Dende este mércores a caza do lobo ibérico está prohibida en todo o Estado español, agás circunstancias excepcionais, despois de que este martes o BOE publicase a orde do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico que inclúe este animal no Listado de Especies en Réxime de Protección Especial (LESPRE), como xa fora aprobado o pasado mes de febreiro. Ata agora a caza só estaba prohibida ao sur do Douro, pero permitíase ao norte deste río, nun territorio no que o animal se atopa nunha mellor situación e que reúne ao 95% de todos os exemplares existentes no Estado.
Ata agora a caza só estaba prohibida ao sur do río Douro, pero permitíase no norte
A prohibición da súa caza partiu dunha proposta da Asociación para a Conservación e Estudo do Lobo Ibérico (ASCEL) e era unha vella demanda do movemento ecoloxista. Pola contra, asociacións de gandeiros manifestaron a súa oposición á protección desta especie, sinalando o seu temor a un incremento dos ataques contra o seu gando. Os Gobernos de Galicia, Asturias, Cantabria e Castela-León tamén manifestaron o seu rexeitamento á medida e, por exemplo, a Xunta xa anunciou que recorrerá xudicialmente a orde do Ministerio e esixirá que se paralice a súa aplicación a través de medidas cautelares de suspensión ata que se adopte unha decisión sobre o seu recurso.
A Xunta xa anunciou que recorrerá xudicialmente a orde do Ministerio e esixirá que se paralice a súa aplicación a través de medidas cautelares de suspensión ata que se adopte unha decisión sobre o seu recurso
En rolda de prensa, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, denunciou este martes que a medida deixa nunha situación “moi delicada" a "os gandeiros e a xente que vive no rural". Vázquez afirma que a orde “non suporá o incremento dos recursos humanos e económicos” por parte do Estado, defendendo que "a Xunta xa non poderá conceder axudas económicas, como facía ata o de agora, ás explotacións afectadas polos danos que causen estes animais".
“Estamos ante unha medida que nos causa sorpresa, frustración e indignación. É moi triste que por parte dun Ministerio non haxa diálogo coas comunidades que ao longo de moitos anos tivemos os nosos plans específicos de protección do lobo”, afirmou a conselleira, que defendeu que a Xunta "leva anos xestionando as poboacións desta especie en solitario e con éxito". O pasado mes de marzo o Goberno galego admitiu que dende o ano 2015 non realiza un censo da poboación de lobos en Galicia, polo que resulta imposible coñecer a situación exacta da especie. Calcúlase que en Galicia pode haber entre 600 e 800 exemplares de lobo, unha cifra que se mantería estable dende hai anos.
O Goberno central "ten previsión de incorporación de compromisos orzamentarios para contribuír á tarefa que ata agora soportaran en exclusiva as comunidades", sinala o Ministerio
Pola súa banda, o secretario de Estado de Medioambiente, Hugo Morán, anunciou este martes que o Ministerio "ten xa as previsións de incorporación dun paquete de compromisos orzamentarios e de apoio técnico e de recursos humanos para contribuír á tarefa que ata agora soportaran en exclusiva as comunidades autónomas". O obxectivo, sinalou Morán é que "dunha vez por todas non sexa o gandeiro quen teña que asumir sobre as súas costas o custo da xestión dunha especie que é un patrimonio do conxunto da sociedade".
Galicia sinala que manterá unha "fronte común" con Asturias, Cantabria e Castela-León para deixar sen efecto a orde ministerial. As catro comunidades autónomas convocaron para esta tarde ás "organizacións profesionais agrarias nacionais" para falar do impacto que terá a medida para o sector e valorar posibles liñas conxuntas de actuación.
A medida foi tamén criticada polas organizacións agrarias ASAJA, COAG e UPA, na que está integrada Unións Agrarias, que acusan ao Goberno central de tomar unha medida “urbanita e irresponsable”
A medida foi tamén criticada polas organizacións agrarias ASAJA, COAG e UPA, na que está integrada Unións Agrarias. Nun comunicado, as tres entidades acusan ao Goberno central de tomar unha medida “urbanita e irresponsable”, que causará "dor e perdas económicas no medio rural" e denuncian que o Ministerio adoptou unha decisión “tendenciosa e ideolóxica” baseada na "falsidade" de que o lobo está "ameazado en España". "A blindaxe do lobo é un ataque á gandaría e ás razas autóctonas da Península Ibérica. Os ataques ao gando aumentarán. As perdas da gandaría aumentarán. O despoboamento aumentará", engaden.
Dende este mércores o animal integra o listado de especies protexidas e só pode ser cazado se houbo ataques de importancia contra explotacións gandeiras e fracasaron as medidas preventivas
A orde ministerial especifica que as comunidades autónomas poderán autorizar a caza de exemplares de lobo ibérico sempre que se cumpran tres criterios: o primeiro, "que non exista outra solución satisfactoria, isto é cando se demostrou que se aplicaron adecuadamente por parte das explotacións afectadas medidas preventivas ou de protección do gando, e estas resultasen ineficaces"; en segundo lugar, que "se xustifique co mellor coñecemento dispoñible que a medida de extracción e captura de exemplares non afecta negativamente ao estado de conservación favorable da especie"; e, en terceiro lugar, que "se xustifique a existencia de prexuízos importantes para o gando nas explotacións afectadas". A caza ou captura de exemplares deberá ser "selectiva", realizarse nun tempo o máis próximo posible ao prexuízo e o máis próximo ás explotacións afectadas.
Ecoloxistas en Acción demándalle aos Gobernos de Galicia, Asturias, Cantabria e Castela-León que deixen de "alimentar artificialmente o conflito social entre o lobo e gandeiras e gandeiros" e que adopten "medidas de apoio á gandaría"
Fronte ás críticas de gobernos autonómicos e gandeiros, o ecoloxismo celebra a medida. Ecoloxistas en Acción pide que leve aparelladas outras actuacións encamiñadas a "asegurar o adecuado estado de conservación do lobo, potenciando a coexistencia entre o lobo e a gandaría tomando medidas preventivas para reducir os ataques e perseguindo a caza ilegal". A organización ambientalista demándalle así mesmo aos Gobernos de Galicia, Asturias, Cantabria e Castela-León que deixen de "alimentar artificialmente o conflito social entre o lobo e gandeiras e gandeiros" e que adopten "medidas de apoio á gandaría extensiva para solucionar os moitos problemas aos que se enfrontan, como son o prezo dos seus produtos, unha inadecuada PAC e a falta de apoio das administracións".
ADEGA afirma que o problema co lobo en Galicia "non é a súa protección, senón que a Xunta non ofrece solucións á gandería"
De igual xeito, hai uns meses ADEGA afirmaba que o problema co lobo en Galicia "non é a súa protección, senón que a Xunta non ofrece solucións á gandería" e sinalaba que a inclusión do lobo na LESRPE "será positiva para a protección da especie" e non ten por que "resultar negativa para as explotacións gandeiras" sempre e cando "a Administración asuma a súa responsabilidade de propiciar recursos e instrumentos necesarios e axeitados para tal fin", engadindo que décadas de caza (legal e ilegal) do lobo en Galicia demostraron "que esta medida resultou infrutuosa para solucionar o problema". A organización ambientalista lembraba que dende o ano 2013 non se cazou de forma legal ningún lobo en Galicia, mentres que a caza furtiva si vén sendo habitual, morrendo deste xeito ao redor de 200 ou 300 lobos cada ano no país.
Unha das novidades que incorpora o cambio do estatus legal do lobo é que permitirá loitar de xeito máis contundente contra a caza furtiva. Matar un lobo sen autorización considerarase un delito penal (recollido no artigo 334 do Código Penal) o que podería implicar penas de cárcere de entre seis meses e dous anos. E, ademais, inhabilitación especial para profesión ou oficio e para o exercicio do dereito de cazar ou pescar de dous a catro anos.