A Xunta permite a caza sen límites de xabarís en 254 concellos e só exclúe polos incendios o de Petín

Concellos nos que a Xunta permite a caza libre do xabaril ata febreiro CC-BY-SA Imaxe: Xunta de Galicia - Montaxe: Praza Pública

É a quinta vez en sete anos que a Xunta activa a emerxencia cinexética para controlar os danos da especie e por primeira vez reduce lixeiramente o número de concellos, 10, a respecto do ano anterior

En 2019 foron 33 concellos en 4 comarcas, 198 concellos en 29 comarcas en 2021, 248 concellos en 37 comarcas en 2023, 260 concellos en 40 comarcas en 2024 e este 2025, por primeira vez, baixa lixeiramente o número de concellos e comarcas nos que a Xunta vén decretar a figura da emerxencia cinexética para permitir a caza libre de xabarís. Serán desta volta 254 concellos en 38 comarcas nos que se poderá cazar esta especie desde este sábado, un día antes do inicio oficial da tempada xeral de caza deste ano, ata o 22 de febreiro.

A respecto do ano pasado nesta ocasión deixa de poder cazarse libremente o xabaril nas comarcas coruñesas da Barcala, Barbanza, Noia e O Sar, mentres que entran na lista de comarcas con permiso as pontevedresas do Morrazo e A Paradanta. Ademais, a Xunta mantén o permiso de cazar en numerosas zonas afectadas polos incendios forestais de agosto e só exclúe expresamente da caza libre do xabaril por ese motivo o concello de Petín

Durante a vaga de incendios, a Xunta tardou seis días en prohibir a caza en Ourense despois de que ela mesma declarase a Situacion 2 de emerxencia por ese motivo en toda a provincia. 

Cada ano mátanse máis de 18.000 xabarís, e a cifra segue en aumento

A Xunta vén recorrendo nos últimos anos á figura da emerxencia cinexética para permitir a caza do xabaril máis alá dos períodos, lugares e restricións das tempadas anuais de caza. É un "instrumento adicional e complementario á caza regrada", di o Goberno galego, que o autoriza "pola presenza e os danos ocasionados" pola especie. O número de exemplares abatidos cada ano segue en aumento, superando xa os 18.000.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.