0 Gardados para despois

Medio Ambiente financia un proxecto para "fomentar" a caza entre menores de 30 anos

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


A idade mínima para participar nunha batida de caza con armas é de 16 anos, segundo a lei vixente. Nos últimos anos a concesión de licenzas a persoas menores de idade que xa superaron ese limiar experimentou en Galicia un gran ascenso: de apenas 7 novas licenzas ao ano en 2014 a case 100 no pasado 2016, segundo datos oficiais da Consellería de Medio Ambiente. Mentres organizacións que promoven esta práctica reclaman rebaixar a idade mínima para cazar e colectivos ambientalistas e parte da oposición parlamentaria piden elevala o departamento que dirixe Beatriz Mato vén de renovar a súa colaboración económica coa Federación Galega de Caza para promovela entre a poboación menor de 30 anos.

Nunha xuntanza celebrada o pasado día 13 a titular de Medio Ambiente e mais a directora xeral de Patrimonio Natural, Ana María Díaz, sentaron á mesma mesa que o presidente desta Federación, Javier Nogueira, para formalizar a "reedición do acordo de cooperación" que, coa forma xurídica de convenio, supón o financiamento público dunha "xornada divulgativa orientada a menores de 30 anos para que coñezan esta actividade como un deporte saudable e sustentable". Trátase, di a Consellería, de "fomentar entre os máis novos os valores medioambientais asociados" á caza, como "o respecto e o coidado do patrimonio natural".

As licenzas de caza a menores de idade pasaron de 7 en 2014 a case 100 o pasado ano

Atendendo á información divulgada polo Goberno galego, Medio Ambiente comprométese a contribuír á "realización de actividades de divulgación, formación e fomento da actividade cinexética" mediante a devandita "xornada de convivencia" para "mozos de ata 30 anos" que "practiquen a caza ou teñan interse nela" coa fin de "que poidan aproximarse" e considerala como "unha medida para a protección do m edio natural". As actividades, detalla, inclúen "charlas, conferencias e mesmo actividades lúdico-deportivas". 

O departamento de Beatriz Mato "reedita" os contidos do convenio asinado coa Federación Galega de Caza en 2016, ano no que a Consellería achegou 25.000 euros a esta entidade para a mesma finalidade

Alén desta xornada, o vindeiro día 29 en Trazo, o acordo "contempla a reedición do curso sobre prevención dos sinistros" para contribuír a "evitar accidentes" nas batidas de caza -14 persoas morreron nestas circunstancias na última década en Galicia- e "un curso de formación dos responsables de caza". Con esta última actividade o Executivo prevé colaborar na "formación das persoas responsables das sociedades de caza na xestión interna e administrativa" das súas entidades e ofrecerlles "nocións sobre o óptimo aproveitamento dos recursos cinexéticos en base a criterios de sustentabilidade", di a Xunta.

Na nota informativa divulgada pola Xunta ao respecto non se fai referencia a cantidade económica ningunha, se ben o feito de que se refira a unha "reedición" do "acordo de cooperación asinado en 2016" permite aproximarse á cantidade. Segundo a información publicada no Diario Oficial de Galicia o pasado maio -a referencia aos convenios no DOG está obrigada pola lei de transparencia- a achega da Consellería á Federación Galega de Caza ese ano foi de 25.000 euros en virtude dun convenio asinado o 2 de setembro para "o fomento da actividade cinexética sustentable" mediante a "organización de actividades para a promoción e divulgación" da caza.

Este acordo aínda non foi incorporado á parte pública do Rexistro de Convenios, polo que non é posible, de momento, coñecer os seus detalles. O ano anterior, 2015, foi a Secretaría Xeral para o Deporte a que colaborou coa Federación Galega de Caza por un importe un chisco superior, 27.569 euros para o seu funcionamento.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.