O fallo do Tribunal Constitucional apoiando o matrimonio entre persoas do mesmo sexo “podería ter un efecto importante non só en España, senón tamén en Hispanoamérica”. Díxoo o martes o presidente da plataforma ultradereitista HazteOír, Ignacio Arsuaga, non dende a alegría, senón advertindo de que a “ameaza gai” se estende a "países irmáns". O certo é que a decisión do Constitucional en España reforza as iniciativas legais que desenvolven países como Colombia ou Cuba, así como as promovidas por gobernos europeos coma o francés e o británico.
Na actualidade, o matrimonio entre persoas do mesmo sexo é legal en Holanda, Bélxica, Canadá, España, Sudáfrica, Noruega, Suecia, Portugal, Islandia, Arxentina e Dinamarca, países aos que hai que sumar aqueles nos que existen leis nalgunhas xurisdicións (é o caso de Estados Unidos, México e Brasil). Reino Unido, Alemaña, Irlanda, Israel, a República Checa, Colombia e Uruguai recoñecen as unións civís entre homosexuais, pero non lles chaman matrimonio. Prevese que nos próximos meses se sumen novos países a estas dúas listas, a iniciativa de gobernos moi dispares e a ritmos moi diferentes. Pero se algo se repite en todos eles é a ofensiva dos sectores conservadores e, en concreto, relixiosos, para evitar o que entenden como unha "resignificación da institución do matrimonio" que faría cambalear “os fundamentos da sociedade”.
Avances en Francia e Estados Unidos
En Francia a Conferencia Episcopal chamou a influír nos deputados católicos para que se opoñan á aprobación da lei. O camiño até a súa aprobación definitiva prevese longo
A xornada electoral en Estados Unidos deixou máis noticias que a reelección de Barack Obama como presidente. Os estados de Maryland, Maine e Washington aprobaron o matrimonio entre persoas do mesmo sexo en senllos referendos. O seis estados que até agora os recoñecían respondían a fallos xudiciais que deliberaron que non se pode denegar o dereito das persoas a casar en base á súa orientación sexual.
O debate sobre as unións entre persoas do mesmo sexo reavivouse o pasado maio, cando por unha banda un tribunal de apelacións de Boston declarou inconstitucional a lei federal que define o matrimonio como a unión entre un home e unha muller e, nas mesmas datas, Carolina do Norte converteuse no estado 30º que aprobou unha lei propia neses termos para blindarse contra a legalización do matrimonio homosexual. Entón, Obama sorprendeu situándose por primeira vez a favor deste dereito, aínda que evitando propor medidas concretas para estendelo a todo o país. Xunto co aborto e a política migratoria, o matrimonio igualitario converteuse nun tema recorrente na campaña demócrata, para contentar o electorado progresista.
Pola súa banda, o Goberno francés presentou este mércores o proxecto de lei para legalizar o matrimonio homosexual, que se atopou cunha virulenta oposición por parte dos partidos conservadores e da Igrexa católica. 15.000 alcaldes asinaron unha petición para que se recoñeza o seu dereito á obxección de conciencia e moitos advertiron que se negarán a celebrar este tipo de vodas. A Conferencia Episcopal chamou a influír nos deputados católicos para que se opoñan á aprobación da lei. O camiño até a súa aprobación definitiva prevese longo.
Reino Unido atópase en proceso de aprobar un plan presentado polo Goberno que contén a palabra matrimonio homosexual, coa pretensión de igualalo ao heterosexual para todos os efectos para o ano 2015
Reino Unido, que xa en 2005 permitiu a unión de parellas do mesmo sexo e a posibilidade de que estas adopten, atópase agora en proceso de aprobar un plan presentado polo Goberno que contén a palabra matrimonio homosexual, coa pretensión de igualalo ao heterosexual para todos os efectos para o ano 2015. O primeiro ministro, David Cameron, afirmou que a súa postura a favor é compatible coa súa ideoloxía conservadora, dado que parte da defensa da institución do matrimonio, como modelo polo que deben rexerse as relacións de todas as persoas, sexa cal for a súa orientación afectiva. A súa argumentación non convenceu a poderosa Igrexa anglicana, que non só critica que atente contra a "natureza intrínseca do matrimonio" como unha institución heterosexual, senón que mesmo cuestiona a súa solidez legal.
Ritmos dispares en América Latina
A posibilidade de que gais e lesbianas poidan casar avanza en varios países latinoamericanos
En 2009, Arxentina estreouse como o primeiro país en legalizar o matrimonio homosexual a nivel nacional, aínda que México DF, o estado mexicano de Quintana Roo e Alagoas, en Brasil, tamén contan con normas propias que o recoñecen. Arxentina destacouse nos últimos anos por avanzar nas políticas de diversidade sexual, incluída a aprobación dunha Lei de Identidade de Xénero considerada como a máis progresista do mundo, xa que só lles esixe ás persoas transexuais unha declaración xurada para poder cambiar de sexo nos documentos oficiais.
A posibilidade de que gais e lesbianas poidan casar avanza en varios países latinoamericanos. A Corte Constitucional de Colombia recoñécelle desde 2007 ás parellas homosexuais dereitos relativos á herdanza e ao sistema de pensións. O pasado 28 de setembro, o Congreso iniciou un proxecto legal que pretende substituír a figura do matrimonio (definido pola Constitución como a unión entre un home e unha muller) pola figura da unión civil, que incluiría en pé de igualdade as unións entre parellas do mesmo ou de diferente sexo.
En Cuba, en cambio, o proxecto de Código da Familia que recoñecería a unión civil (descartouse chamarlle matrimonio) de persoas do mesmo sexo leva cinco anos estancado. O Goberno de Raúl Castro desmarcouse do pasado homófobo do castrismo promovendo esa iniciativa, pero atopou con fortes resistencias dentro do Partido Comunista. O diario Juventud Rebelde deu a entender o pasado 20 de setembro nunha discreta nota que as unións homosexuais serán o prato forte da sesión do Parlamento cubano que se celebrará en decembro. A Ministra de Xustiza prometeulle ao activista gai blogueiro de referencia Paquito el de Cuba que na presente lexislatura se decidirá “a sorte” da reforma.
Pero se en Cuba o proceso se atasca, en Nicaragua pechouse a posibilidade de que arranque. A Asemblea Nacional aprobou en marzo un novo Código de Familia que, segundo os movementos feministas e LGTB, supón un retroceso lexislativo, xa que define a familia como a unión dun home e unha muller con fins reprodutivos, excluíndo así a posibilidade de que as parellas homosexuais casen, e negando de paso outras realidades moi estendidas no país, coma a das familias formadas por nais solteiras. María Teresa Blandón, directora da Corrente Feminista de Nicaragua, afirma que a Fronte Sandinista, que goberna con maioría absoluta, “non ten ningunha intención de recoñecer estes dereitos”, baixo o argumento de que a sociedade nicaraguana non está preparada para semellante cambio no concepto de familia. Tanto a Igrexa católica coma as evanxélicas son moi influentes nun país no que o delito de sodomía non se derrogou até 2007 e que penaliza o aborto en todos os supostos.
Expectación en Asia
En Australia tamén está a custar aprobar o matrimonio igualitario
O pasado verán, dúas taiwanesas casaron polo rito budista como forma de reclamar que o seu país se converta no primeiro de Asia en legalizar as unións entre persoas do mesmo sexo. O Goberno taiwanés redactou en 2003 unha proposición de lei que se atopa parada ante o temor a que a medida resulte impopular e enfade a unha minoría cristiá influente. Pola súa banda, o ministro de Xustiza de Vietnam tamén se situou a favor de modificar a lexislación para dar resposta ás demandas das parellas homosexuais
En Australia tamén está a custar aprobar o matrimonio igualitario. O pasado mes de setembro o Parlamento rexeitou unha proposición de lei que o legalizou. Un mes antes, o Parlamento de Nova Zelandia deu luz verde por unha maioría ampla a unha lei que debe pasar outras dúas lecturas para ser aprobada definitivamente.
Sudáfrica é o único país africano que recoñece as unións homosexuais, grazas que en 2005 o Tribunal Constitucional ditaminou en contra de excluír do dereito ao matrimonio as parellas do mesmo sexo
Sudáfrica é o único país africano que recoñece as unións homosexuais, grazas que en 2005 o Tribunal Constitucional ditaminou en contra de excluír do dereito ao matrimonio as parellas do mesmo sexo. Este país tamén é pioneiro no continente en aprobar leis antidiscriminación. A pesar de todo, as lesbianas surafricanas viven en risco de sufrir as chamadas violacións correctivas, unha práctica moi estendida no país, segundo denuncian os organismos en defensa dos dereitos humanos.