A falta de formación no Sergas para aplicar a lei de eutanasia atranca a petición dun home de 90 anos

Unha enfermeira ofrece coidados paliativos a un doente no seu fogar CC-BY-NC-ND Ariadna Creus e Àngel García / Banc d’Imatges Infermeres

Dereito a Morrer Dignamente fai público o "maltrato" por parte do Sergas  a un ancián da Coruña que ten expresado o seu desexo de pór fin á súa vida con axuda médica e reclama formación para aplicar este novo dereito fundamental

A asociación galega Dereito a Morrer Dignamente (DMD) denuncia publicamente que a "actitude neglixente" da xerencia da área sanitaria da Coruña está a provocar un maior sufrimento a unha persoa que ten solicitado o seu desexo de recorrer á eutanasia para pór fin á súa vida, segundo está recollido na lei. Trátase dun home de 90 anos residente na Coruña, cunha vida restrinxida ao seu fogar, afectado por diferentes enfermidades causantes dun elevado sufrimento e de dependencia para realizar as actividades máis básicas. 

Un home que, xunto á súa muller, acudiu a este colectivo en busca da axuda e o acompañamento que non estaba a recibir por parte do Sergas, como tamén establece a lei de regulación da eutanasia. "A atención a este dereito fundamental non pode depender da sensibilidade de cada xerencia de área, nin do momento que teña  un administrador do sistema, que é o que vén a ser un xerente. Necesítase un protocolo claro", defende o presidente de Dereito a Morrer Dignamente Galicia, o psicólogo clínico Miguel Anxo García Álvarez.

Miguel Anxo García Álvarez nunha foto de arquivo © Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia

"Todo o ruído xenerado polo presidente da Xunta sobre a eutanasia acaba creando inseguridade na profesión", explica Miguel Anxo García

Este home ten rexistrado o seu testamento vital e tamén ten recoñecida a súa plena capacidade de decisión por especialistas do propio do Sergas. Solicitou a prestación de axuda médica para morrer no seu centro de saúde, acompañado da súa muller. O problema é que, para que se activase a súa petición, tivo que acabar reclamando na xerencia da área sanitaria da Coruña –que é desde onde se xestionan estes casos–. 

A partir de aí, recibiron unha serie de visitas de profesionais no seu domicilio que xeraron "confusión" nesta familia. Unha circunstancia que desde DMD achacan a "ausencia de formación do Sergas aos seus profesionais a respecto deste novo dereito e a como xestionar a prestación".

"Todo o ruído xenerado polo presidente da Xunta sobre a eutanasia acaba creando inseguridade na profesión, e iso acaba traducíndose en que á hora de actuar se produzan confusións como a deste caso. No que se lle chegou a trasladar ao paciente a posibilidade de retirarlle a asistencia domiciliaria", explica Miguel Anxo García.

"É urxente que o Sergas realice unha acción formativa que tranquilice, normalice e unifique uns mínimos criterios para que os profesionais que se enfrontan a estes procedementos teñan claro como actuar", incide o presidente de Dereito a Morrer Dignamente Galicia. 

O pasado 15 de febreiro, a médico nomeada pola xerencia do Sergas na Coruña como responsable do seguimento deste home de 90 anos –unha profesional sanitaria á que non coñece– acudiu ao seu domicilio e "recolleu a confirmación da vontade do paciente, preguntou polo procedemento que elexía, e comprometeu visita en quince días". 

Unha forma de proceder censurada por DMD, pois Miguel Anxo García describe que esa primeira visita ten que comezar a forxar unha relación de proximidade, confianza e acompañamento para o proceso deliberativo de quince días que recolle a lei. "Non é só entregar papeis", critica, xa que non se informou a este doente sobre "o seu proceso médico, prognóstico, alternativas terapéuticas, coidados paliativos e prestacións á dependencia".

Portada da estratexia de humanización do Sergas CC-BY-SA Sergas

DMD Galicia critica os cambios no protocolo no Sergas deixan abertos os prazos de resposta ás persoas que solicitan exercer o seu dereito á morte digna

Desta maneira, a asociación critica o "maltrato" desta persoa "en condición de final de vida" e o "tratamento inaceptable dun dereito fundamental por quen está máis obrigado que ninguén a protexelo". Por iso, sinala que os cambios levados a cabo pola Consellería de Sanidade no 'Protocolo sobre o procedemento para a realización da prestación da axuda para morrer' deixan abertos os prazos de resposta do sistema público de saúde cando unha persoa manifesta que quere facer uso do dereito á morte digna. 

En concreto, o protocolo do Sergas pasou –nunha modificación a finais do ano pasado– de recoller que a atención nestes casos se produciría "nun máximo de dous días naturais" a que se realizará "no menor prazo posible". Desde a Consellería de Sanidade salientan a Praza.gal que "esta tarefa non é sinxela" e que se estaba a incorporar na norma "un prazo que non está establecido na lei". 

Ademais, en Sanidade alegan que Galicia conta cunha "figura como unidade xestora da prestación para garantir en todo momento o cumprimento de prazos e requisitos que esixe dar esta prestación". E detallan que "esta figura está encargada de encontrar/contactar/designar/acompañar e informar ao médico responsable, tendo moi presente as preferencias do paciente". Desde DMD, en contacto coa familia deste ancián da Coruña, certifican que esa figura non interveu neste caso

"A atención a estas persoas debe pasar ao primeiro lugar das nosas atencións"

Este ancián da Coruña rematará o proceso deliberativo sobre a súa decisión de pór fin á súa vida nos vindeiros días. "Pero o seu caso non foi tratado co respecto que merece un dereito que é unha extensión do dereito á liberdade persoal", lamenta Miguel Anxo García, quen considera que o Sergas debera ter en conta que cando unha persoa manifesta este desexo é porque sofre "unha dor insoportable, incompatible coa vida"

"A atención a estas persoas debe pasar ao primeiro lugar das nosas atencións. As horas e os días de espera non son o mesmo para alguén nestas circunstancias. Débese actuar da mesma maneira que nas urxencias cando se prioriza a atención aos doentes en función da súa gravidade", destaca o psicólogo clínico. "Temos experiencia de áreas nas que si se actuou con celeridade, como recolle a lei, e cun acompañamento da persoa ata o final. Pero neste momento depende da sensibilidade e a formación de cada profesional", engade. 

Na Consellería de Sanidade trasladan a Praza.gal que a lei de regulación da eutanasia obriga ao Ministerio a realizar a formación dos profesionais sanitarios neste eido. "Non obstante, debido á tardanza desta actuación, o Sergas está planificando dous cursos específicos de formación desta prestación", apuntan. Porén, o presidente de DMD Galicia lembra que a Consellería "ten as competencias en formación dos seus recursos profesionais". 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.