Catro grupos da Eurocámara instan a garantir a morte digna en toda a UE

Presentación da declaración, na sede da Eurocámara en Bruxelas CC-BY-NC-SA PSOE

O eco do caso de Andrea, a nena de Noia á que o hospital de Santiago accedeu a concederlle unha morte digna tras decidir os seus pais sacar a situación á luz pública, transcendeu nos últimos días as fronteiras de Galicia e do Estado. Aínda que sen ser consecuencia directa do sucedido no Clínico compostelán, o sufrimento desta familia estivo moi presente na presentación dunha declaración que, avalada por catro grupos do Parlamento Europeo, aposta por garantir o dereito a unha morte digna no conxunto da Unión Europea.

Membros dos grupos socialdemócrata, GUE/NGL, Verdes/Alianza Libre Europea, e ALDE, entre eles o socialista galego José Blanco, impulsan esta declaración sobre "a dignidade na fin da vida". Esa dignidade, indican, debe ser considerada un "valor indivisible e universal" e, polo tanto, "debe ser garantida en todas as fases da vida". "O dereito a vivir con dinigidade implica o dereito a morrer con dignidade", salientan.

"O dereito a vivir con dignidade implica o dereito a morrer con dignidade"

Neste sentido, os catro grupos coidan que, con independencia da nacionalidade ou o lugar de residenca, "todos os cidadáns europeos que se atopen nunh afase avanzada ou terminal dunha doenza incurabel que cause un sufrimento físico ou mental insoportable e que non poida ser atenuado deben poder beneficiarse de asistencia médica para remataren a súa vida con dignidade". As autoridades comunitarias, indican, teñen competencias, en virtude dos tratados vixentes, para "coordinar e completar a acción dos Estados membros na protección e mellora da saúde humana".

Blanco coida que o caso de Andrea confirma a necesidade de medidas para "evitar máis sufrimento a quen atravesan o maior drama que unha familia pode atravesar"

Así as cousas, os impulsores da declaración "convidan" a Comisión Europea a analizar "as formas de coidados paliativos prestados nos Estados membros" para identificar "as mellores prácticas" e facilitar o seu "intercambio" entre países. Este intercambio, indican, debera "garantir a dignidade de todos os cidadáns na fin da vida".

No marco desta presentación Blanco especifica que non está formulada ad hoc polo caso de Andrea, se ben o acontecido no hospital de Santiago confirma a necesidade de tomar medidas para "evitar máis sufrimento a quen atravesan o maior drama que unha familia pode atravesar". Os restantes membros da Eurocámara poden unirse a esta declaración ata os primeiros días de 2016.

Presentación da declaración, na sede da Eurocámara en Bruxelas CC-BY-NC-SA PSOE

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.