Unha ampla maioría absoluta aprobou definitivamente este 18 de marzo de 2021 a lei de eutanasia no Congreso dos Deputados. Foron 202 votos a prol fronte a 141 en contra (os do PP e as súas confluencias navarra e asturiana e mais Vox) e 2 abstencións os que culminaron un trámite que enfilara o seu momento decisivo o pasado decembro, tamén cunha ampla maioría na Cámara Baixa, e que remata de vez tras pasar polo Senado, onde o texto recibiu varias emendas.
A lei abre a posibilidade de acceder ao novo dereito a persoas con enfermidades "graves e incurables" ou "padecimentos graves, crónicos e imposibilitantes"
O conxunto da lei, que fixa os requisitos para acceder "á prestación de axuda para morrer" por parte do sistema sanitario, entrará en vigor dentro de tres meses. Será o período que teñan as comunidades autónomas, no caso galego a Xunta e dentro dela, o Servizo Galego de Saúde, para comezaren a aplicar o único artigo da norma que entrará en vigor en canto a nova lei estea publicada no Boletín Oficial do Estado, o 17. É o precepto que regula a Comisión de Garantía e Avaliación, peza clave para facer efectivo o dereito á eutanasia.
As persoas que sufran unha enfermidade "grave e incurable" ou un "padecimento grave, crónico e imposibilitante" -nos termos fixados pola propia norma" poderán solicitar o novo dereito e, antes de iniciar o trámite, deberán recibir información sobre todas as alternativas terapéuticas posibles, de existiren. Tamén sobre os coidados paliativos que teñan á disposición en cada caso.
A solicitude ten que ser persoal agás no caso das persoas que non estean en "pleno uso das súas facultades" e deixasen subscrito antes un testamento vital. Debe, ademais, realizarse por duplicado e entre ambas teñen que mediar un mínimo de quince días. Será nese punto cando o persoal médico deba comezar a tramitación, na que interveñen varios profesionais sanitarios na elaboración dunha documentación de cada caso, que necesariamente terá que pasar pola devandita Comisión de Garantía e Avaliación. A lei contempla ademais a posibilidade de obxección de conciencia por parte do persoal sanitario.
A comisión que terá que avaliar as solicitudes de eutanasia tras o primeiro filtro médico terá que ter un mínimo de sete membros entre os que debe haber "persoal médico, de enfermaría e xuristas"
A constitución desa comisión será responsabilidade do Goberno galego e "deberá contar cun mínimo de sete membros" entre os que debe haber "persoal médico, de enfermaría e xuristas". A este novo órgano chegarán as solicitudes de eutanasia tramitadas polo persoal médico. A persoa que a presida terá que designar, nun máximo de dous días, "un profesional médico e un xurista" da propia comisión para que "verifiquen se, ao seu xuízo, concorren os requisitos" fixados na lei para acceder á axuda para morrer.
Esa decisión da comisión terá que chegar nun prazo máximo dunha semana. Se é desfavorable, caberá interpoñer recurso contencioso-administrativo contra a resolución. Ademais, corresponderá a esta comisión resolver as reclamacións de persoas que solicitasen acceder á eutanasia pero fose denegada polo persoal médico e "verificar", nos casos favorables, que o proceso se desenvolve de acordo coa lei. Cada ano terá que emitir un informe xeral sobre a aplicación da lei de eutanasia en Galicia.
No debate definitivo da lei volveu ter especial protagonismo o discurso da deputada socialista María Luisa Carcedo, ex-ministra de Sanidade e relatora do texto representando ao PSOE. Como informa Marta Borraz para eldiario.es, Carcedo centro parte das súas palabras en homenaxear as familias de persoas que pediron acceder ao dereito á morte digna nos últimos anos. "Elas e moitos familiares, que xa non pelexan polo seus porque marcharon con tristura e con dor, pelexan polos demais e son os verdadeiros artífices deste novo dereito", defendeu.
O PP, por boca do deputado José Ignacio Echániz, xustificou a súa negativa alegando motivos que non se recollen na lei. Entre eles, argumento que "abre a porta a eutanasias non solicitadas" ou que "queren obrigar os médicos a atentar o respecto da vida humana". A ministra de Sanidade, Carolina Darias, amosou a súa satisfacción no nome do Goberno, tamén expresada polo presidente do Executivo central, Pedro Sánchez, a través das redes sociais. "hoxe somos un país máis humano, máis xusto e máis libre grazas a unha lei "amplamente demandada pola sociedade", resalta o líder socialista.