"Estamos en contra de todos os actos que teñan que ver co maltrato animal. E consideramos que as cacerías en pleno século XXI non poden ser asumidas por unha sociedade que quere respectar os animais e que está en contra do maltrato". No último pleno da Deputación de Pontevedra, celebrado o pasado venres, a presidenta provincial Carmela Silva posicionouse con rotundidade -falando en nome de todo o seu Goberno- contra a celebración do Campionato de España de Caza de Raposo, que terá lugar este sábado nos concellos de Cerdedo-Cotobade, Campo Lameiro, Forcarei e A Estrada. Silva anunciou, ademais, que malia estar convidada á entrega de premios da proba, rexeitaba acudir á mesma.
"As cacerías en pleno século XXI non poden ser asumidas por unha sociedade que quere respectar os animais e que está en contra do maltrato", dixo Carmela Silva
É tan só unha das moitas mostras de rexeitamento que suscitou nos últimos días a organización desta batida supostamente deportiva. A oposición é máis forte na provincia de Pontevedra, que no último mes acolleu xa outros dous campionatos: o galego celebrado o pasado 20 de xaneiro en Dozón e o provincial celebrado en Barro o 13 de xaneiro. O rexeitamento é case unánime, e vai dende a maior parte das forzas políticas -agás o PP- a entidades ecoloxistas e animalistas.
Ademais do contundente posicionamento da Deputación de Pontevedra, formacións políticas como En Marea, BNG, Marea Atlántica ou Marea de Vigo pediron publicamente a suspensión do campionato, facendo fincapé ademais na responsabildade do Goberno galego e nas subvencións económicas que a Xunta entrega á Federación Galega de Caza (53.405 euros en 2017), que inclúen entre os seus obxectivos o fomento da caza nos menores. Estes campionatos "son macrocacerías que non teñen ningún tipo de sentido conservacionista, batidas prefixadas no calendario que se realizan fóra da tempada de caza menor", sinalou Rubén Pérez, portavoz de Libera. Mentres, a Federación Galega de Caza respondeu ás críticas subliñando o peso social das persoas que practican esta actividade en Galicia e a súa influencia política: "Que non se esquenzan que máis de 40.000 cazadores galegos tamén votan!".
"Numerosos grupos de persoas sairemos ao monte para tentar evitar a morte do maior número de animais posibles, exercendo o noso dereito a gozar libremente da nosa natureza e fauna", anuncian 22 colectivos animalistas
Pola súa banda, o grupo de colectivos de defensa animal de Galicia, formado por 22 entidades de todo o país, subliña a súa "máis absoluta repulsa" e pediulle á Xunta a súa anulación. Anuncian que "de non lograrse" esta anulación este sábado "numerosos grupos de persoas sairemos ao monte para tentar evitar a morte do maior número de animais posibles, exercendo o noso dereito a gozar libremente da nosa natureza e fauna, tratando de impedir unha barbarie que avergoña a calquera persoa cun mínimo de sensibilidade".
"Un absurdo e cruento anacronismo"
Tamén ADEGA se pronunciou estes días contra os campionatos de caza, que cualificou que "absurdo e cruento anacronismo". A entidade ecoloxista destaca a "forte oposición social a este tipo de eventos", subliñando que "matar animais de xeito indiscriminado, por divertimento, carece de ética e moralidade" e que probas coma a que se celebrarán mañá son "de dubidosa legalidade". Ademais, ADEGA fai fincapé en que "estas accións non logran reducir as poboacións a longo prazo, se ese é realmente o obxectivo" e que tampouco consegue recuperar poboacións como a de coello ou perdiz. E salienta que os campionatos "rompen co compromiso de aplicar un modelo de práctica cinexética que resulte o menos lesiva para a biodiversidade conforme propugna a Carta Europea sobre a Caza e Biodiversidade”.
"Son moitas as persoas cazadoras, que tanto a título individual coma por medio de asociacións cinexéticas galegas desaproban estas competicións que pouco teñen que ver coa caza ordenada"
ADEGA afirma así mesmo que "son moitas as persoas cazadoras, que tanto a título individual coma por medio de asociacións cinexéticas galegas desaproban estas competicións que pouco teñen que ver coa caza ordenada". A asociación conclúe quenon se concibe que a administración poida "apoiar e financiar con fondos públicos, así como outorgar as autorizacións, para que ditos eventos poidan celebrarse".
A entidade pide "un maior control e vixilancia da práctica cinexética", pois "non pode continuar asentada entre a Administración a permisividade e tolerancia dos continuos excesos e abusos das malas prácticas de caza que algúns, dentro de dito colectivo, exercen impunemente". Neste senso reclama que se "persiga e sancione exemplarmente as múltiples infraccións que teñen lugar" e que se estableza "unha taxa de alcol cero para a súa práctica". ADEGA lembra que se pode cazar en case o 95% de Galicia, unha comunidade autónoma con núcleos de casas dispersas por todo o territorio, o que provoca "polémica e contrariedades".