Cada vez son máis frecuentes os casos de xabaríns que se ven obrigados a cruzar estradas e autoestradas e tamén os accidentes de tráficos provocados pola presenza destes animais. A Plataforma de asociacións ecoloxistas, conservacionistas e animalistas Con-Ética levou a cabo nos últimos meses un estudo estadístico a partir dos datos publicados pola Xefatura Provincial de Tráfico de Lugo. Con-Ética atopa "unha relación directa" entre a actividade cinexética e a presenza de xabaríns nas estradas e o incremento dos accidentes.
Nos meses que abrangue a tempada de caza a media de accidentes foi de 14,6 sinistros por mes. En cambio, nos meses nos que a caza non está autorizada a media foi de 6,57 por mes
A investigación analizou os sinistros provocados por xabaríns na provincia de Lugo ao longo do ano 2018, un total de 119. Con-Ética salienta que nos meses que abrangue a tempada de caza (do 1 ao 14 de xaneiro e do 25 de agosto ao 31 de decembro) a media de accidentes foi de 14,6 sinistros por mes. En cambio, nos meses nos que a caza non está autorizada a media foi de 6,57 por mes.
O colectivo analizou tamén a distribución dos sinistros por día da semana, concluíndo que existe unha concentración de accidentes de xoves a domingo, as xornadas máis habituais para a actividade da caza, e tamén nos luns.
A análise de Con-Ética descarta que o número de accidentes "teña relación co aumento da poboación" de xabaríns, subliñando que o maior número de sinistros se dá en decembro -ao final da tempada de caza-, "mes no que debería ser previsible que o número de animais se tivera reducido pola acción cinexética".
Falta de medidas de prevención nas estradas
O maior número de accidentes deuse na N-640 entre Rozas e A Fervedoira, producíndose un total de 25 accidentes nese treito, tendo lugar 20 deles en tempada de caza e únicamente 5 fora de tempada. Con-Ética subliña como "preocupante" o feito que a segunda estrada con maior número de accidentes foi a A-6, "unha vía onde as medidas de prevención de acceso de fauna deberían estar aseguradas", sinala.
Con-Ética urxe á Xunta a pór en marcha "medidas de prevención reais que aseguren a seguridade dos condutores, pasos de fauna, vías de escape, peches reforzados, captafaros..."
Con-Ética lembra que o Plan de Seguridade Viaria de Galicia 2016-2020 "establece medidas de prevención combinadas que inclúen pasos de fauna, vías de escape, peches reforzados, captafaros refletores e outras". A entidade denuncia que estas medidas de prevención de accidentes "non foron implementadas", sendo as únicas decisións adoptadas "o aumento da tempada de caza e do número de batidas, medida que, previsiblemente podería agravar aínda máis o problema aumentando os accidentes".
A entidade lembra a existencia de medidas consolidadas e exitosas en países como Holanda, Bélxica, Austria, Eslovaquia, Canadá ou Finlandia. E neste senso urxe á Xunta a pór en marcha "medidas de prevención reais que aseguren a seguridade dos condutores, pasos de fauna, vías de escape, peches reforzados, captafaros..., e a desenvolver estudos científicos sólidos que permitan ter unha visión precisa da poboación de xabarís en Galicia". Con-Ética demanda "unha verdadeira efectividade na prevención de conflitos con estes animais, priorizando actuacións intelixentes e éticas por enriba da improvisación e do recurso á matanzas inxustificadas".