En decembro do ano 2020 o Congreso aprobou definitivamente a lei de eutanasia por unha ampla maioría absoluta, abrindo a posibilidade de acceder ao novo dereito a persoas con enfermidades "graves e incurables" ou "padecimentos graves, crónicos e imposibilitantes, pasou á Xunta. A partir de aí a responsabilidade da aplicación da norma pasou á Xunta, un proceso que entidades como Dereito a Morrer Dignamente (DMD) criticaron polos atrancos provocados pola xestión do dereito por parte do Goberno galego. O colectivo denunciou, por exemplo, a falta de formación do persoal do Sergas, que impediu o acceso á eutanasia a un home de 90 anos que o reclamara expresamente.
DMD volve criticar os obstáculos introducidos pola Xunta de Galicia, neste caso incidindo na redacción do impreso para o rexistro do Testamento Vital
DMD volve criticar os obstáculos introducidos pola Xunta de Galicia, neste caso incidindo na redacción do impreso para o rexistro do Testamento Vital. A entidade explica que no documento actualmente vixente, xa modificado despois da denuncia presentada polo colectivo, "suprimíronse as referencias ás normas legais que sustentan o Testamento Vital e introduciuse a posibilidade de elección de eutanasia, pero dando a entender que a morte asistida medicamente podería proporcionarse á persoa contra a súa vontade se esta non deixara dito explicitamente que non quere a eutanasia".
"Non ten ningún sentido aparente, induce á confusión e mobiliza o temor á morte por acción médica propoñerlle ás persoas que fagan constar explicitamente no documento de rexistro do Testamento Vital que non queren a prestación de eutanasia ou que non se pronuncian ao respecto"
O colectivo salienta que "non ten ningún sentido aparente, induce á confusión e mobiliza o temor á morte por acción médica propoñerlle ás persoas que fagan constar explicitamente no documento de rexistro do Testamento Vital que non queren a prestación de eutanasia ou que non se pronuncian ao respecto", tal como se contén no documento reformado pola Consellería.
A entidade cre que esta redacción non é casual, pois "xa foi impulsada, hai agora un ano, polos sectores máis integristas e reaccionarios daqueles que que se opoñen á regulación da eutanasia, coa finalidade de crear confusión e provocar o medo (en particular das persoas maiores), para así tentar debilitar o apoio social ao dereito á eutanasia".
A necesidade de rexistrar a solicitude no Testamento Vital
Dereito a Morrer Dignamente subliña que "a Lei é absolutamente clara ao respecto" e as persoas "só poderán acceder á eutanasia previa solicitude realizada en plenas condicións de capacidade, dispoñendo da información necesaria, e sen coacción algunha". Esa solicitude poderá facerse anticipadamente mediante a súa constancia expresa no Testamento Vital.
DMD Galicia recomenda que rexistre a solicitude de eutanasia no Testamento Vital
DMD Galicia recomenda que rexistre a solicitude de eutanasia no Testamento Vital quen "non querendo continuar a súa vida nas condicións de enfermidade ou estado crónico e incurable causante de sufrimento intolerable, tal como prevé a Lei para acceder á morte asistida medicamente, poida perder de forma irreversible a súa capacidade legal para adoptar esta decisión como consecuencia de enfermidade ou accidente".
Un ronsel de atrancos
Nos últimos meses DMD denunciou a carencia de iniciativas da Consellería para a formación de profesionais e administradores sanitarios ou a ausencia de actuacións de sensibilización e información á sociedade
Nos últimos meses Dereito a Morrer Dignamente xa denunciou o atraso na creación da Comisión de Garantía e Avaliación, a carencia de iniciativas da Consellería para a formación de profesionais e administradores sanitarios sobre o contido da Lei e os procedementos a aplicar para facela efectiva, a ausencia de actuacións de sensibilización e información á sociedade sobre o novo dereito e o Testamento Vital, e mesmo o impreso que no SERGAS se ofrecía ás persoas para rexistrar o seu Testamento Vital, xa que ocultaba o dereito a anticipar a solicitude de eutanasia se a persoa chegase a atoparse nun dos tipos previstos na Lei.