Este sábado 18 de xaneiro celebrarase, previsiblemente, o Campionato galego de caza do raposo, unha batida contra este animal autorizada pola Xunta, e que chega un ano máis envolta na polémica e nas denuncias de ecoloxistas e de animalistas. Xa a pasada fin de semana Moraña ou Dodro acolleron campionatos provinciais, baixo as críticas de colectivos de todo tipo, entre elas as relativas ao "secretismo" que rodea estes eventos.
Triacastela, un dos lugares que acollerá o campionato, é un dos concellos máis afectados pola explosión demográfica da rata-toupa, do que o raposo é depredador
No caso do campionato galego previsto para esta fin de semana, a entidade ecoloxista ADEGA fai fincapé en que Triacastela, un dos lugares que acollerá o seu desenvolvemento, é un dos concellos das serras orientais galegas máis afectados pola explosión demográfica da rata-toupa (Arvicola terrestris ou Arvicola sherman), unha praga que está a xerar importantes danos nos cultivos e prados de oito concellos da montaña lucense (Nogais, Baralla, Cervantes, Folgoso do Courel, Navia de Suarna, Pedrafita do Cebreiro, Samos e Triacastela), incidindo xa nunha superficie superior a 1.600 hectáreas, en máis de tres mil parcelas. O raposo é un dos principais depredadores desta especie, autóctona pero que de cando en cando incrementa notablemente a súa poboación, provocando efectos negativos no medio.
Neste senso, ADEGA lembra que o raposo cumpre en Galicia "un especial papel na prevención contra a expansión da enfermidade de Lyme". Nestas ratas-toupa hospédanse os carrachos infectados coa bacteria Borrelia burgdorferi, causante da doenza. "A eliminación indiscriminada de raposos repercutirá, inevitablemente, no aumento do risco de propagación da enfermidade de Lyme e, moi especialmente, naquelas zonas nas que se ten constatada unha expansión masiva da poboación da mesofauna, como é o caso do concello de Triacastela", sinala a entidade ecoloxista.
ADEGA lembra que o raposo cumpre en Galicia "un especial papel na prevención contra a expansión da enfermidade de Lyme"
Hai dous anos Xabier Vázquez Pumariño facía a mesma denuncia neste artigo publicado en Praza.gal, relacionado tamén coas batidas de raposos autorizadas pola Xunta. "Os raposos son xustamente un dos depredadores máis eficaces para manter en baixo nivel as poboacións de micromamíferos e polo tanto aos seus parasitos externos, as carrachas", sinalaba, concluíndo que "unha sociedade avanzada e prudente, simplemente por estes motivos (existen moitos máis) prohibiría matar raposos. Aquí non, logo mataremos moscas, ou carrachas, a canonazos".
ADEGA reclama polo tanto a suspensión inmediata do campionato previsto para este sábado e pide que se rexeite de forma sistemática a autorización deste tipo de campionatos, "que xa están a ser motivo de discrepancias técnicas no seo interno da administración", sinala.
"Ao colectivo da caza entregóuselles o monte e campan por él coma se fosen os seus donos, son os que deciden que animais deben morrer e impoñen as súas falsas razóns para iso", di Equo
A asociación ambientalista critica igualmente a "falta de transparencia" de Federación Galega de Caza e Xunta, que "seguen ocultando información sobre os lugares e datas nos que están previstos ou solicitados este tipo de campionatos de caza, incumprindo a obriga de publicitar adecuadamente estes eventos e advertir a cidadanía dos riscos que estes comportan".
Así mesmo, Equo cualifica de "indecente" a "protección" e os "privilexios" concedidos pola Xunta de Galicia á Federación Galega de Caza. "Ao colectivo da caza entregóuselles o monte e campan por él coma se fosen os seus donos, son os que deciden que animais deben morrer e impoñen as súas falsas razóns para iso", denuncia a formación. Ademais, afirma que a Xunta "oculta á cidadanía as súas actividades opacas", advertindo de que esta é "unha actividade perigosa que pode poñer en risco, e fíxoó, a vida das persoas que van gozar dunha maneira saúdable da natureza".