Laura Fernández Abalde, enferma dun cancro terminal, recibiu este martes a eutanasia no Hospital Meixoeiro de Vigo. A pesar da resistencia inicial do Sergas a aceptar un procedemento abreviado ante o avance da súa doenza, finalmente puido acceder a unha morte digna nun prazo máis curto do habitual
Laura Fernández Abalde, enferma dun cancro terminal, recibiu este martes a eutanasia no Hospital Meixoeiro de Vigo. A viguesa, de 67 anos e activista de Derecho a Morir Dignamente (DMD), reclamara publicamente nos últimos días a aceleración dos prazos administrativos para acollerse a este dereito recollido na Lei Orgánica de Regulación da Eutanasia, solicitado o pasado 29 de outubro, en vista de que o proceso da súa enfermidade avanzaba con moita rapidez.
Finalmente, foille concedida a eutanasia nun prazo acurtado en relación aos procedementos máis habituais, como se adoita facer en situacións coma esta, nas que a doenza avanza máis rápido que a burocracia. DMD destaca que a viguesa foi quen de "vencer as trabas burocráticas dun Servizo Galego de Saúde empeñado en facer una lectura regulamentista da lei". A Consellaría de Sanidade chegou a afirmar que "non existe ningún procedemento abreviado" para a eutanasia, o que foi respondido de forma tallante pola asociación: "por suposto que existe" a posibilidade dun "procedemento abreviado" para acceder á eutanasia en casos como este.
Finalmente, Laura Fernández faleceu na habitación 705 do servizo de paliativos do Meixoeiro, rodeada da súa familia e do equipo médico.
"Morrer imos morrer todos, pero a forma de morrer que eu elixín paréceme marabillosa. A xente non o entende, pero eu levo moitos anos defendendo a eutanasia e a lei de morte digna", di Laura Fernández nun vídeo publicado por DMD
"Morrer imos morrer todos, pero a forma de morrer que eu elixín paréceme marabillosa. A xente non o entende, pero eu levo moitos anos defendendo a eutanasia e a lei de morte digna", di Laura Fernández nun vídeo publicado por DMD, no que remata dicindo que "nunca esperei un final de vida tan bonito coma este".
A entidade destaca a "lección de vida" dada pola viguesa, que no vídeo di "pois mira, se con que aprendades algo desta experiencia miña vai ser bo para vós, síntome afortunadísima". Nos últimos días, entrevistada por varios medios de comunicación Laura Fernándezbuscou concienciar sobre a necesidade de potenciar unidades de paliativos como a do hospital vigués Meixoeiro, integrada por "xente marabillosa, atenta, eficaz e delicada" á que expresaba un profundo agradecemento. Laura tamén animaba a facer o testamento vital como instrumento imprescindible para guiar a parentes e sanitarios sobre o que un desexa nos seus últimos momentos.
Nos últimos días pedía potenciar unidades de paliativos como a do Meixoeiro e animaba a facer o testamento vital
Membro de DMD dende 2006 e integrante da dirección de DMD Galicia dende hai anos, advertía que "nos próximos anos, no noso país, haberá que loitar para manter o conseguido coa Lei de Eutanasia, reclamar o seu cumprimento efectivo, e por iso a xente ten que reflexionar ben á hora de votar, e non apoiar a forzas ou partidos que tratan de restrinxir dereitos como a morte digna ou o aborto".
"Nos próximos anos, no noso país, haberá que loitar para manter o conseguido coa Lei de Eutanasia", alertaba
Laura Fernández dicía que enfrontaba o final da súa vida "sen medo". “Será como unha anestesia total, unha morte feliz", dicía. E, preguntada se podía comparar a súa situación coa de Ramón Sampedro, Laura respondía de forma negativa: "obviamente coincidimos na loita e a miña comezou en gran medida polo seu exemplo, pero Ramón tivo unha mala vida e unha mala morte, e eu tiven unha boa vida e terei unha boa morte".