O 8 de xullo de 2021 o Consello da Xunta presidido por Alberto Núñez Feijóo aprobou por decreto a creación da Comisión de Garantía e Avaliación. Conforme o fixado na lei de eutanasia aprobada en xuño dese mesmo 2021 no Congreso por ampla maioría absoluta, é a encargada de estudar cada solicitude do que a norma denomina como "prestación de axuda para morrer" e depende do Goberno galego, en canto a sanidade pública é unha competencia transferida e esta é unha prestación da propia sanidade pública.
En xullo de 2021, con atraso e sen facelo público, o Consello da Xunta presidido por Feijóo aprobou a creación da comisión do Sergas que, como manda a lei, avalía as solicitudes de eutanasia
A Xunta aprobara aquel decreto fóra de prazo e sen facelo público, ao non incluílo na referencia pública sobre os asuntos tratados no Consello e ao non ser mencionado tampouco por Feijóo na súa comparecencia ante a prensa ao respecto. Alén destas eivas e escasa transparencia, a Comisión de Garantía e Avaliación foi creada e composta por doce membros: sete representantes do persoal médico, dous do persoal de enfermaría e tres "xuristas con coñecementos de dereito sanitario ou bioética".
Dende aquela existe a Comisión de Garantías e Avaliación da Eutanasia da Comunidade Autónoma de Galicia. A súa composición foi variando nos case dous anos que leva exercendo a función encomendada pola lei de eutanasia. Consiste, esencialmente, en estudar se en cada caso "concorren os requisitos e condicións establecidos" na lei para "solicitar e recibir a prestación de axuda para morrer".
Feijóo afirma que "deberiamos falar cos comités de bioética" e "pedirlles ditames", obviando que a Comisión de Avaliación e Garantías, composta por profesionais médicos, da enfermaría e xuristas, xa o están a facer
Quen presidiu aquel Consello e rubricou aquel decreto como presidente é agora líder do PP e candidato por esta formación ás eleccións xerais do 23 de xullo. Con esta condición foi entrevistado o pasado mércores no programa televisivo El Hormiguero (Atresmedia), ao que na xornada anterior acudiu Pedro Sánchez, candidato á reelección polo PSOE. Alí, entre outros asuntos, Feijóo foi cuestionado pola súa postura a respecto do dereito á eutanasia e deu en retrucar cuestionando as garantías da lei que el mesmo aprobou e mesturándoa coa sedación paliativa.
Segundo o ex-presidente e actual líder do PP, "conviría chegar a un punto de encontro" porque "todos temos corazón" e "a eutanasia dunha persoa que os médicos consideran que non está nunha situación irreversible non é un tema" no que "os políticos deberiamos meternos". "Deberiamos falar cos comités de bioética (...), cos profesionais (...), pedirlles ditames e con eses ditames enriba da mesa, reunire sen apriorismos e tomar decisións", agregou, obviando a existencia dos devanditos comités.
Tras indicar que se unha persoa enferma de esclerose lateral amiotrófica (ELA) "non quere unha eutanasia, temos que respectalo", Feijóo agregou que este debe ser un "proceso médico, asistencial, dun comité de ética, de bioética". Porque "se cadra, esa persoa toma esa decisión hoxe e, noutras condicións, dentro dunha semana, toma outra e esa decisión é irreversible".
O ex-presidente tamén cuestiona a lei de eutanasia porque "se cadra, a persoa toma a decisión e, dentro dunha semana, toma outra e é irreversible". A lei fixa a obriga de solicitar o dereito dúas veces separadas entre si por non menos de quince días
Ademais da devandita Comisión de Avaliación e Garantías, na lei de eutanasia existen outros filtros entre os que destacan a obriga de solicitar o exercicio do dereito por dúas veces separadas entre si por non menos de quince días e sempre e cando se padezan as doenzas "graves e incurables" que a lei sinala como marco para poder solicitar a eutanasia. O persoal médico, ademais, ten a obriga de informar a persoa solicitante das alternativas existentes, "incluída a de acceder a coidados paliativos".
A eses coidados paliativos referiuse tamén Feijóo na súa entrevista a través do relato dunha experiencia persoal relativa ao falecemento do seu pai, cando "o médico nos dixo que non había solución" e o persoal médico ofreceu á familia a opción da sedación paliativa. Previamente, apuntara tamén a que "fixemos unha lei de coidados paliativos e o testamento vital".
Esa mestura entre coidados paliativos e eutanasia, malia ser dúas prácticas obviamente diferentes, xa a fixera o propio Feijóo como presidente en xuño de 2021, cando comezara a tramitación do decreto para a creación da Comisión de Garantía e Avaliación. Daquela indicara que a Xunta "segue apostando pola asistencia aos enfermos terminais" de acordo coa Lei de dereitos e garantías da dignidade das persoas enfermas terminais.
Como xa fixera na Xunta, o líder do PP mestura a eutanasia cos coidados paliativos, regulados en Galicia dende 2015 por unha lei aprobada por unanimidade tras ser promovida polo PSdeG
Esa norma foi aprobada por unanimidade do Parlamento en 2015 a partir dunha iniciativa do PSdeG e define e reforza a sedación paliativa e a sedación na agonía, elementos xa habituais na práctica clínica das unidades de coidados paliativos. A deputada socialista que a impulsara, Carmen Acuña, médica de profesión, xa advertira daquela que se trataba dunha cuestión diferente á da eutanasia, "un debate que, antes ou despois, teremos que dar", auguraba.
Malia esta posición do PP en Galicia, o certo é que a lei leva case dous anos a aplicarse, aínda que con atrancos, segundo un recente balance realizado pola sección galega da asociación Dereito a Morrer Dignamente. Neste tempo, segundo os datos que manexa o colectivo, 53 persoas solicitaron acollerse a este dereito e foi recoñecido en 17 casos.