O CIS apunta a unha maioría de esquerda o 23X, con igualdade en Galicia entre PP e PSdeG, 2-3 escanos para BNG e 2 para Sumar

© Congreso dos Deputados

A enquisa amosa unha grande igualdade na estimación de voto de PP (31,4%) e PSOE (31,2%). Con todo, a esquerda acadaría unha cómoda maioría grazas ao resultado de Sumar (16,4%), que superaría amplamente o de VOX (10,6%)

A esquerda podería manter o Goberno do Estado a través da reedición do pacto de coalición que na última lexislatura mantiveron PSOE e Unidas Podemos, hoxe integrado en Sumar, segundo os resultados da enquisa pre-electoral que este mércores publica o Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS). O traballo demoscópico, composto de 30.000 entrevistas realizadas entre o 8 e o 27 de xuño, amosa unha grande igualdade na estimación de voto de PP (31,4%) e PSOE (31,2%), que se traduciría nunha pequena vantaxe en escanos para os conservadores (entre 122 e 140) sobre os socialistas (entre 115 e 135).

Con todo, a esquerda acadaría unha cómoda maioría grazas ao resultado de Sumar (16,4% e entre 43 e 50 escanos), que melloraría os datos obtidos por Unidas Podemos en 2019 (35 escanos). VOX, en cambio, perdería a metade dos seus actuais representantes, caendo ata o 10,6% dos votos e entre 21 e 29 deputados, fronte aos actuais 53. PSOE e Sumar achegaríanse polo tanto á maioría absoluta (176), da que quedarían a menos de vinte escanos no peor dos casos

En Galicia, o CIS prognostica un escenario moi igualado entre PP e PSdeG.  BNG podería acadar entre 2 e 3 escanos, seguros pola Coruña e Pontevedra e con opcións en Lugo. Finalmente, Sumar obtería dous escanos

En Galicia, o CIS prognostica un escenario moi igualado entre PP e PSdeG. Os populares obterían entre 8 e 12 escanos (no 2019 obtiveron 10) e os socialistas entre 7 e 10 (acadaron 10 hai catro anos). O BNG podería acadar entre 2 e 3 escanos, seguros pola Coruña e Pontevedra e con opcións en Lugo, cun ascenso importante en relación aos resultados do 2019 (un escano). Finalmente, Sumar obtería dous escanos, por Pontevedra e A Coruña, mantendo o resultado acadado hai catro anos por Unidas Podemos.

O CIS realizou 2.181 entrevistas en Galicia: 794 na Coruña, 597 en Pontevedra, 403 en Lugo e 387 en Ourense.

O CIS non ofrece estimación de voto para Galicia, pero si datos de intención de voto e simpatía, un indicador no que domina lixeiramente o PP (30,8% de apoios) sobre o PSdeG (29,7%). En terceira posición aparece o BNG (14,2%), por diante de Sumar (11%) e VOX (4,6%)

Os escanos galegos repartiríanse do seguinte xeito nas catro circunscricións provinciais. O PP sería a forza máis votada na Coruña, con 3-4 escanos (ten 3 na actualidade), por diante do PSdeG (2-3, cun descenso dende os 3 actuais), BNG e Sumar.

En Pontevedra, PP e PSdeG obterían entre 2 e 3 escanos, fronte aos 3 que teñen agora. O BNG acadaría un representante do que actualmente carece e Sumar mantería a representación de UP.

En Lugo o PSdeG sería a primeira forza, con dous escanos garantidos (os mesmos que ten na actualidade). O PP podería perder o seu segundo escano nesta provincia e o BNG ten opcións de entrar por esta circunscrución.

Finalmente, en Ourense o PP obtén os seus mellores resultados en Galicia, coa posibilidade de sumar un escano máis aos dous cos que conta actualmente. En cambio, o PSdeG podería perder aquí o seu segundo representante.

O CIS non ofrece estimación de voto para Galicia, pero si datos de intención de voto e simpatía, un indicador no que domina lixeiramente o PP (30,8% de apoios) sobre o PSdeG (29,7%). En terceira posición aparece o BNG (14,2%), por diante de Sumar (11%) e VOX (4,6%).

Un 14% dubida entre varias opcións e un terzo destas persoas faino entre PSdeG e Sumar; outro 16% faino entre Sumar e BNG e un 10% dubida entre PSdeG e PP

Na enquisa, Pedro Sánchez é o político máis valorado en Galicia (5,01 puntos sobre 10), por diante de Yolanda Díaz (4,90) e Alberto Núñez Feijóo (4,77). Santiago Abascal é o peor valorado, con 2,5 puntos.

O traballo do CIS asegura que o 79,7% dos galegos e galegas acudirán a votar "con toda seguridade" e que tan só o 66% ten xa decidido o seu voto. Un 14% dubida entre varias opcións e un terzo destas persoas faino entre PSdeG e Sumar; outro 16% faino entre Sumar e BNG e un 10% dubida entre PSdeG e PP.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.