A Xunta activa por cuarta vez unha emerxencia cinexética para controlar os danos da especie tras as autorizacións que xa dera en 2019, 2021 e 2023
En 2019 foron 33 concellos en 4 comarcas, 198 concellos en 29 comarcas en 2021, 248 concellos en 37 comarcas en 2023, e este ano, na cuarta ocasión en que a Xunta recorre á figura da emerxencia cinexética para permitir a caza libre de xabarís, o permiso, ata o 23 de febreiro, abarcará 260 concellos de 40 comarcas. O propio Goberno galego salienta que a medida afectará a "preto do 85%" da superficie total de Galicia, con 313 concellos e 53 comarcas.
Nesta ocasión, ás comarcas nas que se autorizara a medida hai un ano súmanse as de A Fonsagrada, A Barcala e Caldas de Reis. A Xunta tamén sinala que durante a tempada 2023-24 foron 18.300 os exemplares abatidos en toda Galicia.
A Xunta vén recorrendo nos últimos anos á figura da emerxencia cinexética para permitir a caza do xabaril máis alá dos períodos, lugares e restricións das tempadas anuais de caza. É un "instrumento adicional e complementario á caza regrada", di o Goberno galego, que o autoriza "pola presenza e os danos ocasionados" pola especie.
Con esta medida "permitirase abater ou capturar, sen límite de exemplares, xabarís de ambos sexos, prioritariamente femias adultas e subadultas de calquera idade". Tamén será posible "abater crías e femias seguidas de crías sempre e cando haxa unha autorización especial previa por parte da Dirección Xeral de Patrimonio Natural".
O Goberno galego xustifica a medida, "instrumento adicional e complementario á caza regrada", pola "presenza e os danos ocasionados" pola especie"
A medida estará en vigor desde este sábado, logo da publicación oficial no DOG prevista para este venres, e ata o 23 de febreiro. "Con todo, poderá quedar suspendida antes no seu conxunto ou en parte do ámbito de aplicación, sempre previa resolución, de constatarse que desapareceron as causas que motivaron a declaración", matiza a Xunta. Pero ademais da caza que permite esta autorización, o Goberno galego lembra que "seguirán a desenvolverse" outras modalidades de caza sobre o xabaril, como "as actuacións de control por danos" ou a súa caza nas comarcas non incluídas nesta medida dentro da tempada anual ordinaria de caza xeral.
Coa emerxencia cinexética a Xunta tamén permite o uso de medios auxiliares de caza extraordinarios, como "visores ópticos, detectores electrónicos de paso ou presenza de animais e cebadoiros de gran ou froitos colocados nos cultivos danados".
En anos anteriores, entidades ecoloxistas criticaron que a Xunta veña apostando polo control do lobo malia que esta especie é o principal depredador do xabaril. Tamén apuntaron que a caza de xabarís aumentou a presenza de exemplares nas estradas.