O pasado 25 de xuño entraron en vigor todos os artigos da lei de eutanasia, aprobada definitivamente no Congreso en por unha ampla maioría absoluta, agás un. O relativo á creación, por parte das comunidades autónomas, das Comisións de Garantía e Avaliación que deben avaliar cada solicitude unha vez pasado os dous primeiros filtros médicos estaba en vigor dende o 26 de marzo.
A creación da comisión que avaliará as solicitudes de eutanasia foi aprobada no Consello da Xunta deste 8 de xullo, pero non foi incluída na referencia pública sobre os asuntos tratados polo Goberno galego. A lei estatal fixaba que tiña que estar en vigor dende o 25 de xuño
O que dicía es artigo era que, no momento da entrada en vigor do resto da norma, as autonomías debían ter creado este organismo. No caso galego, a Xunta comezou a tramitar a creación desta comisión en abril, pero cando expirou o prazo legal, en xuño, aínda non a tiña creada. Faltaba, esgrimiu, un ditame do Consello Consultivo (o órgano que emite informes -non vinculantes- sobre a normativa elaborada polo Goberno galego).
Ese ditame foi emitido o 30 de xuño e o Consello da Xunta aprobou o decreto na súa reunión do xoves 8 de xullo. Non obstante, o Goberno galego non incluíu a súa aprobación na referencia pública que remite aos medios de comunicación e divulga no seu sitio web. Esa referencia reflicte o decreto de concesión da Medalla de Galicia e outro para a transferencia de dous viarios ao Concello de Meaño, pero ningún máis.O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, tampouco o sinalou na súa comparecencia ante a prensa.
Así se reflicte na publicación do decreto no Diario Oficial de Galicia deste mesmo venres, día 9. O decreto está en vigor dende a súa propia publicación no DOG. Daquela, o atraso foi finalmente de dúas semanas. Trae consigo algunhas mudanzas a respecto do proxecto inicial. A maior parte delas supoñen remitirse á lei de eutanasia para aspectos vinculados á organización e funcionamento da comisión, no canto de transcribilos.
O persoal médico pasa de ter 5 a 7 representantes na comisión que avaliará as solicitudes de eutanasia e o persoal de enfermaría, de 3 a 2
Alén desas cuestións de redacción, o proxecto varía un chisco a composición da comisión, cuxo nomeamento queda nas mans da Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria, dirixida actualmente polo doutor Jorge Aboal. O persoal médico pasa a de ter 5 a contar con 7 representantes, mentres que o persoal de enfermaría, que tiña 3, pasa a ter 2. O terceiro grupo profesional representado no órgano (3 membros), pasa de ter como requisito a formación en Dereito a ter que ser, especificamente, "xuristas con coñecementos de dereito sanitario ou bioética".
Ademais, isto si tal e como estaba redactado no proxecto, o novo decreto engade un precepto máis ao que regula os comités de ética asistencial do Sergas dende o ano 2000. De agora en diante, estoutros comités terán tamén a función de "asesorar e emitir informes sobre as cuestións éticas relacionadas coa práctica clínica" nos centros sanitarios para "garantir os dereitos das persoas enfermas terminais", mais tamén do persoal que as atenda.
O decreto outorga aos comités de ética asistencial do Sergas a capacidade de "propoñer alternativas e solucións éticas" cando haxa "discrepancias" do persoal médico coas persoas enfermas terminais e as súas familias a respecto de "decisións clínicas controvertidas"
A Xunta dá a estes comités éticos a posibilidade de "asesorar e propoñer alternativas ou solucións éticas naquelas decisións clínicas controvertidas" no caso de "discrepancia" entre o persoal sanitario ou a "institución sanitaria" e a persoa enferma terminal "ou, de ser o caso, con aquelas persoas que exerzan os seus dereitos". Isto sucederá, prevé, cando a discrepancia sobre "a atención sanitaria prestada a ditas persoas enfermas terminais non se resolva mediante acordo entre as partes".
Esta regulamentación e a devandita engádega chega despois de que o propio presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, expresase a súa discrepancia coa lei de eutanasia e a volvese confrontar coa lei que, dende 2015, regula en Galicia os coidados paliativos, a sedación e outros procedementos para persoas enfermas terminais. Naquela comparecencia tamén insistiu en que a Xunta creaba esta comisión "por obriga legal". Tamén chega despois de que o PP ratificase a súa intención de recorrer a lei de eutanasia ante o Tribunal Constitucional.