Fracaso. Ridículo. Ou directamente barbarie. A pasada fin de semana a moi publicitada batida de lobo organizada en Friol acabou coa morte dun can a disparos dos cazadores. A acción recibira previamente as críticas dos colectivos ecoloxistas, que poñían en cuestión a súa necesidade e que criticaron o feito de que a Xunta lle concedese autorización pola vía rápida. E o seu desenvolvemento -con presenza de menores de idade, o uso de foguetes e unha grande exaltación en determinados medios de comunicación- e a súa resolución redobraron as denuncias. "O resultado de semellante despropósito estivo á altura das chafalladas e do cúmulo de irregularidades cometidas: rematou coa morte dun pobre cadelo que tivo a mala sorte de cruzarse no camiño dos escopeteiros", sinalan dende ADEGA.
"O resultado de semellante despropósito estivo á altura das chafalladas e do cúmulo de irregularidades cometidas: rematou coa morte dun pobre cadelo que tivo a mala sorte de cruzarse no camiño dos escopeteiros"
A pesar do fracaso e da alarma social creada, o Concello de Friol ven de solicitar permiso para a realización dunha nova batida, na vindeira fin de semana. ADEGA, Federación Ecoloxista Galega, GEAS (Grupo de Estudo dos Animais Salvaxes), ASCEL (Asociación para la conservación y estudio del lobo ibérico) e o Grupo Naturalista Hábitat veñen de iniciar unha campaña para pedirlle ao Goberno galego que non autorice esta acción.
Fronte ás batidas, estes colectivos defenden a aplicación de "medidas preventivas" e as "compensacións xustas por danos e lucro cesante efectuadas con celeridade", así coma "a concienciación social, a desactivación dos conflitos, a información obxectiva e a investigación do lobo", que deben ser "os principios reitores na xestión e conservación do lobo fronte aos chamados controis poboacionais.
Presións dos cazadores
Nos días previos á batida celebrada a pasada fin de semana, ADEGA lembraba que as batidas e agardas de lobo son unha "medida de moi marcada excepcionalidade" que "só debería ter lugar cando quedara demostrado non resultar efectivas a aplicación combinada das medidas preventivas e os pagos por danos" e que "a caza do lobo por danos debe contar cun informe técnico que xustifique un alcance de danos as explotacións gandeiras que teña lugar de maneira recorrente". A entidade enmarcaba a autorización da batida de Friol na "presión que se exerce dende determinados colectivos" para que "o lobo sexa cazable coma trofeo na Galiza".
ADEGA destacaba, así mesmo, que a poboación de lobos en Galicia "está estancada" e que "os datos oficiais do estado da poboación non demostran un incremento", denunciando a existencia nos medios de comunicación e nas redes sociais de "informacións desproporcionadas, alarmistas, e incluso falsas que se reproducen vertixinosamente e están a desvirtuar a realidade do lobo".
Prevención, compensacións, información
ADEGA subliña que a prevención vén mostrándose coma "o método máis efectivo para reducir os ataques de lobo á gandería"
ADEGA subliña que a prevención vén mostrándose coma "o método máis efectivo para reducir os ataques de lobo á gandería" e reclámalle á Xunta que achegue "asesoramento, asistencia e recursos suficientes, nomeadamente nas zonas con maior índice de danos". "O que non pode ser é que existan explotacións con danos recorrentes, para as cales se teñen solicitado batidas, que nin tan sequera teñen demandado as axudas previstas para prevención que dispón a Xunta", din.
A entidade demanda, igualmente, medidas suficientes de compensación e ou indemnización de danos para os gandeiros afectados por ataques e ques estes pagamentos sexan rápidos
A entidade demanda, igualmente, medidas suficientes de compensación e ou indemnización de danos para os gandeiros afectados por ataques e ques estes pagamentos sexan rápidos. "A demora actual que existe por pagos atrasados e tardanza na súa execución réstalle credibilidade a este mecanismo indemnizatorio, coa consecuencia de que entre as persoas gandeiras afectadas exista unha moi mala percepción das mesmas e, polo tanto, non axude a mellorar a coexistencia de lobo e gando", explica.