0 Gardados para despois

As licenzas de caza outorgadas pola Xunta a menores pasan de 7 a 98 en dous anos

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


En outubro de 2013 a morte dun mozo de 17 anos que participaba nunha batida de caza en Ribas de Miño levou ao primeiro plano da actualidade a presenza de menores de idade neste tipo de actividades. A idade mínima para participar nunha batida con armas de fogo é de 16 anos e grupos como Libera, e forzas políticas como AGE primeiro e en En Marea despois, ademais do BNG, reclamaron nos último anos que se elevase ata os 18 anos, mentres que a Federación Galega de Caza pugnou para reducila até os 14, no marco debate da reforma da lei galega que regula esta actividade. Finalmente, o límite ficou neses 16 anos (artigo 58), de xeito que un adolescente de 16 ou 17 anos que non pode conducir un coche ou votar, si pode participar nunha batida de caza con munición real, aínda que non pode manexar as armas. O debate reábrese cada vez que se produce unha morte (14 na última década) nos montes galegos produto da activididade cinexética.

A idade mínima para participar nunha batida con armas de fogo é de 16 anos e grupos como Libera, e forzas políticas como AGE primeiro e en En Marea despois, ademais do BNG, reclamaron nos último anos que se elevase ata os 18 anos

En Marea preguntoulle á Xunta de Galicia, encargada de outorgar as licenzas de caza, pola cantidade de permisos que concedera a persoas entre 16 e 18 anos. A resposta, facilitada esta semana pola Consellaría de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, amosa un evidente incremento, dende as cifras absolutamente residuais de 2013 e 2014 (8 e 7), ata as 50 licenzas de 2015 e as 98 de 2016. O número segue sendo, iso si, pequeno, entre as ao redor de 45 mil licenzas de caza existentes en Galicia, unha cifra en claro descenso nos últimos anos.

Na súa pregunta, En Marea tamén cuestionaba o Goberno galego sobre se ten previsto adoptar medidas lexislativas para restrinxir a participación de menores de idade, unha pregunta que a Consellaría eludiu responder, o que se pode entender como unha negativa.

Nos últimos tempos os colectivos de cazadores veñen facendo diversos intentos para fomentar a asistencia de mozos cada vez máis novos ás súas actividades

Nos últimos tempos os colectivos de cazadores veñen facendo diversos intentos para fomentar a asistencia de mozos cada vez máis novos ás súas actividades. Dende a celebración de cursos de caza dirixidos a menores (mesmo con nenos nos seus cartaces promocionais), o que foi denunciado por Libera ante o Valedor do Pobo. Ata a recente polémica pola publicación dun número da revista Jara y Sedal cun neno na súa portada, protagonista cun especial sobre "o futuro da caza".

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.