O 25 de xuño de 2021 entrou en vigor Lei Orgánica de Regulamentación da Eutanasia, unha reivindicación histórica dos colectivos en defensa da morte digna que foi aprobada no Congreso en decembro de 2020. Nestes tres anos a asociación Dereito a Morer Dignamente (DMD) vén avaliando a aplicación da norma, poñendo de manifesto as eivas burocrátivas e doutro tipo -de formación, de comunicación...- que veñen lastrando a súa posta en marcha.
Dende a entrada en vigor da lei, o número de solicitudes para recibir a prestación de axuda para morrer (PAM) en Galicia foi de 75 (10 no ano 2021, 28 no ano 2022 e 37 no ano 2023)
Dende a entrada en vigor da lei, o número de solicitudes para recibir a prestación de axuda para morrer (PAM) en Galicia foi de 75 (10 no ano 2021, 28 no ano 2022 e 37 no ano 2023), segundo os datos do Sergas. Na evolución de solicitudes presentadas obsérvase, polo tanto, unha tendencia crecente. Nas áreas sanitarias de Lugo e Vigo presentáronse o maior número de solicitudes (8) e na de Ourense foron 6. A porcentaxe de PAM realizadas no ano 2023 en relación coas solicitadas foi do 45,9%, algo por debaixo na media do Estado (50%).
No pasado ano 2023, o número de persoas que faleceron mentres se tramitaba a súa solicitude foi de 13
No pasado ano 2023, o número de persoas que faleceron mentres se tramitaba a súa solicitude foi de 13, o que representa unha porcentaxe do 35,1% en relación co número total de solicitudes presentadas neste ano. A porcentaxe é semellante á que se rexistrou no conxunto do Estado, segundo os datos achegados por DMD, que este martes denunciou que case un terzo das persoas solicitantes de eutanasia en España faleceron durante a tramitación da prestación de axuda para morrer.
En Galicia en 2023, a media de días transcorridos entre a presentación da solicitude e a data da PAM foi de 57,1 días, cunha mediana de 58,5 días. A asociación DMD critica a “excesiva duración” do procedemento de axuda para morrer
En Galicia, a media de días transcorridos entre a presentación da solicitude e a data da PAM realizadas no ano 2023 foi de 57,1 días, cunha mediana de 58,5 días. A asociación DMD critica a “excesiva duración” do procedemento de axuda para morrer, cunha media no conxunto do Estado de 75 días (e unha mediana de 55,5) "cando non debería alongarse máis de 35".
Tamén critica "a alta porcentaxe de solicitudes denegadas", que chega ao 20 por cento do total no conxunto do Estado. En Galicia O número de solicitudes denegadas no período 2021-2023 foi de 11, o 15% do total. Delas, 2 corresponderon ao ano 2021, 3 ao ano 2022 e as 6 restantes ao 2023.
A idade media das persoas a quen se lles realizou a PAM foi de 62,2 anos. A persoa máis nova contaba con 22 anos e 91 a persoa de máis idade. A patoloxías de base máis frecuente dos pacientes que recibiron a PAM foi a neurolóxica (64,7%) e a oncolóxica (23,5 %).
Por decisión do paciente, no ano 2023 efectuáronse no ámbito hospitalario 11 das 17 PAM (64,7%); 4 tiveron lugar no domicilio (23,5%) e 2 realizáronse nunha residencia socio-sanitaria (11,8%). A modalidade de PAM escollida polos pacientes foi a administración por parte do profesional sanitario en 26 dos 27 casos. Só unha persoa elixiu a modalidade de auto-administración, no ano 2023.
Críticas da asociación Dereito a Morer Dignamente
Na súa avaliación dos tres anos da Lei de Eutanasia, a asociación DMD critica o “maltrato institucional” que reciben algúns solicitantes da prestación de axuda para morrer
Na súa avaliación dos tres anos da Lei de Eutanasia, a asociación DMD critica o “maltrato institucional” que reciben algúns solicitantes da prestación de axuda para morrer, o que supón un “sufrimento engadido” para estas persoas e as súas familias. Co obxectivo de mellorar a aplicación da lei e garantir o dereito á eutanasia en todo Estado, DMD trasladou ao Ministerio de Sanidade 18 propostas para que se incluan no Manual de Boas Práticas de Eutanasia.
DMD pide, por exemplo, que o Ministerio propoña un modelo de informe para todas as comunidades autónomas e unha data de publicación; que impulse unha comisión estatal da eutanasia e recomende que os membros das comisións de garantía e avaliación non sexan obxectores de conciencia. “Estas comisións deberían ser órganos administrativos que verifican o cumprimento do que marca a lei. Porén, en moitas ocasións estanse comportando coma un terceiro avaliador, poñendo en cuestión ou mesmo contradicindo as conclusións dos clínicos que interviron no proceso deliberativo da cada caso”, sinala a entidade.