Galicia acollerá o campionato de España de caza do raposo, de novo envolto na polémica

O campionato galego, celebrado en Dozón a pasada fin de semana, rematou coa morte de 14 raposos © Libera

O vindeiro 3 de febreiro Galicia acollerá o Campionato de España desta modalidade, nun espazo situado entre os concellos de Cerdedo-Cotobade, Campo Lameiro, Forcarei e A Estrada. A Asociación Animalista Libera, En Marea e BNG critican o apoio económico da Xunta a estas prácticas e piden a suspensión da competición, que non estaría amparada pola Lei de Caza, segundo as entidades denunciantes. Aínda resoa a polémica xerada pola celebración do Campionato Galego de Caza de Raposo, que tivo lugar en Dozón o pasado sábado, e que fóra precedido unha semana antes polos catro campionatos provinciais.

Estes campionatos "son macrocacerías que non teñen ningún tipo de sentido conservacionista, batidas prefixadas no calendario que se realizan fóra da tempada de caza menor" sinala Rubén Pérez (Libera)

Aínda que a Lei 13/2013, de caza de Galicia, recolle a figura das competicións de caza, a forma en que estas se desenvolven incumpren os principios xerais da actividade cinexética, tal e como están previstos na propia lei: "protexer, conservar, fomentar, e aproveitar ordenadamente os recursos cinexéticos de modo compatible co equilibrio natural". Estes campionatos "son macrocacerías que non teñen ningún tipo de sentido conservacionista, batidas prefixadas no calendario que se realizan fóra da tempada de caza menor", sinala Rubén Pérez, portavoz de Libera, que critica que a Federación Galega de Caza "tenta camuflalas como unha actividade deportiva". A entidade, que xa presentou unha queixa ante a Valedora do Pobo, denuncia o apoio económico do Goberno galego á Federación Galega de Caza e a súa connivencia coa celebración destes campionatos e, en xeral, o seu soporte a "unha práctica que pervive grazas aos subsidios públicos que percibe a ultraminoría de cazadores".

Libera subliña tamén o crecente "incomodo" que xera no Goberno galego a súa proximidade aos cazadores, sinalando que "coa recente entrada en vigor da Lei de Benestar Animal o Partido Popular virou a súa estratexia para non relacionarse coa caza e, en especial, esta modalidade tan cruenta". A propia conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato, respondeu a través de twitter a unha denuncia realizada pola Marea Atlántica, afirmando que "Queremos deixar claro que a Consellería de Medio Ambiente non financia a caza do raposo. O campionato está autorizado por estar previsto na lei que considera ao raposo unha especie cinexética. En ningún caso, recibiron subvención ou axuda pola nosa parte para a súa realización", esquecendo o convenio asinado por Mato coa Federación Galega de Caza para o fomento desta actividade e o que tamén asinou a Secretaría Xeral para o Deporte para a propia realización de competicións.

Ducias de cazadores de todo o Estado desprazaranse o 3 de febreiro ata Cerdedo-Cotobade, Campo Lameiro, Forcarei e A Estrada.

Galicia, que acolleu este Campionato de España de Caza do Raposo en varias ocasións nos últimos anos (en Silleda, Rodeiro, Ourense ou Portomarín), está a converterse nun "santuario de caza de raposos en toda España", denuncia Rubén Pérez, que subliña que "non hai estudos serios que aseguren que en Galicia hai máis raposos que noutras zonas do Estado". Pérez lembra ademais que "a excesiva actividade cinexética actúa elevando a poboación da especie que é cazada, por unha simple reacción biolóxica, incrementando a súa natalidade". "Iso sucede co xabarín e vímolo nos últimos anos cos gatos ventureiros, cando se optou polo seu exterminio no canto de pola esterilización", di.

Francisco Casal (En Marea) rexistrou unha proposición non de lei no Parlamento na que esixe a paralización do campionato de España de caza do raposo do vindeiro 3 de febreiro, pide "revisar de maneira estrita e científica as xustificacións da necesidade das batidas realizadas nos campionatos de caza antes de autorizalas" e reclama a retirada de "todo tipo de axuda económica a este tipo de actividades". Para En Marea os campionatos de caza de raposo non parecen ter ningún obxectivo de xestión da especie, polo que serían ilegais. Casal cualifica de “aberrante” o apoio da Xunta e das consellerías de Medio Rural e de Medio Ambiente. “A matarraposos non nos gaña ninguén, debería de ser o lema da Xunta de Galicia, pois para isto si hai diñeiro”, dixo.

Este venres Xosé Lois Jácome (Marea de Vigo) presentará un rogo no pleno da Deputación provincial de Pontevedra, para que a institución se posicione contra a celebración deste campionato

Tamén o BNG presentara, a través de Luís Bará, unha serie de iniciativas para pedir a suspensión do campionato realizado en Dozón, unha práctica “cruel, irracional e depredadora” que consiste "en matar o maior número de raposos no menor tempo posible", denunciaba a formación nacionalista. Bará pedía “cambios legais” para prohibir a práctica competitiva de matanza de raposos e que a Xunta retire, de maneira inmediata, o seu “apoio económico”.

Este venres Xosé Lois Jácome (Marea de Vigo) presentará un rogo no pleno da Deputación provincial de Pontevedra, para que a institución se posicione contra a celebración deste campionato. A competición do 3 de febreiro será a terceira que se realice na provincia en menos dun mes, despois do campionato galego do pasado 20 de xaneiro en Dozón e do campionato provincial celebrado en Barro o 13 de xaneiro.

 

Subvencións da Xunta para o fomento da caza nos menores

O pasado ano o Goberno galego asinou dous convenios coa Federación Galega de Caza. Unha subvención de 28.405 euros entregada pola Secretaría Xeral para o Deporte "para a realización do programa de promoción e desenvolvemento da súa modalidade deportiva" que incorpora a previsión de "realizar campionatos e competicións con especial interese ás encamiñadas a mozos e mozas en idade escolar". E outra subvención de 25.000 euros a cargo da Consellería de Medio Ambiente "para o fomento da actividade cinexética sustentable no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia a través da organización de actividades para a promoción e divulgación nesta materia" que inclúe unha "xornada de convivencia" para "mozos de ata 30 anos" que "practiquen a caza ou teñan interese nela" coa fin de "que poidan aproximarse" e considerala como "unha medida para a protección do medio natural".

 

Iniciativa para prohibir a caza con cans

"Queremos que se presente un proxecto de lei, semellante ao aprobado en Escocia en 2002, que apostaría pola prohibición da caza de raposo con cans"

Libera anuncia que está traballando na inminente presentación dunha iniciativa parlamentaria para que se prohíba a utilización de cans na caza do raposo. "Estamos traballando en solucións que se deron noutros países que aínda que non erradican a práctica da caza do raposo, si que limitan a súa crueldade e o seu salvaxismo", explica Rubén Pérez. "Queremos que se presente un proxecto de lei, semellante ao aprobado en Escocia en 2002, que apostaría pola prohibición da caza de raposo con cans, o que axudaría a reducir o uso de cans na caza e, polo tanto, limitaría os malos tratos que sofren estes animais, que son utilizados polos cazadores como unha ferramenta substituíble".

"Non cremos que os cazadores sexan o noso problema, senón que o problema é quen está permitindo que os cazadores vaian alí"

En canto á posibilidade de que o 3 de febreiro se convoquen protestas no lugar de celebración do Campionato de España, Pérez afirma que "non somos partidarios de facer protestas in situ neste tema, porque nos parece que non serve de nada aumentar o nivel de confrontamento cos cazadores". "Non cremos que os cazadores sexan o noso problema, senón que o problema é quen está permitindo que os cazadores vaian alí", conclúe.

 

O campionato galego, celebrado en Dozón a pasada fin de semana, rematou coa morte de 14 raposos © Libera
O campionato galego, celebrado en Dozón a pasada fin de semana, rematou coa morte de 14 raposos © Libera
Participantes no evento celebrado en Dozón © Federación Galega de Caza
Beatriz Mato e o presidente da Federación de Caza, na sinatura do convenio © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.