Critican que a Xunta inclúa a caza entre as excepcións ao confinamento

Cazadores nun monte galego © Federación Galega de Caza

Galicia e o conxunto do Estado español viven en estado de alarma dende hai 11 días. A maior parte das actividades ao aire libre están prohibidas, agás unha serie de excepcións, como a actividades laborais e outras de primeira necesidade. Porén, o pasado 21 de marzo a Xunta autorizou novas excepcións, publicadas do DOG do día seguinte.

En Galicia poden autorizarse accións de caza de especies cinexéticas nunha serie de supostos

Unha delas refírese á caza, sinalando que "excepcionalmente, e como medida de control, poderán autorizarse accións de caza de especies cinexéticas" nunha serie de supostos. Estes supostos serían a aparición de "graves danos xeneralizados á agricultura ou á gandaría", tamén a consecuencia de "accidentes graves de tráfico reiterados nun mesmo punto quilométrico" e tamén no suposto "de graves riscos en sanidade animal (prevención da entrada da peste porcina africana)".

En todos os casos, iso si, a caza debería ser practicada por un só cazador e, ademais, as xefaturas territoriais da Consellería de Medio Ambiente Territorio e Vivenda deberá comprobar previamente "os riscos, continxencias ou o grao de inseguridade".

Un xabarín © Concello de Moeche

ASCEL denuncia que esta decisión da Xunta supón un "incumprimento do estado de emerxencia" e acusa o Goberno galego de practicar un "trato de favor" en relación co colectivo de cazadores

A Asociación para a Conservación e Estudo do Lobo (ASCEL) denuncia que esta decisión da Xunta supón un "incumprimento do estado de emerxencia" e acusa o Goberno galego de practicar un "trato de favor" en relación co colectivo de cazadores.

A entidade subliña que varios dos supostos introducidos non teñen moito sentido na actual situación, sobre todo o dos accidentes de tráfico provocados, nun momento no que a circulación de vehículos se reduciu ao mínimo. 

ASCEL esixe que a Xunta dea marcha atrás e anule a medida e anuncia que xa presentou unha dobre denuncia ante a Delegación do Goberno central en Galicia e ante o Ministerio do Interior para que suprima o acordo aprobado pola Xunta, abra expediente sancionador a quen subscribira este acordo e subliñe que "ningunha actividade cinexética pode ser considerada exenta das restricións" fixadas polo estado de alarma.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.