A maior protección do lobo, que agora debe ser apborada polo Ministerio de Transición Ecolóxica, decidiuse por unha exigua maioría
A Comisión Estatal para o Patrimonio Natural, na que están representadas todas as comunidades autónomas, aprobou este xoves a inclusión do lobo no listado de especies con Protección Especial, como propoñía o Goberno central. Foi a través dunha votación moi axustada, na que houbo oito territorios a favor (Cataluña, Aragón, A Rioxa, Estremadura, Castela-A Mancha, Canarias, Baleares e Melilla) e outros oito en contra (Galicia, Asturias, Cantabria, Castela e León, Madrid, País Vasco, Andalucía e Murcia), sendo decisivo para a súa aprobación o voto do propio Ministerio de Transición Ecolóxica, despois de que a Comunidade Valenciana e Navarra decidisen non votar.
Agora o Ministerio de Transición Ecolóxica debe aprobar a orde para revise o status legal desta especie, como recomendaban tamén os informes científicos, que subliñan a “súa importancia como patrimonio natural, científico, así como polos servizos ambientais que produce nos ecosistemas”. Tamén o vén reclamando de forma reiterada a Comisión Europea, que ameaza con sancionar ao Estado español pola falta de protección do lobo e tamén da rula. No caso da rula, unha especie vulnerable cuxa poboación descendeu radicalmente nos últimos anos, non houbo maioría na Comisión para aprobar a súa protección.
A Comisión Europea ameaza con sancionar a España pola falta de protección do lobo
O lobo xa non poderá ser cazado de forma xeneralizada ao norte do río Douro, como sucedía ata agora, aínda que si se poderán realizar "controis poboacionais" en zonas específicas se se documentan ataques sistemáticos á gandaría, indica o Ministerio de Transición Ecolóxica.
A Xunta alerta dos prexuízos que unha maior protección do lobo pode ter para a gandaría "e as zonas rurais"
A medida foi celebrada polas organizacións ecoloxistas e criticada por asociacións de gandeiros e tamén pola Xunta de Galicia, que dende hai anos vén opoñéndose a protexer o lobo e que votou en contra na Comisión. O Goberno galego criticou que a decisión se adoptase habendo unha maioría tan exigua ao seu favor e coa oposición de varios dos territorios que acollen as maiores poboacións desta especie, como Asturias, Castela-León e a propia Galicia. A Xunta alerta dos prexuízos que unha maior protección do lobo pode ter para a gandaría "e as zonas rurais" e afirma que "o acordo, de levarse a termo, pode vulnerar as competencias exclusivas en materia de caza das Comunidades Autónomas".
O lobo é unha especie "fundamental para o equilibrio ecolóxico dos ecosistemas" e por exemplo é "o principal depredador natural das poboacións de xabaríns"
Pola contra, ADEGA celebra a medida, que "obrigará á Xunta, malia a súa forte oposición, a reformular o Plan de Xestión para establecer novas e máis severas medidas de protección do lobo en territorio galego". Nos últimos meses a organización ecoloxista galega remitiu unha carta ao Ministerio de Transición Ecolóxica para rebater os argumentos empregados pola Xunta e "ofrecer unha visión máis achegada á realidade do estado da poboación de lobo en Galiza dos seus problemas de xestión". A entidade subliña que os ataques do lobo sobre o gando supoñen un impacto económico dun 0,037% sobre o total do valor da cabana gandeira no noso país e destaca que a poboación desta especie non medrou nas últimas décadas.
Varias entidades reclaman que a Xunta apoie máis aos gandeiros que sofren algún ataque por parte de lobos e outros animais, cubrindo as súas perdas económicas e ofrecendo axudas para a compra, cría e mantemento de mastíns
De igual xeito, Ecoloxistas en Acción festexou o resultado da votación, "en liña coa postura do comité asesor científico, que esixe unha xestión da fauna que se afaste dos postulados de lobbys non científicos", e criticou a postura contraria á protección do lobo por parte da Xunta, "moi afastada dos criterios sociais e científicos que debería defender". A entidade lembra que o lobo é unha especie "fundamental para o equilibrio ecolóxico dos ecosistemas" e que por exemplo é "o principal depredador natural das poboacións de xabaríns" e insta á Xunta "a que vexa no lobo un aliado natural" e non "un inimigo". "O lobo é un depredador apical, e as súas poboacións non precisan de ningún control letal por parte dos humanos", conclúe a entidade.
Ecoloxistas en Acción reclama que a Xunta persiga as persoas responsables dos episodios de caza ilegal de lobos rexistrados en Galicia. E, de igual xeito, ADEGA denuncia que "os controis das poboacións mediante batidas e agardas regresaron en 2020 á axenda de autorizacións da Consellería de Medio Ambiente, despois dun breve período no que eses permisos semellaban terse restrinxido a situacións moi excepcionais". A entidade critica que "estas autorizacións se están outorgando sen a debida rigorosidade, e incumprindo o procedemento decretado no Plan de Xestión do Lobo". Ademais, a caza furtiva, a colocación de lazos ou o uso de veleno están detrás da morte duns 200 a 300 lobos ao ano, sinala ADEGA.
A Unións de Pequenos Agricultores (UPA), na que se integra Unións Agrarias, criticou con dureza o obxectivo de protexer o lobo, afirmando que "somos os gandeiros os que estamos en perigo de extinción"
Pola súa banda, a Unións de Pequenos Agricultores (UPA), na que se integra Unións Agrarias, criticou con dureza o obxectivo de protexer o lobo, afirmando que "somos os gandeiros os que estamos en perigo de extinción". "Está en xogo a pervivencia da gandaría extensiva no noso país e con iso a súa achega ao coidado do medio ambiente, en especial nas zonas de montaña", engade a UPA.
ADEGA ten demandado en varias ocasións, ao igual que outras organizacións, que a Xunta empreste un maior apoio aos gandeiros que sofren algún ataque por parte de lobos e outros animais, cubrindo as súas perdas económicas e ofrecendo axudas para a compra, cría e mantemento de mastíns. De igual xeito, nos últimos anos entidades como o grupo de opinión O-Xan veñen reclamando que o Goberno galego poña "os medios para que haxa unha boa convivencia co lobo".
Entre 600 e 800 exemplares
Calcúlase que en Galicia pode haber entre 600 e 800 exemplares de lobo, unha cifra que se mantén estable dende hai anos
O Plan de Xestión do Lobo ten como obxectivo "manter unha poboación viable de lobos dentro dun marco de coexistencia co mundo rural e compatible coas actividades agropecuarias, que contribúan á conservación da poboación ibérica" e "manter unha poboación estable e continua de lobos, similar á actual". O lobo está presente no 72,17% do territorio galego, máis en Lugo e Ourense e en menor medida na provincia de Pontevedra. Calcúlase que en Galicia pode haber entre 600 e 800 exemplares de lobo, unha cifra que se mantén estable dende hai anos, con ao redor de 90 mandas, moitas delas compartidas con Asturias, León e o Norte de Portugal. No conxunto do Estado español a poboación total móvese entre oa 2.000 e 2.500 exemplares.