Hai poucos días o PSOE volveu rexistrar no congreso a súa proposición de lei orgánica de regulación da eutanasia, retomando así a iniciativa que decaeu polo adianto electoral do pasado abril e que, como daquela, ten moitas posibilidades de saír adiante no Congreso por existir maioría a prol da súa aprobación. Este reinicio dos trámites na Cámara Baixa cadrou no tempo co debate, no Parlamento galego, da proposta formulada dende o Grupo Mixto por En Marea para, na liña do que xa fixo o Parlament de Catalunya, remitir ao Congreso unha proposición de lei de despenalización desta práctica na fin da vida humana.
Cadrando co reinicio do debate no Congreso, o Parlamento debateu a iniciativa de En marea a prol da lei de eutanasia, que o PP impediu continuar tramitando
Como no Congreso, toda a esquerda parlamentaria avanzara o seu apoio á iniciativa defendida no pleno deste martes por Luís Villares. E como no Congreso, o PP avanzara o seu rexeitamento, que culminou facendo valer a súa maioría absoluta para evitar que o texto pasase da toma en consideración e non chegue nin a tramitarse. Segundo os conservadores galegos, abordalo suporía tanto como "trivializar a morte".
Na súa defensa do texto, Villares defendeu a "morte digna" como "único final posible unha vida digna". "Ninguén debe estar condenado a vivir en condicións de vida insoportables" e para impedilo, dixo, cómpre lexislar ao respecto, a súa "regulación positiva" como "un dereito, en ningún caso unha obriga". Villares evoca casos como o de Ramón Sampedro para evidenciar como a "dilación" da lei de eutanasia resulta "insoportable para moitas persoas e as súas familias" por mor de "sufrimentos que non deben soportar por máis tempo".
Pero, como anticipara, o PP subiu ao estrado para anunciar o voto negativo. Fíxoo a través da parlamentaria Julia Rodríguez, que mesturou cuestións ideolóxicas e políticas con outras estritamente persoais. Así, segundo a deputada conservadora, aceptar a lei de eutanasia a debate suporía "un salto ao baleiro sen rede". "Non concibo unha sociedade que trivialice a morte, que considere normal que persoas" se "levanten un día, rendidas polo sufrimento, e decidan simplemente morrer".
A deputada do PP botou man do caso dunha familiar para rexeitar un dereito que, teoriza, "non encaixa coa forma de entender a vida e a morte da sociedade galega"; Villares lamenta a falta de "empatía" ao rexeitar unha proposta que si apoiaron PSdeG, Común da Esquerda e BNG
Neste sentido, e malia reiterar que no PP "comprendemos e empatizamos con todas esas persoas que se senten derrubadas pola enfermidade", Rodríguez botou man dun caso particular, o dunha familiar de 93 anos "cunha enfermidade incurable". Nunha ocasión, relatou, "dixo: hei morrer cando eu queira" e "todos sabemos o que quixo dicir, que ata que ese momento chegue seguirá facendo o que poida" e "contando coa súa familia e cos coidados da sanidade pública galega", concluíu entre aplausos que o autor da iniciativa lamentou porque, cre, amosan a falta de "empatía" dos populares neste eido.
Estes argumentos, unidos a que segundo a formación que lidera Alberto Núñez Feijóo, a eutanasia "non encaixa coa forma de entender a vida e a morte da sociedade galega", levaron o PP a votar en contra. A proposta si tivo o apoio do resto da oposición. Tanto o PSdeG como Común da Esquerda e o BNG defenderon a eutanasia como un dereito á "morte digna" e diferenciado dos coidados paliativos a persoas con enfermidades terminais que non opten por estoutra práctica.