A consellería de Medio Ambiente salienta que as federacións do sector “póñense a disposición do Goberno galego para axudar a retomar a actividade cinexética e pesqueira de forma paulatina e sempre acorde ás decisións das autoridades”
A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, mantivo este martes unha reunión por videoconferencia cos presidentes da Federación Galega de Caza, Javier Nogueira, e da Federación Galega de Pesca, Manuel Mouzo, tras a que a propia consellería salientou nun comunicado que as dúas entidades “ofrécense a colaborar coa Xunta en tarefas de control da biodiversidade”.
A reunión prodúcese despois de que entidades ecoloxistas como a Asociación para a Conservación e Estudo do Lobo (ASCEL) criticasen que a Xunta permita autorizacións excepcionais de caza “como medida de control” durante o estado de alarma.
No comunicado deste martes a Consellería de medio Ambiente salienta que “os máximos representantes de ambas entidades amosaron a súa disposición a seguir colaborando coa Xunta e lembraron que ambos colectivos poden desempeñar un importante labor de control no territorio que contribúa ao mantemento da biodiversidade”.
Medio Ambiente tamén salienta no seu comunicado que, “tendo en conta a paralización da actividade cinexética e pesqueira que supuxo a declaración do estado de alarma”, as federacións “póñense a disposición do Goberno galego para axudar a retomar a actividade cinexética e pesqueira de forma paulatina e sempre acorde ás decisións das autoridades”.
A consellería tamén asegura que as instalacións da Xunta de recuperación da fauna e os centros ictícolas seguen a funcionar con normalidade.