Hai dous días apareceu no monte o cadáver dun lobo de curta idade, morto por arma de fogo. O animal estaba entre os lugares de Valiñas e Romai, no límite entre os concellos de Barro e Portas (Pontevedra), espazos todos que no Plan de Xestión do Lobo (2009) corresponden á Zona 3, na que "non se autorizarán controis salvo casos excepcionais que terán que estar especialmente xustificados". É dicir, que a súa caza ou a realización de batidas, está prohibida.
O achado foi denunciado na conta de Facebook DocPortas, que sinalaba que o cadáver presentaba "claros signos de ter sido unha morte violenta, con feridas profundas nos cuartos traseiros e no pescozo" e engadía que "como soe pasar todas as tempadas con algún raposo, deixan abandonado o cadáver a plena vista". "De confirmarse que é un lobo e que morreu por arma de fogo estariamos ante a morte dun animal protexido a mans de vingadores sen lei", concluía. O animal, que tamén amosaba evidencias de sarna, foi trasladado por Axentes Ambientais ata o Centro de Recuperación de Fauna Salvaxe (CRFS) de Cotorredondo para facerlle a necropsia. A través de twitter Aprafoga (Asociación profesional dos Axentes Forestais e Medioambientais de Galicia) confirmou que se trataba dun lobo.
O Plan de Xestión do Lobo ten como obxectivo "manter unha poboación viable de lobos dentro dun marco de coexistencia co mundo rural e compatible coas actividades agropecuarias, que contribúan á conservación da poboación ibérica" e "manter unha poboación estable e continua de lobos, similar á actual". O lobo está presente no 72,17% do territorio galego, máis en Lugo e Ourense e en menor medida na provincia de Pontevedra. Con todo, é o norte da provincia de Pontevedra e o sur da de Ourense a que presentaría concentracións maiores. O censo de lobo ibérico realizado entre os anos 2013 e 2015 cifraba as mandas de lobos existentes en Galicia en 90, 14 delas compartidas con Asturias, Castela-León e o norte de Portugal. O número total de lobos en Galicia situaríase así entre os 600 e os 800 exemplares.
As axudas convocadas pola Xunta para paliar os danos producidos polo lobo para o ano 2018 achegan cen mil euros menos que o ano pasado
En 2016 o número total de reses mortas por ataques de lobos (ou doutros animais) foi de 1.573, fronte ás 1.258 de 2015 e ás 1.466 de 2014, unha cifra que se mantén estable nesta década, e que tivo o seu máximo en 2010 (1.733). Neste tempo descendeu o número de ovellas mortas, pero incrementouse o de vacas. Lugo é a provincia con máis reses mortas, con máis dun terzo do total.
A pesar disto, as axudas convocadas pola Xunta para paliar os danos producidos polo lobo para o ano 2018, publicadas hai unha semana, achegan 279.958 euros, cen mil euros menos dos que se achegaban na orde correspondente ao pasado ano (379.958) e inferior tamén á convocatoria de axudas para 2016 (358.958 euros).