Un total de 187 votos a favor fronte a 147 en contra -o PP agás Celia Villalobos e dous membros de Unió Democrática de Catalunya-. Foi o resultado que, hai este martes dez anos, lle deu a luz verde definitiva no Congreso dos Deputados á modificación do Código Civil que supuxo a fin da discriminación das persoas que reclamaban ter a opción de poderen casar, se así o desexaban, con alguén do seu mesmo sexo.
Colectivos de defensa das persoas homosexuais e grupos políticos -especialmente o PSOE, que impulsou o cambio legal dende o Goberno de España e que o conmemora cunha homenaxe a Pedro Zerolo- lembran este martes un fito histórico que chegou avalado por unha ampla maioría absoluta da Cámara lexislativa, pero cunha amplificada oposición dende os sectores máis conservadores. No ámbito político esa oposición estivo representada esencialmente polo PP, que deu unha dura batalla que non rematou formalmente ata finais de 2012, cando o Tribunal Constitucional rexeitou o recurso dos populares contra a lei.
Apenas un ano despois da súa primeira derrota electoral ante José Luis Rodríguez Zapatero os de Rajoy fixeron do matrimonio igualitario unha das súas principais armas de oposición, aínda que o rexeitamento no interior das súas filas non fose unánime. Cunha estratexia semellante á seguida en Galicia con, por exemplo, a denuncia dunha suposta "imposición" do galego, o PP secundou as mobilizacións contra a extensión do dereito ao matrimonio convocadas dende a Conferencia Episcopal e dende grupos ultras como o Foro Español de la Familia.
Zapatero afirmou que a reforma supuña a fin dunha "humillación" e, segundo Rajoy, xeraba unha "enorme división na sociedade"
Fronte as iradas protestas do PP, Zapatero considerou daquela que a posibilidade de que toda a cidadanía puidese decidir casar ou non en igualdade de condicións convertía o Estado español nun "país máis decente", porque "unha sociedade decente é a que non humilla os seus membros". A nova versión do Código Civil, profundaba, "aforraba sufrimentos" a quen ata ese momento tiñan os dereitos restrinxidos. Para Rajoy, pola contra, o texto aprobado xeraba unha "enorme división na sociedade" e por iso, como moito, cumpría "regular" por lei as unións entre persoas do mesmo sexo, pero nunca incluílas baixo a figura xurídica do "matrimonio".
As fendas internas na oposición do PP comezaron a visualizarse, precisamente, en Galicia
Malia todo, as fendas da suposta oposición monolítica do PP ao avance nos dereitos das persoas homosexuais comezaron a verse poucos meses despois e aconteceu, precisamente, en Galicia. Así, en abril de 2006 boa parte da nova cúpula dos populares galegos, encabezados por Alberto Núñez Feijóo, designado como sucesor de Manuel Fraga apenas catro meses antes, acudiron en Ourense á voda de quen na altura era concelleiro de Cultura da cidade, José Araújo, coa súa parella. Mentres isto sucedía, sectores ultraconservadores seguían a manifestarse contra o matrimonio igualitario e alertando sobre unha presunta desaparición da familia tradicional.
Ata finais de 2014 celebráronse en Galicia 747 matrimonios entre persoas do mesmo sexo
Todo isto sucedeu nun contexto no que a posibilidade de casar non supuxo unha avalancha de matrimonios de persoas do mesmo sexo, nin en Galicia nin no conxunto do Estado. Así, por exemplo, ata finais de 2014 celebráranse en Galicia un total de 747 matrimonios entre persoas do mesmo sexo, 454 entre homes e 293 entre mulleres, mentres que tan só durante o pasado ano houbo no país 6.700 vodas heterosexuais. Nesta década o total estatal de vodas homosexuais foron algo máis de 31.000. Porque do que se trataba, ao cabo, era de dispor dun dereito para, despois, usalo ou non con liberdade.