A viguesa Laura Fernández Abalde sofre un cancro con metástase que avanza máis rapido que os trámites legais da eutanasia que solicitou. Ela repite que quere marchar "con dignidade", pero a Xunta di que os prazos non se poden acelerar
Hai case catro anos que se aprobou no Congreso a Lei Orgánica de Regulación da Eutanasia, aprobada no Congreso en decembro de 2020, comezou a aplicarse o 25 de xuño de 2021. Porén, malia a vixencia da norma seguen a existir obstáculos para as persoas que queren acceder a unha morte digna, como leva tempo denunciando a asociación Dereito a Morrer Dignamente (DMD).
Un deses casos coñecémolo esta semana, o da viguesa Laura Fernández Abalde, doente dun cancro con metástase que avanza moi rapidamente e integrante de DMD. Laura ingresou en coidados paliativos e solicitou a eutanasia, pero a enfermidade vai a máis velocidade que os trámites legais (sinaturas de profesionais sanitarios, o permiso concedido por unha comisión do Sergas...). Ela, con todo, repite que quere marchar "con dignidade", antes que a o cancro convirta os seus últimos días nun inferno. A súa situación fo denunciada no Parlamento polo PSdeG.
A asociación Dereito a Morrer Dignamente (DMD) responde á Xunta que "por suposto que existe" a posibilidade dun "procedemento abreviado" para acceder á eutanasia en casos coma o de Laura Fernández Abalde
A Consellaría de Sanidade defende que está a cumprir "estritamente" os procedementos establecidos na lei. "Iso supón dar cumprimento a un procedemento complexo, estritamente regulado nos pasos e trámites que se deben seguir. Por exemplo, está establecido na lei que, entre a primeira e a segunda solicitude do paciente debe transcorrer un período mínimo de 15 días", di o Sergas.
Sanidade afirma que "con carácter xeral, non existe ningún procedemento abreviado para a prestación da axuda a morrer, senón que existe un único procedemento para aplicar cando o paciente conserva a capacidade da toma de decisión, sendo o mínimo necesario para o cumprimento da lei duns 40 días".
Porén, a asociación Dereito a Morrer Dignamente (DMD) responde á Xunta que "por suposto que existe" a posibilidade dun "procedemento abreviado" para acceder á eutanasia en casos coma o de Laura Fernández Abalde. A entidade lembra un informe publicado polo Ministerio de Sanidade que especifica que "se a persoa solicitante da eutanasia pode empeorar nunhas poucas semanas (40 días) e entrar na fase de últimos días (agonía), perdendo así a súa capacidade para asinar o consentimento informado, o médico responsable da solicitude debe axilizar os prazos". DMD subliña que se poden axilizar os prazos "tanto como para resolver todo o proceso en apenas oito días".
DMD subliña que se poden axilizar os prazos "tanto como para resolver todo o proceso en apenas oito días"
A clave estaría, entre outros cambios, na redución do período obrigatorio de espera de 15 días entre a primeira e a segunda solicitude, que se pode facer en casos coma este, nos que a doenza avanza con rapidez. De feito, lembra DMD, en 2022 a segunda solicitude adiantouse en 82 procesos de eutanasia, o 15% do total. A asociación destaca que "en España case un terzo das persoas que solicitan a eutanasia morren mentres se tramita a súa solicitude, porque tardan en resolverse unha media de 27 días".
Iniciativas do PSdeG no Parlamento
O PSdeG vai propor unha serie de medidas para "garantir unha tramitación áxil e respectuosa da eutanasia en Galicia"
Esta semana o PSdeG anunciou que levará ao Parlamento a situación de Laura Fernández Abalde coa presentación no próximo Pleno dunha batería de iniciativas rexistradas o pasado mes de setembro co obxectivo de "garantir unha tramitación áxil e respectuosa da eutanasia en Galicia". As medidas buscan "poñer fin á burocracia asfixiante e ao sufrimento innecesario ao que se enfrontan persoas en situacións límite, nun proceso que debería respectar a súa dignidade e a súa decisión persoal de morrer en paz".
O 35,1% das persoas que solicitaron a eutanasia en Galicia morreron esperando unha resposta
Elena Espinosa, voceira de Sanidade do Grupo Parlamentario Socialista, subliña que "Laura non é un caso illado", senón que é "a voz de ducias de galegos e galegas atrapados nunha burocracia que, en lugar de apoiar e respectar, está a fallar nas súas promesas de dignidade". Segundo datos do Servizo Galego de Saúde, o 35,1% das persoas que solicitaron a eutanasia en Galicia morreron esperando unha resposta, lembrou Espinosa.