O Goberno galego defende manter a caza do animal fronte á maior protección que lle quere dar o ministerio pero non terá os datos sobre a súa poboación ata dentro dun ano
“Os últimos datos do censo de lobo ibérico en Galicia correspóndense ao período 2013-2015”. Así admite a Xunta que carece de datos máis actuais sobre a poboación de lobos existente en Galicia, especie que quere que se poida seguir cazando como ata agora fronte á maior protección que lle quere dar o Goberno central. Faino na documentación coa que agora inicia o procedemento para contratar un novo censo do lobo, cuxos datos non terá ata dentro dun ano.
O novo censo que agora vai encargar a Consellería de Medio Ambiente por 70.000 euros prevé que o traballo de campo se realice entre xuño e outubro, e tras a posterior análise dos datos os seus resultados non se prevén ata marzo de 2022.
A Xunta sinala na documentación oficial para encargar o censo que “o lobo forma parte do patrimonio natural e cultural de Galicia, pero ao mesmo tempo xera unha conflitividade relevante"
Nos pregos de condicións do concurso que agora vén de licitar, a Xunta sinala que “o lobo forma parte do patrimonio natural e cultural de Galicia, pero ao mesmo tempo xera unha conflitividade relevante co ser humano asociada aos danos que causa ao gando que dá lugar a unha problemática social que pode derivar en problemas de conservación para a especie, polo que esta debe de ser obxecto dunha atención especial”. Para iso, “considérase imprescindible a mellora e actualización periódica do coñecemento sobre as poboacións de lobo en Galicia, principalmente no relativo á súa evolución e tendencia”, di Medio Ambiente, que a continuación admite que os últimos datos do censo son de 2013-2015.
O Plan de xestión do lobo en Galicia, aprobado polo bipartito a finais de 2008, estableceu que se debían realizar “programas de seguimento periódicos da poboación do lobo en Galicia”, fixando o período entre os meses de abril e outubro como o momento adecuado e indicando que se debía prestar “especial atención á tendencia poboacional e á evolución da conectividade das zonas onde a poboación corre risco de verse fragmentada (como é o caso da Costa da Morte), así como o estado poboacional nas zonas onde se apliquen plans de control da especie”.
Segundo o censo de 2015, en Galicia había unhas 90 manadas e uns 700 lobos, fronte ás 60 manadas e uns 500 lobos dunha década antes
Segundo o censo de 2015, en Galicia había unhas 90 manadas e uns 700 lobos, fronte ás 60 manadas e uns 500 lobos dunha década antes. A Xunta non lembra estes datos na documentación coa que agora encarga un novo censo pero si pon o foco nos danos que atribúe á especie: “Nos últimos anos constatouse un incremento significativo dos danos producidos polo lobo na Comunidade Autónoma, o que xerou un aumento da conflitividade social nos concellos con niveis máis elevados destes danos. Así, desde o ano 2014 o número de avisos por danos de lobo experimentou un incremento global do 125% (pasando de 618 avisos por danos en 2014 a 1.396 avisos no ano 2019). O número de animais afectados experimentou así mesmo un incremento global neto no período dun 58% (pasando de 1.466 animais afectados en 2014 a 2.321 no ano 2019)”.