que "verifiquen se, ao seu xuízo, concorren os requisitos" fixados na lei para acceder á axuda para morrer.
A Comisión de Garantía e Avaliación da eutanasia de Galicia estará composta por unha secretaría e 11 vogalías
Esa decisión da comisión terá que chegar nun prazo máximo dunha semana. Se é desfavorable, caberá interpoñer recurso contencioso-administrativo contra a resolución. Ademais, corresponderá a esta comisión resolver as reclamacións de persoas que solicitasen acceder á eutanasia pero fose denegada polo persoal médico e "verificar", nos casos favorables, que o proceso se desenvolve de acordo coa lei. Cada ano terá que emitir un informe xeral sobre a aplicación da lei de eutanasia en Galicia.
Segundo aclara o proxecto da Xunta, a Comisión de Garantía e Avaliación da eutanasia de Galicia estará composta por unha secretaría e 11 vogalías: cinco facultativos ou facultativas médicos especialistas --ntre os que existirá, polo menos, un internista, un médico de atención primaria e un psiquiatra-- tres profesionais do ámbito da enfermería e tres vogais licenciados en Dereito.
Malia avanzar cos trámites, o Goberno galego deberá levar o proxecto ao Consello desta semana se non quere incumprir os prazos. Polo momento, só Euskadi, Illes Balears e Extremadura confirmaron ter aprobado o decreto que crea cadansúa Comisión de Garantía e Avaliación, segundo conta infoLibre, que aclara que Galicia non respondeu sobre en que estado se atopan os trámites para a creación deste organismo.
Coa nova lei de eutanasia, as persoas que sufran unha enfermidade "grave e incurable" ou un "padecimento grave, crónico e imposibilitante" -nos termos fixados pola propia norma" poderán solicitar o novo dereito e, antes de iniciar o trámite, deberán recibir información sobre todas as alternativas terapéuticas posibles, de existiren. Tamén sobre os coidados paliativos que teñan á disposición en cada caso.
A solicitude ten que ser persoal agás no caso das persoas que non estean en "pleno uso das súas facultades" e deixasen subscrito antes un testamento vital. Debe, ademais, realizarse por duplicado e entre ambas teñen que mediar un mínimo de quince días. Será nese punto cando o persoal médico deba comezar a tramitación, na que interveñen varios profesionais sanitarios na elaboración dunha documentación de cada caso, que necesariamente terá que pasar pola devandita Comisión de Garantía e Avaliación. A lei contempla ademais a posibilidade de obxección de conciencia por parte do persoal sanitario.