Axentes medioambientais investigan a morte por un disparo dunha loba no lugar da Rabadeira, na parroquia de San Mamede de Seavia, no concello coruñés de Coristanco. O animal foi atopado o pasado sábado e convértese no terceiro lobo cazado de forma ilegal no que levamos de ano en Galicia, tralos casos de Barro en xaneiro e de Cerdedo-Cotobade en febreiro. Os axentes medioambientais do Distrito II (Bergantiños-Mariñas Coruñesas) lembran que a caza do lobo só está permitida con autorización directa da Xunta, algo que non se produciu neste caso, e só en certas zonas.
Convértese no terceiro lobo cazado de forma ilegal no que levamos de ano en Galicia, tralos casos de Barro en xaneiro e de Cerdedo-Cotobade en febreiro
No Plan de Xestión do Lobo (2009) o concello de Coristanco figura como Zona 3, na que "non se autorizarán controis salvo casos excepcionais que terán que estar especialmente xustificados". É dicir, que a súa caza ou a realización de batidas, está prohibida. Os axentes subliñan que non existen reclamacións nos últimos anos na zona a causa de danos producidos por esta especie. E subliñan que o lobo é "o único preeiro que pode controlar a poboación de xabarín, que si ocasiona danos nos cultivos agrícolas da zona".
Alertan, ademais, de que o disparo que lle causou a morte efectuouse na zona de seguridade próxima ás vivendas do lugar da Rabadeira e en dirección a unha estrada. E comentan que o animal tamén presentaba varios orificios nas patas traseiras coa aparencia de ser ocasionados por perdigóns, pero que parecían provir dun intento anterior de caza que só lle provocara feridas.
O disparo que lle causou a morte efectuouse na zona de seguridade próxima a unhas vivendas
Á espera dos resultados da necropsia, os axentes medioambientais solicitan a colaboración cidadá para que calquera persoa que teña algún dato do suceso se poña en contacto do Distrito II da comarca de Bergantiños ou que acuda á oficina comarcal do distrito ambiental, situada no edificio Fórum de Carballo.
