ADEGA insiste en que "onde hai lobo, non manda xabarín", sinalando que "a irracional postura da Xunta, que receita chumbo para o xabarín e ao tempo pretende cazar ao lobo, principal predador do porco bravo, ponse de manifesto ao analisar conxuntamente a situación de ambas especies en Galiza"
Dende o pasado sábado pódese cazar xabaríns "sen límite de exemplares" no 80% do territorio de Galicia. A Xunta declarou a emerxencia cinexética en 248 concellos ante o incremento do número de exemplares desta especie e os prexuízos causados en moitos lugares, mesmo en espazos urbanos. En paralelo, nos últimos meses o Goberno galego vén abandeirando as críticas contra a prohibición da caza do lobo, que o pasado mes de setembro foi incluído polo Goberno central no Listado de Especies en Réxime de Protección Especial (LESPRE).
Dende que a Xunta anunciou a declaración de emerxencia cinexética para tentar conter a poboación de xabaríns, o ecoloxismo vén lembrando que o principal depredador desta especie é o lobo e que, polo tanto, os intentos de limitar o número de lobos no monte se contradín co obxectvo de controlar o de xabaríns. Este xoves ADEGA insiste en que "onde hai lobo, non manda xabarín", sinalando que "a irracional postura da Xunta, que receita chumbo para o xabarín e ao tempo pretende cazar ao lobo, principal predador do porco bravo, ponse de manifesto ao analisar conxuntamente a situación de ambas especies en Galiza".
"Nalgunhas áreas con maior presenza de mandas de lobo", como a Costa da Morte-Xallas, centro da Dorsal Galega –Melide e A Ulloa-, núcleos de Ancares, Courel e Baixa Limia, "a Xunta non precisou declarar a emerxencia cinexética polo xabarín", destaca ADEGA
A organización ambientalista explica que "ao cruzarmos os datos de presenza de grupos reprodutores de lobo" cos concellos nos que -segundo a Xunta- "existe unha poboación significativa ou cando menos problemática de porco bravo", atopamos que "nalgunhas áreas con maior presenza de mandas de lobo", como a Costa da Morte-Xallas, centro da Dorsal Galega –Melide e A Ulloa-, núcleos de Ancares, Courel e Baixa Limia, "a Xunta non precisou declarar a emerxencia cinexética polo xabarín".
ADEGA sinala que "a falta de datos científicos sobre a distribución das piaras, interaccións ecolóxicas, etc., semella claro que alí onde o lobo cría e preda no xabarín, os danos denunciados pola acción do porco bavo son menores". Para a entidade, "estes datos amosan con claridade a necesidade de contar con datos fiábeis das poboacións de xabarín, e en xeral da fauna salvaxe, para propoñer medidas e xestionar con criterios científicos as súas poboacións". ADEGA denuncia "a preocupante improvisación e as contradicións da Xunta que, por unha banda, permite cazar indiscriminadamente unha especie -o xabarín- e por outra reclama controlar o seu principal predador –o lobo-".
Ademais, a entidade critica que "encher de escopetas o monte a todas horas" supón "un risco para as persoas e o ambiente". ADEGA denuncia que a emerxencia cinexética "vai supoñer a presenza de centos de armas de caza no monte sen practicamente ningún tipo de limitación e sen dúbida aumentará a probabilidade de accidentes" e alerta de que "transitar polo monte en practicamente todo o país até o 25 de febreiro vai ser unha actividade de alto risco".
"Transitar polo monte en practicamente todo o país até o 25 de febreiro vai ser unha actividade de alto risco", alerta a entidade
"No monte galego sempre hai persoas: veciñanza dos lugares próximos, profesionais forestais, gandeiras, camiñantes, colleitadoras de cogomelos, deportistas...", lembra a entidade. "Permitir a caza fóra dos terreos cinexéticos e mesmo en espazos protexidos por parte de calquera persoa (con autorización expresa), é temerario. Nestas áreas a realización de batidas pode interferir ou alterar a dinámica ecolóxica de moitos seres vivos presentes en espazos naturais ou mesmo ser causa de mortes accidentais de especies protexidas, quer o lobo, o oso...", engade.
ADEGA reclama "contar con datos fiábeis das poboacións de xabarín, e en xeral da fauna salvaxe, para propoñer medidas e xestionar con criterios científicos as súas poboacións"
Tamén alerta de que a extensión da peste porcina (outro dos argumentos empregados pola Xunta para adopción desta decisión), "esta non vai ser controlada con medidas como estas", sinala ADEGA, que alerta de que "mesmo poderían contribuir a agravar orisco de dispersión deste andazo ao mover pezas abatidas de xabarín por todo o país, unicamente cunha comunicación nos 15 días posteriores á morte, e sen protocolo de bioseguridade ningún".