Os cazadores galegos poderán ignorar as restricións de mobilidade e reunión pola COVID cando persigan lobos e xabaríns

Cazadores nun monte galego © Federación Galega de Caza

Dende os primeiros días de novembro está en vigor en boa parte de Galicia unha serie de restricións que buscan reducir a transmisión do coronavirus. As medidas, que xa afectan a case 70 concellos, entre os que se inclúe toda a Galicia urbana, inclúen peches perimetrais de termos municipais ou dunha agrupación de localidade e a prohibición de realizar reunións sociais por parte de persoas non convivintes.

Cando se leven a cabo "accións de caza" contra lobos e xabaríns, estas persoas poderán ignorar os peches perimetrais e poderán realizar xuntanzas con persoas coas que non convivan

Todos os habitantes destes concellos (que abranguen dúas terceiras partes da poboación galega) deben cumprir con estas medidas, agás algunhas excepcións que para as limitacións de mobilidade se refiren a actividades laborais e de estudos, emerxencias médicas ou o coidado de persoas dependentes. Dende esta semana a caza incorpórase como unha excepción máis, polo que os cazadores galegos poderán ignorar as restricións impostas polo Goberno galego.

Así o anunciou a Consellaría de Medio Ambiente nunha circular, que establece as condicións que debe cumprir a actividade cinexética para quedar exenta das medidas de control do coronavirus. Así, cando se leven a cabo "accións de caza" contra lobos e xabaríns, estas persoas poderán ignorar os peches perimetrais e poderán realizar xuntanzas con persoas coas que non convivan. 

Grupo de cazadores © Federación Galega de Caza

Medio Ambiente xustifica a medida no "incremento" da poboación de xabaríns en Galicia e na necesidade de loitar contra os "danos ocasionados polo lobo sobre a gandaría"

Estas "accións de caza" contra os xabaríns deberán estar de acordo coa planificación aprobada para a tempada de caza 2020/2021 nos Plans Anuais de Aproveitamento Cinexético dos tecor ou ser accións autorizadas especificamente en terreos de réxime cinexético común. Nas excepcións tamén se inclúen "accións de caza con ocasión de danos á agricultura ou á gandería ocasionados polo xabaril e/ou lobo", que requiriran da súa "comprobación previa" por parte das xefaturas territoriais da Consellaría de Medio Ambiente. E, igualmente, tamén se incluirán nas excepcións as accións de caza "como consecuencia de accidentes graves de tráfico reiterados nun mesmo punto quilométrico".

Nestas accións a Consellaría de Medio Ambiente permite a actividade cinexética "en todas as súas modalidades", pero esixe que se respecte a distancia de seguridade interpersoal de 1,5 metros e o uso da máscara de protección, obrigatorio en todo caso aínda que se manteña a distancia de seguridade.

Medio Ambiente xustifica a medida no "incremento" da poboación de xabaríns en Galicia "que obedece aos cambios de uso no medio e ás características ecolóxicas da especie". E subliña que o esta especie "provoca múltiples danos na agricultura e numerosos accidentes de tráfico". A Consellaría engade que "a sobrepoboación de xabaril constitúe un factor importante na difusión e mantemento da Peste Porcina Africana". Tamén sinala a necesidade de "poder actuar tamén en situacións puntuais reiteradas de danos ocasionados polo lobo sobre a gandaría que impidan ou dificulten o normal funcionamento deste sector".

Unións Agrarias e a Federación Galega de Caza celebraron a medida, que levaban semanas reclamando

A medida anunciada pola Xunta foi xa celebrada por Unións Agrarias, que agradeceu "a intervención do presidente da Xunta para despexar as dúbidas que pendían sobre a caza en Galicia". O sindicato criticara nas últimas semanas a “inseguridade xurídica” existente no colectivo cinexético debido ás restricións á mobilidade aprobadas para loitar contra a covid-19. "Unha inseguridade que estaba a xerar dificultades á hora de completar cuadrilllas; provocando un descenso preocupante no ritmo de capturas", sinala Unións Agrarias.

Tamén a Federación Galega de Caza levaba tempo solicitando que os cazadores puidesen eludir as restricións xerais que se aplican a toda a poboación e que a caza fose considerada unha "actividade esencial", en base aos mesmos argumentos empregados pola Xunta para incluír esta nova excepción. Este xoves a Federación celebrou o anuncio realizado pola Consellaría de Medio Ambiente, subliñando que "o traballo realizado pola FGC da parte dos seus froitos".

Grupo de cazadores de Outeiro de Rei © Osturravalados Outeiro de Rei

Un brote ligado a cazadores levou a unha alerta vermella en Sarria

En Sarria un grupo de cazadores levou a cabo unha celebración no espazo pechado dun restaurante. Catro deles resultaron contaxiados, infectando posteriormente a varios membros das súas familias

Nos últimos días o número de casos de coronavirus detectados no Concello de Sarria sufriu un rápido incremento que levou a que a Xunta situase esta localidade no seu nivel máximo de alerta (nivel 3), unha alerta vermella que aínda se mantén se se teñen en conta os positivos dos últimos sete días. Desta situación responsabilizouse a dous gromos iniciados en dúas reunións sociais protagonizadas nun caso por policías e noutro por cazadores. Neste caso, o grupo levou a cabo unha celebración no espazo pechado dun restaurante, despois dunha xornada de caza na que participaron nove persoas. Catro deles resultaron contaxiados nese xantar, infectando posteriormente a varios membros das súas familias.

Situacións semellantes foron denunciadas noutros territorios do Estado, con varios brotes de coronavirus ligadas a grupos de cazadores e aos seus encontros en bares e restaurantes, como sucedeu o mes pasado en Cantabria. Entidades como Libera veñen denunciando tamén a ausencia de medidas de prevención en batidas de caza celebradas en Galicia, sinalando casos concretos en Outeiro de Rei ou Carnota, das que se tivo coñecemento a través das fotografías publicadas polos propios cazadores nas redes sociais.

Críticas da Xunta á protección do lobo proposta polo Ministerio

O Ministerio anunciou a súa intención de incluír o lobo no Listado de Especies Silvestres en Réxime de Protección Especial

Nas últimas semanas o Ministerio para a Transición Ecolóxica anunciou a súa intención de incluír o lobo, antes de que remate o ano, no Listado de Especies Silvestres en Réxime de Protección Especial, polo que este animal pasaría a ter un nivel de protección semellante á que ten en Portugal e a súa caza só se podería autorizar excepcionalmente baixo criterios máis estritos que na actualidade.

"Unha maior protección do lobo implica romper o actual equilibrio entre a conservación desta especie e o mantemento das razas autóctonas en extensivo", di a Xunta

Na actualidade, o lobo ibérico xa está incluído no LESPE en todo o territorio ao sur do río Douro en España, mentres que ao norte do río, onde habitan entre o 70% e o 80% do total de exemplares, o lobo si pode ser cazado. A declaración do lobo como especie protexida irá acompañada dunha serie de medidas compensatorias destinadas ás explotacións gandeiras, entre elas fondos económicos para compensar posibles danos aos seus animais.

A Xunta de Galicia xa rexeitou a medida que impulsa o Ministerio, sinalando a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, que "unha maior protección do lobo implica romper o actual equilibrio entre a conservación desta especie e o mantemento das razas autóctonas en extensivo".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.